# Hashtag

Alejandro Ocampo, CD Barco: «Temos que seguir dando o noso mellor nivel este mes fronte rivais directos»

O Centro de Deportes Barco recuperou este domingo o liderado da Preferente Sur logo de vencer ao Cultural Areas en Calabagueiros por 1-0 grazas ao tanto de Alejandro Ocampo ao filo do descanso. Aproveitando o picazo do Atios, o equipo que dirixe Lino Estévez volve encabezar a liga e busca manterse firme no que queda de competición.

O tanto do central do Carballiño, de falta directa desde a frontal da área, permite soñar ao Barco co regreso a Terceira RFEF, aínda que para iso deberá vencer a todos os seus rivais, especialmente a un Céltiga que é o segundo clasificado a só un punto. Ocampo pasa hoxe pola nosa web para falar sobre as posibilidades de ascenso, o seu nivel en Valdeorras ou o seu paso por equipo como Arenteiro, Velle ou UD Ourense.

Futbolingalicia: Esta fin de semana lograstes unha gran vitoria fronte ao Cultural Areas que vos permite recuperar o liderado. Que sensacións tedes logo deste resultado?



Alejandro Ocampo: «Sabiamos que era un partido moi importante ante un rival que viña cunha xeira moi boa de resultados e que nos ía poñer as cousas moi difíciles. Eramos conscientes de que se gañaban podíanse enganchar moito á cabeza da clasificación, pero conseguimos sumar os tres puntos. Foi outra vitoria en casa e outra portería a cero, algo que nos reforza moito porque estamos a volver a mostrar un bo nivel defensivo de todo o equipo».

FIG: ⁠No apartado particular, anotaches o gol da vitoria cun gran lanzamento de falta. Que significou isto para ti?

AO: «Sempre é bonito meter un gol, pero o importante é que o equipo sumou os tres puntos. Temos moi bos lanzadores de falta no equipo e os venres ao acabar de adestrar adoitamos quedarnos a tirar faltas. O domingo sentíame con confianza para pegarlle e, por sorte, entrou».



FIG: O primeiro gol da tempada chegou nun momento clave. Como te estás a sentir este ano?

AO: «A nivel persoal estou moi contento. Este ano hai moita competencia en todos os postos e iso é moi bo porque sempre tes que sacar o mellor de ti para xogar. Ao final, iso o equipo nótao porque todo o mundo está enchufado e preparado para xogar. Temos un grupo que é moi bo e o bo ambiente que existe no vestiario é clave».

FIG: ⁠Parece que o Atios e o Beluso comezan a caerse e que o ascenso decidirase entre Barco e Céltiga. Como ves a loita polo salto de categoría?



AO: «Aínda quedan moitas xornadas por diante. Si que é verdade que empeza a ver algún corte na clasificación pero sempre o dixen e direino, a Preferente é unha categoría moi complicada e máis a estas alturas, onde practicamente todos os equipos están a xogarse algo. É certo que se levamos moito tempo na parte alta é porque estamos a facer as cousas ben. Esa é a liña para seguir, sen relaxarse e competindo todos os domingos. Temos agora un mes contra rivais moi directos nos que temos que seguir dando o noso mellor nivel e a ver que pasa máis adiante».

FIG: Que importancia terá ese Céltiga-Barco de dentro dunhas semanas?

AO: «Loxicamente é un enfrontamento moi importante contra un rival directo, pero agora mesmo non pensamos no Céltiga. Temos que xogar este domingo contra o Porriño e vai ser un partido moi complicado no que queremos sacar os tres puntos para seguir aí. Queremos sacarnos a espiña cravada do partido da ida, no que non estivemos ao nivel que tiñamos que estar. Agora mesmo todo está posto no partido de Porriño».

FIG: En casa estades sacando moitos puntos pero fóra da casa estavos a custar máis. Cres que a clave para ascender estará en mellorar ese rendemento lonxe de Calabagueiros?

AO: «Se queremos ascender, temos que ser un equipo moi forte tanto en casa como lonxe dela. Si que é verdade que nas últimas saídas non conseguimos sumar de tres, pero creo que somos un equipo moi complicado xogando fóra de Calabagueiros. Loxicamente, Calabagueiros ten que ser o noso fortín e creo que estamos en boa dinámica en casa e temos que seguir así».



FIG: ⁠⁠A primeira oportunidade de rachar esa mala xeira será fronte ao Porriño Industrial este domingo. Como ves o enfrontamento?

AO: «Si, como dixen antes, viaxamos a Porriño e sabemos que vai ser un partido moi complicado. Son un moi bo equipo e teñen moi claro o seu estilo de xogo. Hai que preparar o partido desta semana da mellor maneira posible para chegar o domingo, competir e tentar sacar un bo resultado».

FIG: ⁠É a túa segunda tempada no Barco. Como definirías ao club de Valdeorras?

AO: «Teño unha anécdota do día que asinei no Barco cos meus amigos. Cando lles dixen que fichara aquí, dicíanme que estaba tolo e que como ía ir ata o Barco catro días á semana, facendo 300 quilómetros. Pois foi unha das mellores decisións que tomei. Desde o primeiro día tratáronme coma se fose da casa, a directiva non é currante, é o seguinte, e tamén é moi próxima co xogador. Moitos compañeiros xa son amigos e, para min, o Barco é un club doutra categoría e merécese ascender».

FIG: Na túa carreira destacan os pasos pola UD Ourense e o Arenteiro, o club da túa vila. Como recordas esas etapas?

AO: «Pois a miña primeira etapa en Arenteiro foi no meu segundo ano de sénior, onde viña dun ano complicado a nivel persoal no CD Ourense B. Foi un gran ano para min, xa que Miki López, que era o adestrador, apostou polo meu e devolveume esa confianza que necesitaba. A miña segunda etapa foi en Terceira División, que por mala sorte tivo que suspenderse polo coronavirus. Na UD Ourense tamén foron dúas etapas. A primeira foi en Primeira Rexional, pero non durou moito porque, por motivos laborais, tiven que deixar o club. Na segunda, en Terceira División, cheguei en Nadal e, por desgraza, descendemos, aínda que ao ano seguinte conseguiuse o ascenso. Son dous equipos aos que lle gardo moitísimo agarimo. A un, loxicamente, por ser o equipo do meu pobo e á UD Ourense porque teño moitos momentos bos e iso é o bonito do fútbol». 

FIG: ⁠Tamén pasaches por Barbadás, o Velle, o Lalín ou o CD Ourense B. Cal foi o teu mellor ano futbolístico?

AO: «En todos os equipos tes bos e malos momentos e de cada un deles levas unha aprendizaxe, pero se  teño que destacar un, destacaría o ano no Velle. Era un equipo recentemente ascendido a Preferente, un club moi traballador e humilde, cun grupo espectacular e que desde o principio de tempada dábannos por un equipo que ía descender. Mira como é o fútbol que calamos moitas bocas, porque nos salvamos no último minuto da última xornada e, aínda por encima, puxemos o broche gañando a Copa Deputación. A nivel persoal sentínme moi importante no equipo, e con moita confianza do míster. Grazas a ese ano tiven a oportunidade de volver ao Arenteiro en Terceira División».

Alejandro Ocampo, CD Barco: «Temos que seguir dando o noso mellor nivel este mes fronte rivais directos»

Os xogadores Diferenciais da xornada 26 da

Alejandro Ocampo, CD Barco: «Temos que seguir dando o noso mellor nivel este mes fronte rivais directos»

O ascenso directo en xogo: só catro

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *