Chegaban á categoría como un dos equipos debutantes, e a medida que avanzan as xornadas parecen deixar atrás esa etiqueta de «novatas». O ascenso logrado a pasada campaña xa fora un éxito para un proxecto que busca fomentar o fútbol comarcal dende a base, pero o que está a facer o Tomiño Feminino neste inicio de tempada está a chamar a atención de toda a Terceira RFEF.
A día de hoxe, o equipo do Baixo Miño ocupa unha meritoria sexta praza, nun grupo no que conviven bloques experimentados, xuventude chea de talento e proxectos con anos de rodaxe en categoría nacional. E aí está o Tomiño: competindo cada finde, puntuando en campos complicados e deixando claro que non veu aquí só a cumprir expediente.
Un inicio irregular e unha evolución en ascenso
A tempada non comezou da maneira máis brillante. Custou coller ritmo, custou consolidar automatismos e custou sobre todo transformalos en vitorias. Os primeiros partidos deixaron varios empates que puideron saber a pouco, pero tamén mostraron un equipo que non se rompe, que compite case sempre ata o final e que só encaixou unha derrota en oito xornadas, un dato pouco habitual para un recén ascendido.
Co paso das semanas, o conxunto foi madurando e gañando precisión.
Tomy, a referencia cada vez máis acompañada
Un dos sinais máis positivos é que o peso goleador está máis repartido ca nunca. A referente goleadora do Tomiño nos últimos anos, Carla «Tomy«, leva 3 goles en 8 partidos, manténdose como faro ofensivo e motor anímico do equipo. Pero non está soa.
As extremos e mediapuntas están a asumir moito protagonismo, aparecendo con claridade nas chegadas e contribuíndo a que o Tomiño sexa un equipo menos previsible, máis coral e máis perigoso nas transicións. As caras máis novas como Alba Baz, Ainara Davila ou Noa Caeiro buscan coller o relevo.

Puntos de mérito: puntuar ante as líderes e vencer en terras difíciles
Se algo explica por que o Tomiño está a merecer o título de “equipo revelación” é a súa capacidade para competir ante rivais de nivel.

- Empate contra As Celtas, líderes e un dos proxectos máis fortes de toda a categoría.
- Vitoria no campo do Lóstrego, un dos equipos con experiencia en Terceira RFEF e sempre un rival complicado.
- Caeu só unha vez en oito xornadas, manténdose sempre dentro dos partidos.
Estes resultados falan dunha realidade evidente: o equipo compite coma un veterano e progresa coma un recén chegado e con fame de mellorar.




























































































































































































































































































































































































































































































































