# Hashtag

FutbolinGalicia comeza a temporada con novidades

FutbolinGalicia dálle a benvida á nova temporada reforzando a súa aposta pola información do fútbol afeccionado e feminino galego. Este verán demos conta no noso Diario dun Mercado de moitas fichaxes nos clubs galegos, pero tamén traballou arreo a dirección deportiva de FutbolinGalicia.

Pechouse a renovación de toda a redacción, polo que os artigos semanais de Carla Vizoso, Álex Vasco, Toño Rico e demais equipo non faltarán á súa cita cos lectores.

A gran nova é que FutbolinGalicia amplía a súa cobertura da Primera Futgal coa flamante incorporación do xornalista ourensán Abraham Rodríguez. Ten grandes coñecementos da categoría e chega a este medio para poñerse á fronte da sección ‘Os Diferenciais’. Deste xeito, Abraham repasará o máis destacado da xornada na Primeira, destacando as actuacións individuais máis salientables de cada fin de semana.



Dende a súa posta en marcha a pasada temporada, Os Diferenciais foi unha das seccións máis seguidas de FutbolinGalicia. Para poder ampliar a análise, esta campaña divídese en dúas publicacións. Así, os luns serán para os grupos 1, 2 e 3 (equipos da Coruña e Lugo) e o martes para o 4, 5 e 6 (Ourense e Pontevedra).

Ademais, FutbolinGalicia quere reforzar a participación dos lectores e seguidores en redes. Por iso, cada semana abrirase unha enquisa para que poidades votar polos vosos xogadores destacados da categoría.

Aínda que esta é a principal novidade, en FutbolinGalicia haberá oco para as marabillosas historias coas que, temporada tras temporada, nos agasalla o noso fútbol. Tamén para as entrevistas aos e ás futbolistas galegas e os artigos de análise e actualidade.



Sobre FutbolinGalicia

O 17 de maio de 2024, coincidindo co Día das Letras Galegas, comezou a andaina de FutbolinGalicia, que mantén dende entón o seu compromiso co noso fútbol, publicando contido diario e exclusivo.

En redes sociais, FutbolinGalicia non deixa de medrar. En Instagram é a conta líder en información do fútbol galego, con preto de 12.000 persoas seguidoras.



FutbolinGalicia comeza a temporada con novidades

Onde ver en directo os partidos da

FutbolinGalicia comeza a temporada con novidades

Volve o fútbol e regresan os Diferenciais