# Hashtag

Os equipos galegos collen forma grazas aos Diferenciais da Primeira Futgal (Parte 2)

Os equipos da Primeira Futgal continúan coa súa posta en marcha nesta segunda xornada de competición. Tras repasar a actualidade futbolística ao norte da nosa comunidade, agora é a quenda do sur onde houbo varias actuacións destacadas.

Guerreiros á defensa do Monte da Aira

Sorpresas, goleadas e moito fútbol. A xornada en terras ourensás debuxa unha táboa clasificatoria na que a igualdade é máxima.

Iso si, o liderado do grupo 4 pertence a un Velle que suma a súa segunda vitoria tras endosarlle ao La Purísima un 4-0. Dominaban os do Monte da Aira desde os primeiros minutos, chegando ao descanso dous goles arriba. Na segunda metade, os locais aumentaron a renda desde os 11 metros cun tanto de Kike. O ariete comeza o curso con bo pé logo de asinar unha espectacular temporada no Coles. Alí asinou 27 goles para facerse co pichichi, ademais de demostrar todo o seu potencial. A vinte minutos para o final, un erro do La Purísima facía que o balón se introducira na súa propia meta, pechando o marcador cun 4-0. O conxunto adestrado por Diego Valcárcel non puido facer nada por voltear un encontro que ratifica ao Velle como candidato ao ascenso.



Sufriu máis o Monterrei. Rozavales vibrou cunha épica remontada do seu equipo ante o Melias (4-2) para sumar os tres primeiros puntos do campionato. Nada máis e nada menos que dous minutos. Ese foi o tempo que precisou Fred para adiantar aos seus. Pero a reacción dos visitantes non se fixo agardar e mesmo chegaron a poñerse por riba antes de chegar á hora de partido. O Monterrei refíxose e empatou o partido para, a continuación, levar de novo a iniciativa grazas a Fred, quen anotaba o segundo gol na súa conta particular. Pasados os 90 minutos, os locais conseguirían o 4-2 co que sentenciaron o partido.

Na Tella celebraron a apertura da temporada por todo o alto cunha vitoria do Nogueira. Os afiadores venceron ao Maceda por 3 goles a 0 e suman 4 puntos de 6 posibles. Imrane abriu a lata ao pouco de iniciarse o choque e á media hora, o resultado era xa de 2-0. Pouco antes de chegar ao entretempo, o dianteiro procedente da canteira do Ourense CF furou as redes rivais para anotar novamente. O Nogueira tan só tivo que xestionar o ritmo do encontro e, malia sufrir a expulsión de Nico Soriano, logrou manter a súa portería a salvo do ataque macedao. Vitoria para os de Toño Cerdeiro que firman un gran arranque na competición.

Goleada tras goleada

O sol da fin de semana non impediu que caeran chuvascos en forma de goles no grupo 5.



Sen pasar grandes apuros, o Ponte Caldelas impúxose ao Marcón Atlético (3-0) con claridade. A fortuna sorriulle ao combinado verde que se adiantaba na primeira metade logo de converter unha pena máxima. Minutos despois, Chuky conseguiu aumentar a diferenza a prol dos locais. O atacante, autor de 18 goles a pasada temporada, demostrou o seu bo facer para desfrute da bancada de Chan da Barcia. Plácida tarde para os afeccionados que se achegaron a animar ao seu equipo, cuxos ataques non cesaron na segunda metade. Tras o tempo de lecer, o Ponte Caldelas non tivo que agardar moito para sentenciar o encontro, anotando o terceiro e definitivo tanto no minuto 60.

Tampouco tivo problemas o Campo Lameiro, que goleou ao Flavia 5-0. A intensidade dos pontevedreses valeulles para comezar gañando aos 4 minutos. Alexandre García fixo o segundo antes do descanso. Fiel á súa cita co gol, o extremo estradense agarda realizar o bo papel da pasada temporada onde chegou a superar a barreira dos 10 tantos. Non cambiou nada ao volver dos vestiarios e o conxunto rupestre aumentou a súa vantaxe ante un indefenso Flavia, ao que se lle resiste a primeira vitoria do curso.

Pero a goleada da xornada firmouna o líder. Un Ribadumia que someteu ao Valiño na Senra, sen recibir ningún tanto e anotándolle seis (0-6). Tivo moita culpa a súa nova fichaxe, Eloy Fariña. Chegado desde o veciño Umia, o vilanovés liderou o ataque local e firmou dous goles na primeira metade. O Valiño sufriu o vendaval amarelo e negro, agardando o paso dos minutos e sen posibilidade de maquillar tan sequera o resultado final. Un notorio 6-0 que sitúa ao Ribadumia á cabeza da clasificación.



Unha apisoadora chamada Gondomar

A emoción tamén estivo presente en Vigo e arredores, cun líder que proba a súa condición de favorito ao ascenso.

Pero primeiro toca visitar terras tudenses, onde o Caldelas derrotou ao Ribera por 4 goles a 3. O conxunto do Foxo foi o primeiro en golpear e fíxoo por partida dobre con dous goles consecutivos preto do cuarto de hora do partido. A pesar de atoparse tendidos sobre a lona, os guardeses non tiraron a toalla e igualaron o choque. Foi entón cando apareceu Rodri Cabeiras para poñer por diante novamente ao Caldelas. O ariete, que levaba tan só uns minutos no terreo de xogo, chegou e bicou o santo para desatar a euforia na bancada local cos seus dous tantos. O Ribera lograría recortar distancias a 5 minutos para o final pero non puido evitar a vitoria do conxunto vermello.

Máis exitosa foi a saída do Vilaboa. O conxunto de Cobres superou ao Progresista con rotundidade (0-4) e colócase na segunda posición da táboa clasificatoria. O monólogo branquiverde estendeuse a todas as fases do partido, grazas en parte á gran actuación de Adri Cidrás. Non pasan os anos polo centrocampista que, ademais de amosar a súa calidade durante os 90 minutos, mantén a súa puntería afinada. Logo do gol de Cidrás, o Vilaboa volvería anotar na prolongación para pechar a goleada e sumar tres puntos máis na súa conta particular.

Foto: UDC Vilaboa

E con idéntico resultado pechamos os Diferenciais desta xornada. E é que o Gondomar decidiu estragarlle as festas do Alivio ao Tomiño, que recibiu un 0 a 4 no seu propio feudo. Os do Val Miñor volven golear e afiánzanse como líderes indiscutibles do grupo 6. Dominaron o encontro de comezo a fin, cun Dani Pascual en estado de graza. O xogador ten o gol entre cella e cella e xa leva 3 tantos nesta campaña. Co obxectivo de superar os 19 do ano pasado, o dianteiro de 21 anos afronta un curso apaixonante no persoal, pero tamén no colectivo, cun Gondomar chamado a encabezar o grupo 6.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.



Tamén podes acceder ás listaxes dos Diferenciais das pasadas xornadaspremendo aquí.

Os equipos galegos collen forma grazas aos Diferenciais da Primeira Futgal (Parte 2)

Os equipos galegos collen forma grazas aos

Os equipos galegos collen forma grazas aos Diferenciais da Primeira Futgal (Parte 2)

Vota polo teu favorito entre os Diferenciais