O fútbol feminino da Costa da Morte está de celebración xa que a próxima tempada haberá 5 equipos da contorna na Segunda División Galega. O Muxía CF feminino acadou o ascenso tras completar unha tempada brillante na Terceira, culminando así un proxecto cheo de traballo, paixón e identidade.
Un ascenso que se foi cociñando paseniño
O equipo muxián pechou a campaña como segundo clasificado do Grupo 2, nunha liga dominada polo Corme CF, que foi o único capaz de superarlles na táboa. Así e todo, o traballo do Muxía foi constante e sólido durante toda a tempada, cun grupo comprometido que soubo facer fronte aos desafíos dunha categoría cada ano máis esixente.
Este ascenso non é froito da sorte, senón dunha aposta continuada polo deporte feminino na comarca, cun grupo de xogadoras que, xornada tras xornada, deron un paso adiante tanto en xogo como en madurez competitiva.

Consolidación do proxecto en Muxía
O Muxía CF feminino asinou unha tempada de gran nivel, pechando o curso cun total de 65 puntos e 103 goles a favor, superando con autoridade a barreira do centenar de tantos. O rendemento goleador tivo nomes propios, como o de Barca Toba, que aos seus 39 anos foi unha das máximas referentes ofensivas do equipo con 31 goles, ou Patri Romaní, que contribuíu con 23 dianas. A veteranía converteuse así nun factor diferencial nun equipo que mestura experiencia, compromiso e talento, e que soubo transformar esa madurez futbolística nun ascenso merecido.

Sen copa, pero coa mirada posta en Segunda
A recente derrota na final da Copa da Costa ante o Dumbría non borra nin un chisco o éxito dunha tempada histórica. Ao contrario, serve de motivación para seguir medrando e competindo con ambición, nun club que ten motivos de sobra para soñar en grande.
O Muxía CF feminino pecha así o curso 2024/2025 con un ascenso para a historia e cun horizonte cheo de ilusión na Segunda Galega.

