Continuamos co repaso das mellores actuacións dos Diferenciais. Quenda para os outros tres grupos da Primeira Futgal, que deron moito de que falar ao longo da fin de semana. Sen máis preámbulos, aquí vai esta segunda parte do máis destacado da xornada.
Ao axexo do líder
A pesar de que o Velle é o único equipo invicto en terras ourensás, os do Monte da Aira non deben confiarse. Son varios os perseguidores que axexan á procura do liderado.
Xa carbura o Sporting Carballiño. O equipo da Uceira derrotou no seu feudo ao Brollón por un gol a cero. Tras un comezo axustado e sen que ningún dos equipos puidese dominar o esférico, o conxunto de Aitor Neira atopou un filón nos flancos. E aí chegou a oportunidade para os branquiazuis: Rivera lograba conectar un centro botado desde o lateral para adiantar aos seus. Segundo tanto no que vai de campaña para o pivote, esencial na medular dos carballiñeses. Co 1-0, o Sporting xestionou o ritmo do encontro para levarse a segunda vitoria consecutiva no grupo 4.
Pola súa parte, a Purísima fai un fortín dos Carrís e lévase os tres puntos ao superar ao Peroxa (3-1). O cadro verde fíxose co dominio do encontro desde os primeiros intres e, pouco antes do descanso, conseguiu ampliar a súa renda cun segundo tanto. Non tardaron en reaccionar os de Josiño, que recortaron distancias na segunda metade. Foi entón cando apareceu David Valcárcel para darlle a tranquilidade á Purísima e sentenciar o encontro. Clave no ascenso dos ourensáns, Valcárcel anotou por vez primeira na temporada e demostra que a Purísima veu á Primeira Futgal para quedarse.
Francelos e Loñoá protagonizaron o partido da xornada logo de empatar a 3 goles na Valboa. Os roxos golpearon primeiro, pero o equipo de Tomás Cibeira regresou dos vestiarios coa enerxía necesaria para darlle a volta ao electrónico. Damián igualou o encontro, e, aos tres minutos, o Francelos anotaba novamente para lograr o 2-1. A falta de 10 minutos, o Loñoá volvía poñer táboas, pero Damián sumou outra diana na súa conta particular para ledicia da bancada do Ribeiro. Pero a euforia vermella recibiu unha xerra de auga fría co terceiro e definitivo gol visitante. O empate sábelle a pouco a ambos equipos, que seguen sen gañar no que vai de temporada.
Non é todo mirar cara arriba
O grupo 5 vai estar moi apertado esta temporada e proba dilo os resultados desta xornada.

No Salgueirón, o Arcade deixou sen opción ao Pontecaldelas (4-0). O dominio dos ostreiros fíxose notar xa no primeiro tempo, anotando o terceiro aos 40 minutos de encontro. Non cambiou nada logo do reinicio e Islam furou as redes verdes por segunda vez. O atacante, que saíu como titular por vez primeira, aproveitou as oportunidades que se lle presentaron para asinar dous tantos e facilitar a primeira vitoria do conxunto azul.

Mentres Ribadumia e Marín acaparan os focos cos seus proxectos, o Unión segue a facer o seu traballo e volve sumar de tres. O conxunto de Asados venceu a domicilio ao Cuntis tras endosarlle un 0-2. Os goles tiveron que agardar ata ben entrada a segunda metade. Despois de encaixar o primeiro tanto, o Cuntis sumouse ao ataque á procura dun empate que nunca chegou. Chuso fixo o segundo para os visitantes nunha demostración do que mellor sabe facer. O atacante rianxeiro –autor de 24 dianas o pasado ano –acabou con toda esperanza das abellas, que sofren o primeiro revés do curso.
Tamén houbo derbi ao norte da provincia entre Agolada e Sport Team Estrada. Un choque que rematou en empate a un gol e deixa a ámbolos dous equipos na parte media da clasificación. Os aurinegros repuxéronse ao tanto visitante e, nada máis comezar o segundo tempo, igualaron o partido por mediación de Nuno Rivero. A fichaxe do Agolada comezou esta Primeira Futgal por todo o alto e xa leva 3 goles, un por cada partido desputado. Un atacante a ter en conta e que pasou por grandes canteiras na súa etapa formativa. Non cesaron os intentos de ambos equipos por desfacer o empate, aínda que sen éxito.

A caída do favorito
Máis decidido estivo o grupo vigués, onde os vencedores gañaron con claridade e rotundidade. Iso si, non estivo exento das sorpresas propias dunha categoría tan competida como esta.
Unha delas, a perda do liderado por parte do Gondomar, que caeu nas Gaiandas ante o Guardés (0-2). O equipo do Val Miñor non ofreceu a súa mellor versión na parcela ofensiva, onde atopara tantas facilidades nos anteriores partidos. Despois dunha primeira metade sen goles, os homes de Antonio Rodríguez saíron coa intención de derrocar ao líder e vaia se o conseguiron. Un gol no minuto 61 e outro de Víctor a piques de concluír o encontro decantaron a balanza a favor dos amarelos. Non hai palabras para definir o talento do atacante que arrincou o curso coa puntería afinada: 3 goles en 3 partidos e vitoria para os da Sangriña.
Quen non falla é o Matamá. O derbi vigués caeu do lado do Atlántida, que se impuxo ao Rápido de Bouzas por 2 a 0. Penedo da Moo desfrutou dun gran partido dos seus e no que Manu Martínez brillou con luz propia. 2 tantos para o mediocampista vigués, o máis destacado dos celestes. Logo dun gran ano en Preferente Futgal onde chegou a ver porta en 9 ocasións, Manu está chamado a ser un dos xogadores máis destacados deste grupo 6. Proba dilo os 4 goles que leva neste inicio de temporada e que lle valen ao Matamá para situarse á cabeza da clasificación, só por detrás do Vilaboa.
A goleada do Vila do Corpus ao Candeán pecha esta entrega dos Diferenciais. Ata 5 goles lles anotaron os de Ponteareas, nun encontro nada doado para o conxunto vigués que non conseguiu ver porta. Un gol en propia porta serviu para adiantar aos locais, aumentando a distancia respecto ao seu rival pouco antes do tempo de lecer. Continuaron os ataques amarelos cun papel destacado de Josiño. Os últimos dous goles levaron o selo do dianteiro procedente do Mondariz que, no seu rol como xogador revulsivo, está a realizar grandes actuacións.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.
Tamén podes acceder ás listaxes dos Diferenciais das pasadas xornadas, premendo aquí.



























































































































































































































































































































































































































































































































Vota polo teu favorito entre os Diferenciais da xornada 3 da Primeira - FutbolinGalicia
13th Oct 2025[…] A loita continúa na Primeira Futgal cos Diferenciais […]