# Hashtag

Os Diferenciais dunha Primeira Futgal que non se detivo no Entroido

Momento de buscar Diferenciais de FutbolinGalicia da Primeira Futgal, que non se detivo nin na provincia por excelencia do Entroido galego, Ourense. Con empate 2-2 do líder, o Antela, que viu como o Polígono empataba o duelo en dúas ocasións con senllos goles de David Domínguez. Os amarelos levan seis xornadas sen perder. Cinco leva o Nogueira, que queda a tres puntos do play-off tras superar ao Maceda. Isi fixo un dos goles. No Outeiro Grande, o duelo directo por fuxir do descenso caeu do lado local (3-2). Vitoria do Maside cun gran Pachi, que detivo un penalti ao Viana.

A festa do Entroido ourensán contrastou co loito en Lugo tras o falecemento dun xogador do Chantada Atlético ‘B’ nun accidente de tráfico. O sénior, que compite no grupo 3, non xogou o seu partido ante o Foz. Neste grupo lucense, o líder Burela sumou a segunda derrota consecutiva, ao caer 2-0 coa SD Chantada. Un dos goles, de Miguel Carnero, que xa leva seis. A Resi –con seis triunfos seguidos– e o Castro van recurtando diferenzas coa cabeza da táboa.

Grupos 1 e 2

Non sumou de tres o Victoria CF, líder do grupo 1, que se atopou cun bo Marte que logrou contrarrestar o tanto inicial das cebras grazas a un gol de Abel Otero. O equipo máis en forma do grupo é o Relámpago, con nove vitorias consecutivas. Desta volta, remontaron no treito final un 0-2 en contra ante a Cultural Maniños. O Relámpago acabou gañando 3-2 e Marcos foi quen anotou de penalti o terceiro e definitivo.



A pelexa por fuxir do descenso neste grupo 1 está interesante, tras as vitorias de Cedeira e Oza, así como do Numancia de Ares, que está a cinco da permanencia. Quen parece ter mellor as cousas é o Ural. Levan 5 xornadas sen perder e desta volta un gol de Murilo serviulles para derrotar a todo un Cambre.

O líder do grupo 2, o Club do Mar, salvou os mobles de milagre ante o penúltimo. Isto nunha xornada cun interesante duelo entre o Carral –segundo– e o Boimorto –cuarto–. Os puntos quedaron no Castro despois de que o Carral dese a volta ao tanto inicial (3-1) e sumase a sétima vitoria consecutiva. Jonatan Fila, máximo anotador do equipo, non faltou á súa cita co gol. O Castriz levou os tres puntos nun partido tolo ante o Vea que acabou 3-2. Samuel Rodo fixo o tanto definitivo no engadido

O Entroido tamén se celebra en Vilaboa

Puebla e Unión venceron pola mínima e non ceden no grupo 5. Caeu, iso si, o terceiro clasificado, o Cordeiro, derrotado 2-0 polo Vilaboa en plena celebración do Entroido de Cobres. Juan Durán anotou o primeiro para o equipo do Cabalo.



Seis partidos sen coñecer a derrota leva o Unión Dena, que se afasta en dous puntos do descenso. Superaron 3-4 ao Flavia ao repoñerse na segunda metade dun 2-0 adverso. Un dos goles levou a sinatura de Agustín Betancor, que suma xa sete dianas. E intentando saír da zona de descenso está o San Adrián, que superou ao Marcón 0-2 con dobrete de Guillermo.

Tampouco ceden os primeiros clasificados do grupo 6. Especialmente o Alertanavia, que fixo sangue co colista Goián, ao que goleou 7-1. David Somoza puxo o súa sinatura a catro goles. Un equipo moi en forma é o Vila do Corpus, con catro vitorias nos últimos cinco encontros. A última conseguírona ante todo un Guardés con goles como os de Xián. De novo, Roberto Carracelas foi diferencial na vitoria que permite ao Domaio afastarse do descenso. Anotou dous goles que deixan aos da Granxa catro por riba da zona vermella.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.

Tamén podes acceder ás listaxes dos Diferenciais das pasadas xornadas, premendo aquí.



Os Diferenciais dunha Primeira Futgal que non se detivo no Entroido

Os apuntes da xornada na Terceira: Sarriana

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *