Victoria CF ‘B’ e EFM Concello de Boiro foron os contendentes na final feminina da Copa Deputación da Coruña. Ambra Gjegji adiantou ao filial do Victoria, mais os goles de Gabriela González, Carla García e Laura Vila, por partida dobre, darían o título ao Boiro.
A igualdade reinou durante os primeiros compases de partido. A primeira ocasión sería para o Boiro, perfectamente repelida por Ana Seoane. Mais foi o Victoria quen se adiantou grazas a un lanzamento de Ambra dende fóra da área. Unha gran asistencia de Carla sería aproveitada por Gabi para devolver a igualdade. Unicamente tres minutos despois chegaría un novo tanto do Boiro. Carla, dende a frontal e tras un recorte, poñía por diante ás do Barbanza.
A sentencia chegou nos últimos minutos do segundo tempo
Laura Vila, con dous tantos en cinco minutos, sentenciaba o partido e dáballe ao EFM Concello de Boiro un novo título, o segundo copeiro nesta tempada 2024-2025.
Na final masculina o Atlético Coruña Montañeros impúxose ao Negreira (1-2) tras remontar o tanto inicial de Antón Rial. Rubén Sande e Jorge Otero anotaron os tantos que farían campión ao seu equipo. Os últimos minutos de xogo traeron consigo varias expulsións en ambos conxuntos tras unha tangana.
Desta maneira o Atlético Coruña Montañeros acada a clasificación para a Supercopa Galicia, competición que os catro campións provincias da comunidade disputarán no mes do agosto. Chantada, Barco e Cultural Areas foron os outros campións provincias das sempre apaixoantes competicións copeiras.
