Nova etapa na Lomba. O Arosa afronta outra campaña máis na Terceira RFEF e faino con cambio no banquiño e nos despachos, se ben sobre o céspede non se agarda unha revolución. Todo o contrario. Está prevista a continuidade de boa parte do cadro de xogadores, como avanzou a FutbolinGalicia o novo director deportivo da entidade, David López, coñecido como Perú, que xa traballa na planificación da próxima temporada, na que se cumplirá o 80 aniversario da fundación do club vilagarcián.
“Acabo de chegar ao cargo. A prioridade é confeccionar o corpo técnico e estamos traballando nesa situación”, di. Perú admite que teñen varios candidatos e adianta que ao longo desta semana confían en poder pechar a remuda no banquiño do Arosa, que está sen dono tras a saída entre críticas ao club de José Luis Lemos.
“Aínda que o resultado non foi o mellor, creo que temos un bo cadro de xogadores e queremos darlle continuidade, á vez que o reforzamos o mellor posible para buscar acadar o obxectivo de estar o máis arriba posible“, adianta Perú. Sobre posibles altas e baixas, incide en que primeiro pecharán o corpo técnico, para que o adestrador “sexa partícipe nas decisións, porque considero que quen veña ten que asumir parte importante diso”.
Perú, un home da casa
Tras ser anunciado como director deportivo, Perú sumará a súa sétima temporada no club, ao que chegou na campaña 2020/21 como adestrador do equipo xuvenil, ao que ascendeu a División de Honra en dous anos.
Desde entón, dirixiu o Xuvenil A na máxima categoría do fútbol xuvenil español, conseguindo o obxectivo da permanencia ano tras ano. Nesta última tempada, David López adestrou tamén durante unhas semanas ao primero equipo. Ademais, durante os seus anos no club actuou como un dos coordinadores da canteira arlequinada.
En 2023, David López, Perú, completou o primeiro curso oficial de Director Deportivo en fútbol organizado pola Real Federación Galega de Fútbol.
