A SD Pol é un dos grandes beneficiados do ascenso da Sarriana. O salto de categoría obrigou aos da Ribela a ter que prescindir de xogadores que, malia non contar nos plans do novo corpo técnico, son toda unha garantía e reforzos de luxo para Preferente.
A pasada tempada o conxunto de Pol xa pescara na Sarriana varios futbolistas, como contamos neste artigo. Especialmente relevante foi a achega de Fernando Cuadrado, con once goles en 17 partidos. En temporadas anteriores outros xogadores, como Omar ou Julio Camba, tamén cambiaran o camiseta da Sarriana pola do Pol.
Este verán repítese a operación, proba tamén da boa relación que manteñen as directivas dos dous clubs. O Pol xa inscribiu por exemplo ao lateral arxentino Tomás Susavila, futbolista destacado do conxunto sarriao. O ano pasado participou en case 40 encontros, anotando un gol.
Tamén visten xa a camiseta vermella o talentoso Diego Rey, que pecha etapa na Ribela tras cinco temporadas. As mesmas levaba o porteiro Javi Liz. «O destino quixo que o club non conte comigo para a vindeira temporada. Gustaríame que as cousas rematasen doutro xeito, pero así é o fútbol e a vida«, escribira Liz ao se despedir.
A Sarriana non puido co Pol
O Trofeo Emigrante mediu este domingo nun triangular a ambos os dous equipos. O partido, malia a diferenza de categoría, rematou empate 1-1. Gegunde fixo o primeiro no minuto 21, pero pouco tempo precisou Ríos para devolver a igualdade ao marcador, no minuto 28.
A Sarriana non está a atopar en canto a resultados as sensacións máis alegre. Ao Pol, en cambio, vanlle as cousas mellor, chegando a vencer a equipos de superior categoría, como o Viveiro.
