# Hashtag
vicky-vazquez-as-celtas

Vicky Vázquez, As Celtas: «Só me queda currar a tope para devolver esa confianza»

Unha referente para o proxecto celtista

O 30 de maio ‘As Celtas‘ anunciaban a fichaxe da súa adestradora para o primeiro equipo. Vicky Vázquez, unha das caras máis recoñecidas no fútbol da nosa terra, foi a elixida para dirixir o proxecto. Tivemos a oportunidade de conversar con ela sobre a súa traxectoria e a súa perspectiva do crecemento do fútbol feminino galego.

Anuncio de Vicky Vázquez como adestradora de ‘As Celtas’. RC Celta

Viguesa de nacemento, pasou polas filas do Amor de Dios, Balaídos e Olivo ata retirarse o ano pasado coa camiseta do Sárdoma. Tras preto de 15 anos competindo en nivel nacional di que non bota de menos xogar ao fútbol: «Como a adrenalina da competitividade que ten xogar é a mesma practicamente nos bancos, pois ese ‘gusanillo’ de xogar téñoo cuberto».

Como adestradora é coñecedora de primeira man dos campos da Madroa. Ten traballado con distintos equipos a nivel formativo, incluído o Benxamín ‘B’ do Celta o ano pasado. Como seleccionadora galega, primeiro na Sub-12 e logo na Sub-15, deixa un legado dun subcampionato de España da Fase Ouro e dous títulos da Fase Prata.



As mostras de cariño ante a chegada de Vicky ao equipo celeste foron continuas. Ex-compañeiras, futbolistas e persoeiros de distintos estratos do fútbol galego mostraron a súa ledicia co anuncio de que Vicky fora a elixida.

«Estou moi ilusionada co feito de que pensaran en min e contasen comigo. Eu estaba nunha nube e co paso dos días sentinme moi agradecida. Non deixa de ser algo novo e histórico entón agora só me queda unha cousa que é currar a tope para devolver esa confianza».

A semente do Olivo que fixo historia fai máis dunha década

Da súa dilatada carreira futbolística destaca o ascenso á antiga Superliga no 2011, sendo daquela a máxima categoría do fútbol estatal. «Cando foi todo iso a verdade que foi espectacular. Como pioneiras é un orgullo o formar parte desa historia de Galicia e tamén un pouco da historia de Vigo».



Galicia perdía en 2012 a súa única representación na Primeira División tras unha tempada complicada para as olivas. Unha ausencia que se prolongaría até o ascenso do Deportivo Abanca no 2019.

«Daquela tiñamos máis barreiras das que hai agora. Agora pódese dicir que é normal que vexas rapazas xogando ao fútbol pero na nosa época non era tan normal. Que foramos capaces de ir derrubando barreiras con moi poucos medios e con moi poucos recursos pois creo que é aínda máis meritorio. Agora hai máis facilidades e, aínda así, segue sendo difícil e totalmente meritorio».

Moitas xogadoras que pasaron polas filas olívicas tiveron que marchar cara outros equipos e outras ligas para poder desempeñar profesionalmente o seu deporte. Non foi o caso de Vicky que decidiu xogar sempre en Galicia.



«Eu son moi caseira. Tiña moi claro que o primeiro eran os estudos e o que quería estudar. A profesión que eu quería ter non era a de futbolista. Eu tiña os pés no chan para ver con perspectiva todo iso e tiña moi claro que quería estudar preto da casa e estar aquí. Nunca me quedou esa cousa de ter probado experiencia fóra. Na casa, no Olivo nese caso, estaba moi ben».

Falar da traxectoria de Vicky é falar do fútbol galego

Se alguén pode ser coñecedora da evolución do fútbol feminino galego esa é ela. A súa experiencia como xogadora e como adestradora outórgalle unha gran perspectiva dos cambios acontecidos co paso do tempo.

FutbolinGalicia: Cando dades o salto de liga notábase unha escaseza de categorías intermedias que puideran igualar os niveis e o rendemento dos equipos que confluían tralos ascensos. Cres que ese salto segue sendo grande? 

Vicky Vázquez: Eu creo que a creación das ligas intermedias foi un acerto. Na época do Olivo cando ías a unha fase de ascenso e xogabas por exemplo contra un equipo catalán pasábanche por enriba. Agora pode ser que esa distancia non sexa tan longa en canto a nivel como era antes.

