# Hashtag
#Preferente #Preferente Galicia Norte #Preferente Galicia Sur

Os 36 equipos da Preferente Futgal xa coñecen a súa folla de ruta

Preferente Galicia 2024-2025

A falta dun mes para o inicio da competición nos dous grupos da Preferente Futgal, a RFGF sorteou o calendario, a folla de ruta para os 36 equipos da categoría.

O balón rodará nos campos dende a fin de semana do 7 e 8 de setembro e antes do parón de Nadal disputaranse 16 encontros, o último o 22 de decembro. Despois, a liga retomarase o 12 de xaneiro, no que será o último partido da primeira volta. A segunda prolongarase ata o 11 de maio, coa celebración doutros 17 encontros.

No caso da Preferente Norte, que xa ten aos seus equipos traballando, a xornada inaugural xa deparará grandes emocións. Haberá duelos interesantes, como o que medirá ao Atlético Coruña Montañeros, que se reforzou co dianteiro Jorge Cano, cun San Tirso que mantén o bloque que lle fixo soñar a pasada tempada. Ese mesmo grupo soña agora con outro obxectivo, a Supercopa Galicia.



Os acabados de ascender, o Paiosaco e o Arzúa, iniciarán a ‘operación retorno’ ante dous equipos procedentes da Primeira Galicia, pero con perfís ben diferentes. Os da Porta Santa recibirán ao Negreira, mentres que o Queixo Mecánico abrirá as portas do Viso a un Pol decidido a sorprender. O Lalín verá debutar en liga o seu ambicioso proxecto ante a SD O Val, outro ascendido.

Antes de iniciar un periplo que o levará a percorrer uns 5.500 quilómetros, o equipo máis viaxeiro, o Ribadeo, actuará como local. Recibirá no Pepe Barrera ao Miño. Outro con moitas horas nas estradas por diante é o Cidade de Ribeira, que arrancará cunha visita ao Dubra. O Galicia de Mugardos – Sofán, o Órdenes – Escairón e o Lemos – Sigüeiro completan a xornada inaugural. Aquí podes descargar o calendario completo.

O calendario na Preferente Sur

O inicio da Preferente Sur, cuxos equipos xa están traballando arreo, non será menos emocionante. Choco e Portonovo mediranse nunha das citas destacadas da primeira xornada. Un dos grandes favoritos ao ascenso, o Céltiga, comezará a liga visitando no Pujales un Rápido de Bouzas arrodeado de dúbidas logo da marcha dos que, en teoría, ían compoñer o cadro de xogadores.



Tamén deu que falar a situación dun Juvenil de Ponteareas que abrirá a campaña na casa, recibindo ao Barco, que adestra un vello coñecido de Pardellas, Lino Estévez. Mentres, o Umia xogará na casa ante o Porriño Industral e o Atios medirase ao Pontevedra B, que presenta moitas caras novas tras o seu descenso.

Outros dous equipos que soñan coa Supercopa son o Verín e o Cultural Areas. Os primeiros estréanse ante outro acabado de ascender, o Atlántida Matamá, e os de Yago Yao visitarán o Atlético Arnoia. As portas de Burgáns abriranse para acoller o partido entre o Cambados e o Beluso, mentres que o Moaña debutará esta tempada ante un Cented que medra a velocidade de vertixe. Aquí está o calendario completo do grupo sur.

O calendario da Preferente Futgal foi sorteado durante a Asemblea Xeral Ordinaria da Real Federación Galega de Fútbol. Na xuntanza aprobáronse as contas federativas e o plan competicional para a tempada 24-25, que tamén se está dando a coñecer nos plenos das distintas delegacións.



Importantes novidades na categoría

A competición botará a andar a fin de semana do 7 e 8 de setembro con 36 equipos repartidos en dous grupos e con importantes novidades.

Unha delas é o número de ascensos directos, que se reduce de dous a un por cada grupo. Se a pasada tempada acadaron o salto de categoría directo o Noia e o Boiro, no grupo norte, e o Villalonga e o Valladares, no sur, neste caso só poderemos falar dun total de dous ascensos coa fin da liga regular.

Os outros dous ascensos determinaranse nun play-off. Así, a esa fase accederán un total de oito equipos, dende o segundo ata o quinto clasificado de cada grupo. Os conxuntos do norte e o sur mediranse nunha promoción cruzada da que sairán os restantes dous equipos en acadar o ascenso a Terceira RFEF. Para iso, deberán superar dúas eliminatorias.

En primeiro lugar, o segundo dun grupo medirase co quinto do outro; e o terceiro fará o propio co cuarto clasificado do outro grupo. Despois, mediranse os gañadores. Serán eliminatorias de ida e volta que se resolverán con prórroga e penaltis se hai empate ao remate dos 180 minutos. Disputaranse dende finais de maio e durante a primeira quincena de xuño e o encontro de ida será no campo do peor clasificado.

Haberá oito descensos

En canto aos descensos, haberá un total de oito, catro por grupo. O foco estará un ano máis posto no efecto arrastre en caso de que descenda un equipo galego dende a Segunda RFEF. Na tempada finalizada, o Antela perdeu a categoría ao caer a Preferente o Rápido polo descenso do Vilalbés e o non ascenso do Gran Peña.



Na tempada 2025/26 os dous grupos de continuarán constituídos con 18 equipos cada grupo. Ademais, a distribución de grupos continuará realizándose seguindo, no posible, o criterio de proximidade xeográfica.

Os 36 equipos da Preferente Futgal xa coñecen a súa folla de ruta

O Ribadavia segue os pasos do Arrabaldo

Os 36 equipos da Preferente Futgal xa coñecen a súa folla de ruta

Moitos máis equipos da Coruña e Pontevedra

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *