Comezou o mes de febreiro e fíxoo coa Primeira Futgal igual de emocionante que antes do parón forzoso a causa do temporal. A xornada 20 deixou partidazos como o vivido no grupo 5, onde a vitoria do Cordeiro 1-0 ante o Unión sitúa aos de Valga na segunda posición, posto que cede, precisamente, o equipo de Asados. Bernardez anotou para o Cordeiro e é un dos Diferenciais de FutbolinGalicia da semana.
Nese mesmo grupo, o Taragoña goleou ao Flavia cun sorprendente 5-1 que permite ao equipo de Rianxo seguir soñando coa permanencia, que teñen agora a catro puntos. Aless anotou un dobrete dende o punto de penalti. O equipo que marca a salvación no grupo 5 é o Marín, que, con goles de Portas e Espiña, conseguiu unha traballada vitoria ante o San Martín, que acaba de sufrir a baixa do seu goleador Hugo Abalo, que pon rumbo ao Vilalonga.
No grupo 1, o As Pontes, logo dun mal inicio, segue escalando postos na táboa. Superaron pola mínima (1-0) a un Eume Deportivo que vai coa frecha cara a abaixo. Rafael Florin anotou para os do Poboado. O Ural deixa os postos de descenso logo de vencer ao Sporting Meicende 0-2. Murilo foi o autor do primeiro gol dos coruñeses, a falta duns vinte minutos para que se cumprise o tempo regulamentario.
Así comezou febreiro no resto de grupos
Outro equipo que se afasta do descenso, neste caso no grupo 4, de Ourense, é o Viana. Superou 2-7 ao Cartelle nunha festa de goles, sobre todo na segunda metade, cando Pérez asinou un ‘hat-trick’ para selar a vitoria. “Saíu todo a pedir de boca, que xa ía sendo hora”, dixo o adestrador do Viana, Diego Rodríguez. O Nogueira conseguiu sumar un punto ante o incontestable líder, o Antela, cun gol no engadido obra de Carlos Alonso. Picazo tamén dun equipo que loita polo play-off, o Muíños, que viu como o A Peroxa empataba o encontro con gol de Oli no 86 de partido.
O campo do Conco viviu un apaixoante encontro entre o Dumbría e o Boimorto no grupo 2, que rematou 4-3 para os locais, que seguen segundos, a dous puntos do líder Club do Mar. Dani Chao fixo o 3-2 no 72 e apareceu de novo no desconto para selar o 4-3 definitivo a prol do Dumbría. En terceira posición está o Carral, que non cede na pelexa e venceu ao Castriz 1-2. Jonatan anotou un dos goles e suma xa 9 dianas esta tempada.
Tamén figura na listaxe dos Diferenciais Mateo Bello, xogador do Calo, que anotou un gol temperán no primeiro minuto de xogo no encontro que remataría levando o equipo de Rebordelo 3-2 ante o Tordoia. Vitoria nunha fin de semana especial para o Calo, coa estrea do equipo Genuine nun amigable ante o Dépor. “Foi unha mañá inesquecible, o comezo da aventura máis bonita que puidemos poñer en marcha”, sinalan dende o club.
Tres na pelexa en Lugo
En terras luguesas, tres equipos están na pelexa polo play-off. Venceron a SD Chantada e a Residencia, pero o Castro caeu ante o Foz 3-0 no Martínez Otero, sendo Álvaro o autor de dous goles. No derbi, o Taboada levou os puntos de Cerdeiriños tras superar 0-2 ao Monterroso, que cae a descenso. Gabriel fixo o primeiro. Tratando de saír dos postos que conducen a Segunda Futgal está o Meira, que venceu ao Rácing Villalbés ‘B’ cun tanto de Rubén Vidal ‘Seixosmil’.
No grupo 6, segue a boa xeira do Vila do Corpus. Cuarta vitoria consecutiva para os de Ponteareas, que se impuxeron a domicilio 1-4 ao Caldelas. Xián anotou dous dos goles. O Progresista sitúase nunha cómoda sexta praza despois de remontar ante o Tomiño cun dobrete de Nicolás Pena (1-2). Outro que remontou foi o Tyde, que non cede a coroa do grupo. Os tudenses deron a volta ao gol inicial do Arenteiro ‘B’ nun partido no que Sergio Aballe se reencontrou co gol.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.
Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.
Tamén podes acceder ás listaxes dos Diferenciais das pasadas xornadas, premendo aquí.