Pablo Martínez, que superou a decena de goles este curso, acaba de renovar co A Peroxa. Espera pelexar polos play-offs na 25-26, vendo a cinco equipos con serias opcións de lograr o salto de categoría á Preferente Futgal.
FutbolinGalicia (en adiante FIG): Acabas de renovar de novo por A Peroxa. Como te sintes no club?
Pablo Martínez Iglesias (en adiante PMI): «Síntome moi cómodo a verdade. É un equipo moi humilde no que te fan sentir moi ben tanto a nivel deportivo como persoal. Ten unha directiva moi involucrada no club. Os compañeiros son xeniais. Un grupo de xente nova que fan moita ‘piña’ e van todos a unha. Non tiven ningunha dúbida á hora de renovar.»
FIG: Gran cifra goleadora nesta tempada, superando a decena de tantos. Algunha meta para a tempada 25-26 neste aspecto?
PMI: «Primeiro esíxome no colectivo e despois os goles veñen sos. Un bo número sería superar os quince, pero primeiro é o equipo e evitar as lesións.»
FIG: Como resumirías a campaña que acabou hai unhas semanas?

PMI: «Un ano que se pode dicir que foi satisfactorio aínda que creo que podiamos acabar un pouco máis arriba na clasificación. A verdade é que fomos un equipo que loitamos con todos de ti a ti sen medo, os resultados estan aí. Aos primeiros clasificados sacámoslles algúns puntos e fomos capaces de sacar empates en campos moi difíciles como o do Antela ou o do Polígono e inclusive gañanos en Monterrey.»
«Creo que fomos un equipo que loitou moito en liga e tamén na copa, pasando roldas ata cuartos de final, onde chegou o Barco e pasounos por riba. Por iso son dignos campións de Preferente, viñan cun ritmo doutra liga e soamente se lles podía aplaudir e felicitalos por esta gran tempada.»
FIG: Cales son os obxectivos para o novo curso futbolístico?

PMI: «Como cada ano que empeza o obxetivo está claro: estar o máis arriba posible. Gustaríame chegar á última xornada e estar loitando polos play-offs mais isto é fútbol e nesta liga hai moitos equipos que ficharon moito para estar en postos de ascenso. Mais tamén penso que a nosa directiva e o adestrador movéronse moi rápido a principio do mercado e lograron fichar a moita xente moza moi boa que procede de xuvenil, así como a tres xogadores sénior moi intensos. Ándase buscando algunha incorporación máis pola que hai que esperar.»
FIG: Cales cres que son os equipos chamados a estar pelexando polo ascenso a Preferente Futgal?
PMI: «Creo que hai catro ou cinco equipos que estarán arriba polo que levan fichado e polo que tiñan doutros anos: Verín, Polígono, Muiños, Velle e Córgomo.»
Cortiña e ao pé con Pablo Martínez ‘Figo’
Campo favorito: «Espiñedo.»
Momento inesquecible da túa carreira: «O primeiro gol que lle dediquei a miña filla.»

Un adestrador: «Josiño.»
Un compañeiro: «Alcalde.»
Un xogador rival que ficharías: «Diego Gómez do Deportivo porque é meu primo. Da miña categoría quédome co meu amigo Enio Magro.»



























































































































































































































































































































































































































































































