FIG: Na actualidade, fóronse creando novas ligas femininas tamén a nivel autonómico. Vemos seleccións galegas con xogadoras que tamén son convocadas coa española, o ascenso do Dépor á Liga F ou a propia creación das Celtas. Cres que as nenas en Galicia xa poden soñar con ser nalgún momento futbolistas profesionais ou aínda segue sendo cedo?



VV: Estamos aí. Non é que estea preto é que xa é unha realidade. Agora por exemplo co ascenso do Depor pois máis inminente aínda. Xa hai xogadoras que están saíndo de Galicia para fichar por equipos de elite. Estase traballando moi ben e tamén creo firmemente que en Galicia hai moitísimo talento, sempre o houbo, o que pasa é que penso que non se cría. Galicia sempre tivo moi boas xeracións pero hai que traballar e hai que crer nelas, de feito, eu sempre me lembro da xeración de Tere Abelleira que é a do 2000.

Vicky como capitana das olivas. Arquivo

FIG: Que pasos cres que se deben dar para seguir avanzando na promoción e no desenvolvemento do fútbol en Galicia?

VV: Nas ligas de base que son creadas fai relativamente pouco creo que hai que fomentar a competitividade. Creo que se están formando as ligas para que as xogadoras teñan o seu espazo, cousa que é estupenda, pero quizais dende unha perspectiva de que o pasen ben. Eu como muller non estou moi dacordo, teño que pasalo ben coma eles pero teño que ter tamén un espazo para competir. Competir é o que che fai mellorar e senón compites non melloras.

Esa é unha das cousas que cambiaría, pero tamén a formación das xogadoras e dos adestradores para que sexa todo un pouquiño máis competitivo. Se nas ligas mixtas se compite e hai nivel pois nas femininas tamén ten que haber nivel. Parece que o nivel está nun lado e que no outro da igual e iso a min si que é algo que me molesta. 

Co paso dos anos hai moitas máis xogadoras, entón agora que hai esa materia prima hai que formala. Os adestradores teñen que estar formados e titulados e todo ten que ser máis serio, porque moitas veces parece que como é o feminino da igual. E iso é algo que creo que non me estou inventando, senón que se ve e que leva pasando durante moitos anos, pero é necesario darlle esa esixencia.

FIG: Que papel esperas que xoguen as Celtas neste desenvolvemento?

VV: Esa competitividade da que acabo de falar é a que nos inculcan tamén dende o club. Eu estou moi dacordo con fomentala e vai ser unha marca de identidade moi clara dende as categorías inferiores ata o primeiro equipo. A partir de aí é un punto de partida para mellorar de cara a todo. Tes que ser competitiva desde infantil, cadete, filial e primeiro equipo. Canto antes comeces a competir máis vas a mellorar.

FIG: O fútbol feminino avanza pero seguimos vendo poucas adestradoras mulleres ao mando dos equipos. Cres que ese proceso vai máis lento, que quizais se ofrecen poucas oportunidades ou que pola contra si que hai adestradoras pero non teñen tantos focos e por iso parece que non existen?

Vicky pecha ciclo coa selección galega cun magnífico palmarés. Futgal

VV: É un tema bastante interesante a verdade. Eu creo que en canto a oportunidades non creo que sexa. De feito, dun curto tempo para aquí parece que non se ven tantas adestradoras como fai máis anos. Non sei se é un tema de que a xente opta por non adestrar porque non lles gusta directamente ou de non ter oportunidades.

Das coñecidas que fomos arrancando, fomos adestrando a equipos pequenos e logo vas avanzando ata ter máis oportunidades. Non sabería dicir onde está o problema. Eu o único que podo pensar é que a xente non quere adestrar porque é moi difícil e sacrificado e hai que ter as ideas claras… pero non o sei. Eu vin épocas onde había un montón e agora ultimamente parece moi difícil cruzarme con algunha nos campos.

O esforzo día a día unha das ideas principais para Vicky

FIG: Cal é a lección máis importante que aprendestes ao longo da túa carreira e que lle darías ás túas xogadoras?

