O Lóstrego CF viviu un inicio de tempada con altibaixos na Terceira Federación. Atravesaron unha racha negativa onde chegaron a encadear 3 derrotas consecutivas. Así e todo, o equipo semella ter atopado o camiño de volta ao triunfo acadando 6 puntos nos dous últimos encontros.
Este cambio de dinámica devolve a ilusión ao vestiario que, malia as dificultades iniciais, non perdeu a fe no seu potencial. Falamos sobre este cambio de dinámica coa súa artilleira e unha das capitás, Ana Iglesias «Anita».
Un cambio de chip tras unha conversa de equipo
A tempada comezou de forma irregular para as de Chaín, con partidos onde o equipo non acadaba a súa mellor versión. Dende a segunda xornada ata a sexta acadaron tan só 3 puntos de 15 posibles. Nin a vitoria conseguida nas Eiroas ante o Bergantiños transmitía confianza sobre o xogo das de Gabriel Couñago.
As xogadoras foron conscientes de non estar amosando o seu mellor nivel e buscaron como mudar a situación. «O que fixemos foi sentarnos un día todas xuntas no vestiario e falar sobre o que estabamos a facer mal e ver como poder cambiar esa dinámica negativa a nivel colectivo e individual», coméntanos Anita.
A perda de puntos neste primeiro tramo da competición o analizan como algo multifactorial. «Cada partido foi moi distinto, houbo nalgúns onde concedemos regalos e outros nos que perdoamos moitas ocasións. Ao final, saír desas dinámicas é complicado». A capitá púxonos de exemplo a primeira derrota da tempada. «En casa contra o Olímpico fixemos unha primeira parte moi boa e chegamos ao descanso mortas fisicamente».
Dúas vitorias para recuperar a confianza
Este momento de reflexión axudou a motivar de novo ao equipo. O punto de inflexión chegou coa vitoria ante un dos rivais máis complexos da categoría, o Friol. Foi un partido que, dende o inicio, se considerou como un reto para as de Gondomar.
«Cada finde sabes que te vas a topar ante un rival que che vai esixir o máximo para poder sacar os puntos. O Friol é un dos equipos que vai estar arriba, que individualmente ten xogadoras moi desequilibrantes e fomos conscientes de que había que ir á guerra, poñer o mono de traballo e manter a concentración os 90 minutos».
O esforzo deu os seus froitos e os 3 puntos quedaron en Chaín tras un gol de Adelaida «Ade» no minuto 8 e mantendo a portería a cero. Na seguinte xornada desprazáronse a Oviedo onde tamén conseguiron gañar o partido cun resultado de 0 a 2.
O obxectivo de consolidarse e escalar na clasificación
Malia as derrotas iniciais, o Lóstrego nunca perdeu de vista os seus obxectivos para esta tempada. A dianteira explica que o equipo busca «madurar na categoría», especialmente ao contar cun grupo con xogadoras mozas. «A nivel clasificatorio, buscamos poder meternos nos postos altos sendo conscientes das nosas limitacións pero crendo no proxecto. Sabemos que podemos competirlle a calquera rival da liga».
Os ánimos tamén subiron tras o regreso de «Peque». Unha lesión no xeonllo no mes de xaneiro, deixou fóra dos terreos de xogo á central. O Lóstrego recupera a unha das súas capitás e a un dos seus piares na defensa e no vestiario e así nolo comentaba Anita.
«É unha alegría por non só o que aporta como xogadora senón que é unha voz das veteranas e que transmite intensidade. Cando se comezou a incorporar ao grupo nos adestramentos xa se notaba porque esixe e é de ese tipo de xogadoras que sempre suma. Eu persoalmente a botaba moito de menos no campo».
Semella que todo vai de cara nestas semanas para o equipo gondomareño. Esta fin de semana intentarán reafirmar estas boas sensacións ante o CD Bovedana. As de Zamora están dous puntos por enriba das galegas, que loitarán o partido diante da súa afección para comezar a escalar postos.