# Hashtag

Os Vintage: Jesús Antonio Piñeiro Pardiñas

En FutbolinGalicia non nos esquecemos de tódolos xogadores, técnicos, árbitros ou siareiros que pasaron hai anos polas nosas categorías sénior. Sen a súa gran contribución non poderiamos gozar na actualidade dunha gran saúde en categorías tan especiais coma a Terceira RFEF, a Preferente Futgal ou a Primeira Futgal. «Os Vintage» é a súa sección. A de todos aqueles que aportaron un gran de area para que o fútbol galego sexa, sen dúbida, do mellorciño do fútbol estatal. Nesta entrega falamos con Jesús Antonio Piñeiro Pardiñas, ex-porteiro de clubs como Galicia Mugardos, Guitiriz, Perlío ou Eume. Estes dous últimos equipos tamén figuran no seu currículo coma adestrador. Un home que respira fútbol. A continuación as súas verbas.

FutbolinGalicia (en adiante FIG): De que equipos formaches parte como xogador?

Jesús Antonio Piñeiro Pardiñas (en adiante JAPP): «Comecei no Galicia de Mugardos, onde estiven ata acabar a etapa xuvenil. Despois pasei para o Guitiriz, no que xoguei catro anos. No Perlío botei quince anos e finalmente rematei a miña carreira como futbolista, cunha tempada, no Eume Deportivo.»



FIG: E como adestrador?

JAPP: «Cando aínda era xogador estiven un ano adestrando aos alevíns do Racing de Ferrol. Cando deixei de xogar collín o xuvenil do Perlío, onde estiven dous anos. Despois adestrei ao sénior do propio Perlío durante catro anos. Finalmente estiven dúas tempadas como adestrador do Eume Deportivo.»

FIG: Cal foi o teu primeiro contacto co fútbol?



JAPP: «Recordo que foi no colexio. Dende o Galicia Mugardos estaban buscando xogadores para a categoría alevín, tiña eu dez anos. Alá fomos un compañeiro máis eu na bicicleta ata o campo de fútbol da Pedreira en Mugardos. Puxéronnos a xogar uns partidos e un adestrador do Mugardos preguntoume se quería unirme a eles de cara ao seguinte ano. E así foi como empecei!»

FIG: Algún recordo ou anécdota a destacar desta etapa no Galicia de Mugardos?

JAPP: «Foi a miña infancia. En categoría xuvenil estabamos na Liga Galega, que naqueles momentos tiña equipos moi importantes e viaxabamos practicamente por toda a zona norte de Galicia, chegando inclusive á provincia de Pontevedra. Era unha categoría moi bonita. En definitiva , no Mugardos comecei a coñecer o fútbol. Xoguei de porteiro e nesta etapa un adestrador ensinoume a coller o balón, a blocalo, a mellorar no xogo aéreo. Estes foron os primeiros contactos coa pelota!



FIG: Como se produciu a túa chegada ao Guitiriz?

JAPP: «Era o meu último ano de xuvenil. Naquel momento remataba o Bacharelato e non tiña moi claro como poder compaxinar os adestramentos cos estudios. Estiven por parar un ano e ver como ía todo, mais xurdiu a opción do Guitiriz, que é a zona de onde son meus pais. A posibilidade xurdiu pola amizade que tiña nese momento co presidente. Eles necesitaban un porteiro. Tanto en xuvenil como en sénior tiñan un único porteiro. Por tanto eu cubriría nos xuvenís mais coa posibilidade de ir convocado algunha vez cos modestos, cos que debutei esa tempada no campo do Pontenova.»

FIG: Algún recordo especial da etapa no Suso Cruz?

JAPP: «Foi unha época bonita. Xoguei con xogadores coma Kiko ou César, cos que aínda teño trato a pesar de vernos moi de vez en cando. Houbo unha tempada na que logramos ascender a Primeira Rexional. Comezamos perdendo o primeiro partido contra o Pol e non perdemos outro en toda a tempada. Tiñamos unha xeira espectacular, saíanos todo. Chegabamos aos campos e sabiamos que iamos gañar e lograr ascender. Outro recordo é a amizade que fixen cos xogadores e que queda para toda a vida.»

FIG: No CCRD Perlío fuches xogador e adestrador. Que significa para ti o club? Algunha tempada a destacar nesta longa etapa no Perlío?



JAPP: «Foi o equipo no que máis tempo estiven: quince tempadas. Acolléronme moi ben. Moitos dos amigos que teño agora son desa época. Foi o equipo co que mais se me asocia, despois de ter estado tantos anos alí no campo dos Pinares. Foron moitas tempadas alí. Houbo ascensos e tamén descensos. Chegamos a dúas finais de copa, que perdimos. Esta é unha espiña que queda cravada. Estes son partidos moi especiais que se viven con moita intensidade.»

«O campo dos Pinares era un fortín. Agora é de herba artificial pero no seu momento era herba natural, a pouca que tiña. No inverno poñíase bastante mal e convertiamolo nun fortín. Aí eramos un equipo moi difícil de gañar. Viñan equipos que xogaban de maneira espectacular e aquí non eran capaces de facer o seu xogo. Houbo bos e malos momentos, mais quédome cos bos recordos: toda a xente que coñecín neses anos xogando.»

FIG: E no Eume?

JAPP: «Retireime alí. Xoguei unicamente unha tempada. O corpo xa non daba para moito máis. Gardo ese recordo de ser o equipo no que deixei de xogar ao fútbol.»

«Nesa tempada gañamos a Copa de Ferrol. Tiñamos un moi bo equipo, estabamos en Primeira Rexional. Salvámonos nas últimas xornadas. Penso que tiñamos equipo para estar máis arriba pero non se deu esta situación. Si que fixemos unha espectacular copa, gañando todos os partidos e ademais con solvencia. Recordo que na final impuxémonos ao Narón por 3 a 0.»

«Na miña primeira tempada como adestrador do Eume conseguimos ascender a Preferente. Foi un fito histórico do club xa que había moitísimos anos que non se lograba. Quedamos terceiros na liga e no play-off tivemos que eliminar ao Escairón, ao Negreira e xogar a final contra o Lalín. Foi bastante especial. A bágoa foi o descenso a Primeira Rexional na tempada seguinte. Mais como di o refrán, ‘que nos quiten o bailao'».

FIG: Falando da faceta como adestrador, cal é a túa filosofía de traballo?

JAPP: «Un pouco o que eu era como xogador. Para min o fútbol era o máximo. Tiven un adestrador que me dixo unha vez ‘eres un profesional sen selo». Había que adestrar, eu estaba alí de primeiro. Se había que irse de último, alí estaba. Como adestrador intento que os xogadores fagan un pouco o mesmo. Nesa hora e media de adestramento hai que dalo todo. Todo se pode mellorar e todo é adestrable: táctica, técnica, físico, motivación… No fútbol afeccionado ás veces é complicado ter tempo ou folgos, despois de estar horas estudiando ou traballando, para compaxinar todo. Hai que ter unha mistura de traballo, de adestrar as cousas que se cre que hai que mellorar pero facéndoo dun xeito divertido. Eu sempre lles digo aos xogadores que ao campo imos a traballar e a ‘sufrir’ un pouco mais sempre a divertirnos e pasando un rato ameno.»

FIG: Traballaches cos alevíns do Racing de Ferrol. Que tal a experiencia na base dun histórico do fútbol galego e nacional?

JAPP: «Foi por medio dun compañeiro de traballo que xa estaba adestrando alí. Nese momento eu estaba sacando o primeiro nivel de adestrador. Alí estivemos, conseguindo clasificarnos para a Arousa Cup. Foi a miña primeira experiencia como adestrador e o que me levou a seguir sacando todos os títulos. Eu seguía xogando e quería sacar todos os títulos e por este motivo estiven unicamente un ano no Racing de Ferrol. Para aquela época o club xa era un poquiño máis organizado que outros equipos. Por sorte nas categorías de base mellorouse moitísimo, contando con grandes adestradores. Nesa época empezaba a xerminar esa importancia que se lle dá agora ás categorías de base.»

FIG: Moitos din que as categorías van perdendo nivel co paso dos anos e as distintas reestruturacións que utimamente sufren. Que opinas deste tema?

JAPP: «Estou totalmente de acordo. De feito é un tema do que falamos habitualmente entre compañeiros do fútbol. Non sei moi ben o motivo polo que están a facelo, mais non entendo as divisións das categorías, que se van debilitando. Recordo xogar nunha Primeira Rexional, hai uns 15 anos e aínda non dividida, na que había equipos potentísimos: de Santiago, da Costa da Morte, etc… Houbo un ano na que na mesma liga estaban Noia, Arteixo, Galicia Mugardos ou o Cee, que tiña dous xogadores que xogaran en Segunda B. Non sei se toda a culpa é polo tema da reestruturación, mais si que o nivel baixou moitísimo.»

«Moitas veces, un pouco en tono de broma, os que xogamos no Perlío hai uns anos falamos cos chavales que xogan agora e dicímoslle que se os collemos nós que os machacamos.»

«Agora mellorouse moito no tema físico e tamén tacticamente. Hai xente moito máis preparada mais vexo que agora as categorías están a baixar de nivel e é unha bágoa. Hai anos unha Primeira Rexional, e xa nin que dicir unha Preferente, eran categorías máis duras e bonitas tanto de disputar como de ver.»

«Onde vin un pouco máis de nivel foi na Preferente o ano que adestrei no Eume. Había catro ou cinco equipos aos que se lle vía un punto máis.»

«Escoitei que para o ano a Primeira Rexional volverá a ser reformada. Non sei moi ben como está o tema, mais penso que no tema do potencial é un erro. Pero os que están aí son os que mandan e deciden.»

FIG: Segues ligado ao fútbol na actualidade?

JAPP: «Sigo xa que o meu fillo comezou a xogar na categoría prebenxamín, tanto a fútbol campo como a sala. Estou encantado de pasar as fin de semanas así, o venres co fútbol e o sábado ou o domingo con sala. Un pouquiño é unha forma de matar o mono de non adestrar. Tamén vexo partidos durante a fin de semana dos equipos nos que estiven. Esta é miña forma de seguir enganchado ao fútbol, pero sen presión algunha e disfrutando con tranquilidade de tardes de fútbol.»

FIG: Quedaste en especial con algún campo no que xogaras?

JAPP: «Con todos os anos que estiven xogando, dende os 11 ata os 38 anos, son moitos. Recordo estar na Liga Galega Xuvenil co Mugardos e xogar en grandes campos como o de RC Villalbés. Xa en modestos xogamos en campos como o de Noia ou Arteixo, equipos míticos de Preferente e Terceira. Outro ‘campazo’ no que xogabamos era o do Xallas de Santa Comba. Seguro que me esquezo dalgún! Recordo un partido, no que fun convocado, entre o Racing de Ferrol e a selección de Ferrolterra xogado na Malata. Ese xa é un campo dunha categoría superior.»

«Como adestrador tamén visitei campos míticos como o de Barraña en Boiro, o do Negreira ou o Manuel Anxo Cortizo de Lalín. Hai campos así nos que teño disfrutado moito!

FIG: Algún recordo imborrable da túa etapa de xogador?

JAPP:»Os títulos, os ascensos, as vitorias. Supoño que é un pouco o que máis se recorda. As derrotas ou as lesións intentas olvidalas. Quédome coas vitorias, e como eran moi de vez en cando, que se celebraban moitísimo. Era moi gratificante. E como dicía antes, doulle moito valor ao feito de facer amigos e ter moitos coñecidos polo mundo do fútbol.»

FIG: Algún adestrador que che guste?

JAPP: «Evidentemente é imposible de replicar no fútbol afeccionado, mais penso que Guardiola foi un adestrador que marcou un antes e un despois co xogo de posesión e de posición. Fixo algo que penso que é imposible de volver a ver nun campo de fútbol. Tiñan un sistema tan machacado que saía todo a perfección.»

«Luis Enrique tamén me gusta moito. É un adestrador que leva unhas ideas ata o final, aínda que teña que ir contra todo e contra todos.»

«Son dous estilos parecidos e á vez diferentes. Son dous adestradores aos que gustaría asemellarme. Mais tendo en conta que adestramos en categorías afeccionadas é imposible de replicar.»

Os Vintage: Jesús Antonio Piñeiro Pardiñas

Sergio Aballe, Tyde: «A miña idea é

Os Vintage: Jesús Antonio Piñeiro Pardiñas

Os Vintage: Jesús Antonio Piñeiro Pardiñas

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *