O calendario do fútbol afeccionado galego chega con pequenas modificacións de cara á tempada 2025/2026, e unha das máis destacadas afecta directamente ás categorías de Preferente Galicia e a dous grupos de Primeira Galicia, concretamente ao grupo lucense e ao grupo ourensán.
A rolda previa da Copa do Rei, que este ano se disputará como novidade a dobre partido (ida e volta), obrigará a reaxustar dúas xornadas de liga para o equipo que represente a Galicia na competición. A eliminatoria disputarase os domingos 28 de setembro (ida) e 5 de outubro (volta), polo que o equipo galego participante xogarase o pase á Copa do Rei.
Para compensar, os dous partidos de liga que deberían disputarse esas fins de semana xogaranse entre semana, os mércores máis próximos, contra rivais que queden xeograficamente preto, condicionándose así o calendario para minimizar os desprazamentos entre semana.
Esta circunstancia afectará a un dos catro equipos que disputan a Supercopa Galicia 2025: SD Chantada, Cultural Areas, Velle ou Negreira. O vencedor, ademais de conquistar o título autonómico, obterá o premio de xogar a rolda previa da Copa do Rei e asumirá este pequeno encadre especial no seu calendario ligueiro.
Como no momento de publicación dos calendarios non se saberá aínda que equipo galego xogará a rolda previa da Copa do Rei, os catro equipos participantes na Supercopa terán rivais cercanos nesas dúas xornadas, independientemente de se acaban xogando entre semana.
Outras novidades
A Real Federación Galega de Fútbol confirmou tamén axustes técnicos nos plans competicionais, sen grandes cambios respecto á tempada pasada, pero con medidas puntuais pensadas para mellorar a equidade e o rendemento deportivo, especialmente nas fases decisivas.

Nas fases de ascenso de Segunda Galicia e Terceira Galicia, o número de xogadores convocados pasará de 16 a 18 futbolistas, o que permitirá facer un mellor uso do cambio extra nas prórrogas, unha das queixas históricas de adestradores e clubs nos últimos anos.
Ademais, en Terceira RFEF, o número de convocados aumentará a 20 xogadores, seguindo a liña doutros niveis estatais e reforzando as posibilidades tácticas dos equipos en competición.
No resto, os formatos e calendarios das diferentes categorías de fútbol afeccionado manteranse practicamente iguais que na tempada 2024/25, co obxectivo de dar continuidade ao modelo que tan boa acollida tivo entre clubs e afeccións.







































































































































































































































































































































































































































































































































































































