Os conxuntos da Primeira Futgal continúan coa súa posta en marcha nesta segunda xornada de competición. Futbolin Galicia non falla á cita de cada luns e recolle as actuacións máis destacadas da fin de semana nos campos galegos. Xa están aquí os Diferenciais dos grupos 1, 2 e 3.
As ‘quenllas’ morden con saña
No grupo coruñés xa se perfilan os ‘galos de pelexa’ da categoría, que contou de novo cun domingo onde os goles foron os grandes protagonistas:
Nos Pinares non pasaron da igualada e Perlío e Sporting Cambre conformáronse cun único punto tras empatar a dous tantos. Comezaron adiantándose os locais, tras converter un penalti e anotar novamente para irse aos vestiarios cun favorable 2-0. O que semellaba unha plácida tarde para a bancada de Fene converteuse nun pesadelo na segunda metade. Os cambreses viñéronse arriba e estragáronlle ao Perlío a primeira vitoria do curso ao empatar o encontro. Boa parte da culpa tívoa Alejandro Fernández, autor dos 2 goles que lle permitiron ao Cambre salvar un punto na súa visita a Ferrolterra.

É raro ver partidos da Primeira Futgal pola mañá, pero na Coruña adoita ser unha escena bastante común. A matinal herculina deixou, entre outros resultados, a goleada do Oza Xuvenil ante o Relámpago ao que se impuxo por 1-5. O Víctor Fernández Alonso, antigo Leyma, acolleu un encontro onde os goles pasaron inadvertidos nos primeiros 45 minutos. Iso si, tras o descanso, a escena variou e a ofensiva visitante logrou anotar ao pouco de volver ao campo. Uns minutos máis tarde, Cotelo lograba o segundo tanto dos azuis e o primeiro na súa conta particular. A pesar de recortar distancias, o Relámpago non puido evitar o asedio das ‘quenllas’ nos últimos dez minutos. Tres goles, un deles asinado novamente por Cotelo, acabaron coas esperanzas dos locais que se sitúan como pechacancelas do grupo 1.
A poucos quilómetros da capital provincial, Sporting Meicende e Ural firmaron táboas en Arteixo (2-2). Sen tantos na primeira metade, os branquivermellos recorreron ao talento da súa nova fichaxe para poñerse por diante. Block deixou boas sensacións ante á súa nova afección á que agarda conquistar coa súa calidade. Procedente do Victoria, o mediapunta arxentino converteu dous goles en tan só dous minutos. Pero pouco lle durou a ledicia ao Meicende. Os ‘verdes’ igualaron o enfrontamento para desesperación do combinado local, que aínda non coñece a vitoria nesta temporada.
As remontadas son cousa de Santiago e a Costa
O grupo 2 tamén ofreceu espectáculo nunha xornada parella. A igualdade é máxima entre os equipos e non só se ve reflectida no campo, senón tamén na clasificación.

A Cañoteira estreouse na Primeira Futgal cunha auténtica exhibición. Cacheiras e Queixas empataron 2 a 2 nun partido de ida e volta. Gañaban os de Teo na primeira metade, grazas á actuación de David Pombo. Tras anotar 18 goles no curso pasado, o ariete procedente da canteira azul logrou dous tantos cos que proba a súa capacidade para competir na categoría. Sen embargo, o bo facer deste xogador da casa caeu en saco roto na segunda parte. O Queixas sobrepúxose e igualou a contenda a dous minutos para finalizar o encontro, sumando un importante punto fóra da Revolta.
Pero para remontada a vivida en Santa Isabel. O Camariñas deulle a volta ao electrónico e conseguiu sumar os 3 primeiros puntos da temporada tras vencer 2-3 ao Racing San Lorenzo. Escapóuselle o partido aos picheleiros, que comezaron gañando aos 30 minutos. Ao pouco de iniciar o segundo tempo anotaron novamente, pero o Camariñas demostrou o seu carácter e logrou diminuír a renda dos locais. O seu ‘killer’, Djibril, anotaba desde os 11 metros para, un minuto despois, sumar un novo gol e empatar o encontro. A tensión medraba a cada pouco cos ánimos caldeados en ambos bandos. Pero aí apareceu o equipo da Costa, que conseguiu o terceiro tanto e a vitoria para desesperación do San Lorenzo.
Cire e Vizoño foron os encargados de abrir a segunda data de competición cunha vitoria para os visitantes por un gol a dous. Os de Abegondo foron os primeiros en adiantarse no Jesús Pampín, pero o Melide lograba a igualada ao volver do tempo de lecer. A piques de rematar e co enfrontamento case sentenciado, Jesús Ois desequilibrou a balanza a favor do Vizoño. Fundamental na medular branca, o betanceiro demostrou o olfacto goleado que o caracteriza (11 goles na pasada campaña) para darlle aos visitantes a primeira vitoria na competición.

Chantados no liderado do grupo lucense
Boa xornada á que deixan as terras da Muralla, con resultados incapaces de deixar a alguén indiferente.
Abrimos o grupo 3 debullando o agónico triunfo do Lourenzá ante o Xove Lago, ao que se impuxo por 3-2. Luís Santamarina abría a lata desde o punto de penalti, adiantando ao conxunto albivermello. Sen embargo, a ventaxa foi efémera e o cadro mariñán logrou remontar e poñerse por riba antes de chegar ao descanso. Santamarina anotou de novo unha pena máxima para lograr o empate no electrónico. E, xa no tempo engadido, Paulo González culminaba a remontada cun maxistral lanzamento de falta. A bancada de Santa Cruz toleou co golazo do seu ‘10’, que lle permite ao Lourenzá sumar os tres primeiros puntos.
Tamén se resarciu o Foz, logo de golear ao Vilalbés B (4-1) no Martínez Otero. Os locais esquecen así a derrota inicial en Monterroso, pero os chairegos non llelo puxeron doado. Con empate a un tanto, o filial do Vilalbés dispuxo de varias oportunidades para poñerse 1-2, pero a electricidade de Raúl foi clave para que Foz se puxera por diante e mesmo goleara ao seu rival. O mozo de tan só 16 anos actuou de enganche e realizou unha boa actuación no debut ante a súa afección. Procedente da canteira do Lugo, o mediapunta focense está chamado a liderar a ofensiva do equipo da súa vila.
Poñemos o peche aos Diferenciais coa vitoria do Chantada fronte ao Ribadeo por 3 a 1. Partido moi cómodo para os locais, que o mantiveron baixo control desde os primeiros compases. Lucas non fallou á súa cita co gol e suma o seu segundo tanto no que vai de campionato. O ariete ribadaviense puxo por diante aos chantadinos aos 30 minutos de partido. Xa na segunda metade, viron ampliada a súa vantaxe ata o 3-0 no que foi un claro monólogo do combinado de ‘Traste’. O Ribadeo logrou reducir distancias cando só quedaban 5 minutos, sen tempo xa para asustar ao Chantada. Tras o remate da segunda xornada, o cadro de Sangoñedo lidera a táboa clasificatoria xunto á Residencia, ambos con 6 puntos.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.
Tamén podes acceder ás listaxes dos Diferenciais das pasadas xornadas, premendo aquí.