A unha semana do inicio da competición ligueira na Terceira RFEF galega, os equipos continúan perfilando os seus cadros de xogadores. Velaquí un novo episodio do Diario dun Mercado, cos movementos máis destacados do último mes.
A SD Compostela pechou o seu cadro de xogadores coa fichaxe do extremo galego Adri Armental, procedente do St. Joseph’s de Xibraltar. Pola súa banda, o Estradense reforzouse con Fer Martínez (Coruxo), Álex Delgado (Betanzos), Gerard Puerto (Palencia), Dani Varela e Rodri Fernández (SD Compostela). Outro dos favoritos, o Rácing Villalbés fichou a Sergio Otero (Somozas), Pablo Trigo (Bergantiños) e Álvaro Herrero (CD Lugo).
Moitos cambios no Lugo B
Un dos equipos con máis movementos neste mes de agosto foi o Lugo B. Tras unha profunda reestruturación, o equipo dependente do Club Deportivo Lugo firmou a unha decena de futbolistas, optando nalgúns casos polas canteiras de equipos de Primeira e Segunda División: Samu Vázquez (Montañeros), David Tirado (Somozas), Marcos González (Villarreal), Tomás Balcedo (Mallorca), Alex Megias (Lorca Deportiva), Emmanouil Tsompanis (Paok), Hugo García (Rayo Majadahonda), Aday Alcalde (Albacete), Fran Blas (Atlético Arteixo) e Nicolás Hernán (Sanse).
Máis movementos
Dos conxuntos ascendidos de Preferente, nas últimas semanas reforzáronse sobre todo dous. O Céltiga fichou ao centrocampista Hugo Vázquez (Choco) e ao extremo Anxo Llanos (Pontevedra B), mentres que o Barco firmou ao defensa Andrés Calvo (Villacañas) e ao mediocentro Raúl Paz (CD Lugo).
Tamén destacan as fichaxes do defensa Samu Araujo (Coruxo) polo Boiro e do dianteiro Álex Rey (Courxo) polo Arosa. O Viveiro, que estará dirixido finalmente por Alberto López (ex-Rácing Villalbés), presentou a un vello coñecido coma o defensa Franco Bellomo (Villacañas) e a tres xogadores procedentes do Lugo: Germán Pared, Nacho Puente e Julio Lansade.
Imaxe de portada: CD Lugo