VV: Creo no traballo diario, creo que cando fas as cousas con determinación e cres nelas ao final acaban saíndo. Hai unha frase que é ‘todo esforzo ten a súa recompensa’, pode soar a tópico pero eu creo firmemente nela. Se vas esforzándote pouquiño a pouco, nalgún momento vai chegar a túa recompensa.

No meu caso, si creo que o traballo de todos estes anos vai tendo recompensas. Poden ser os títulos coas seleccións ou agora todo isto coas Celtas. Eu creo nesa frase porque creo que hai que traballar e esforzarse, e é algo que lle inculcaría á xente máis maior e máis pequena. 

FIG: Tes algún soño ou meta persoal que che gustaría acadar como adestradora?

VV: Ser mellor profesional cada día. Eu a meta que me gustaría acadar sería ser mellor adestradora. Xa sexa tendo unha mellor lectura dos partidos, comunicando mellor, tratando mellor á xente… ser mellor en tódolos paus que hai que tocar como adestradora.

FIG: Agora as nenas teñen a sorte de poder contar cunha referente galega campioa do mundo como é Tere Abelleira. Cales eran as túas referentes cando eras pequena?

VV: Cando era pequena non había referentes. Por exemplo, no caso de Vero Boquete é tres anos maior ca min entón eramos practicamente da mesma idade. Acórdome de pequena de ver os mundiais e de seleccións como Estados Unidos con algunha xogadora que destacaba.

Ao final, como todas crecemos foi con referentes masculinos, co teu xogador favorito que queres ser coma el porque che gusta o fútbol. Non tiven referentes femininos porque non había ou non eran tan coñecidas como o son agora. O meu xogador favorito daquela era Gudelj, despois Mostovoi e logo tiven unha época por Zidane e Beckham.

FIG: Falando de referentes, a Irmandiña masculina reuniuse de novo para disputar en maio un encontro en Balaídos. O equipo feminino non o fai dende o 2016 nun partido xogado na Lomba con Tere ou Vero, entre outras. Gustaríache adestrar a esa hipotética Irmandiña? e sendo así, a quen convocarías?

VV: Agora que xa estou fóra das seleccións é difícil, pero obviamente mentiría se dixera que non. Ao final é unha selección absoluta e sería un momento moi chulo para xuntar a moitas xogadoras. Faríame moitísima ilusión como ex-xogadora galega e como adestradora galega e levando tantos anos nisto.

Eu chamaría pois dende Vero a Tere pero tamén a Lúa Arufe, a Elena… a todas as rapazas que sempre están destacadas habería que xuntalas, de diferentes idades. Se tes 17 anos e es campioa de Europa tes que estar, e se tes 36 e xogas outra vez Champions tamén tes que estar. Creo que sería algo conmemorativo para toda Galicia porque creo que todas son referentes.

FIG: Xa para rematar, poderías compartir con nós un recordo que gardes con especial cariño da túa carreira como xogadora ou como adestradora? 

FIG: Recordo dous momentos emotivos, un deles o ascenso a Superliga. Recordo que o árbitro pita o final do encontro, saltamos ao campo e da carreira que botei en dous pasos xa estaba no chan chorando, non era capaz de seguir correndo de toda esa emoción. Recordo ese momento como agora mesmo.

Outro momento de chorar desconsoladamente foi coa selección galega hai dous anos cando eliminamos a Madrid na semifinal. Foi dicir, por fin Galicia fai algo importante. Foron sensacións parecidas, non a mesma, porque tamén hai unha década de diferenza entre unha e outra, pero si esa sensación de chorar desconsoladamente de alegría. Póñenseme os pelos de punta.

E tamén nesta tempada que fomos capaces de volver a gañar. Esa sensación non se pode describir con palabras, esa sensación é a mellor do mundo.

Vicky Vázquez, As Celtas: «Só me queda currar a tope para devolver esa confianza»

Luis Castro, Arosa SC: «Non é un

Vicky Vázquez, As Celtas: «Só me queda currar a tope para devolver esa confianza»

Yago, Fabio, Sotelo e Moure, ilusionados ante

2 Comentarios

  1. […] Vicky Vázquez, As Celtas: «Só me queda currar […]

  2. […] Vicky Vázquez, As Celtas: «Só me queda currar […]

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *