A SD Compostela confirma a súa condición de favorito con pleno de vitorias neste arranque de tempada na Terceira RFEF. Non é o único conxunto que sorrí. O Montañeros, ascendido desde Preferente, tamén suma seis puntos en dúas xornadas e deixa claro que chegou para competir. Igual que o Alondras, que deu un golpe de autoridade ao impoñerse na Magdalena ao Villalbés.
Precisamente, no lado oposto atópase o Rácing Villalbés, que non remata de arrincar. As dúbidas do final da campaña pasada repítense neste inicio, aínda que os da Terra Chá confían en reverter a dinámica para poder aspirar ao playoff.
Entre os ascendidos, ademais do bo papel dos coruñeses, destaca o Juventud Cambados, invicto con dous empates. Pola súa banda, o Céltiga deixou unha goleada para o recordo na primeira xornada (5-0 ao Somozas), aínda que caeu pola mínima fronte ao Montañeros na segunda. Menos fortuna tiveron o CD Barco, Silva e Boiro, que aínda non coñecen a vitoria.
O Lugo B, a pesar da profunda renovación do seu persoal, iniciou o campionato con bo pé e suma catro puntos, mostrando solidez e capacidade de adaptación.
O olfacto goleador de Pape Gaye
No apartado goleador, Pape Gaye empeza como terminou a pasada campaña: vendo porta. O dianteiro senegalés do Montañeros, autor de 29 tantos en Preferente, xa leva dous nos seus primeiros partidos na categoría. Un arranque inmellorable para o que será seguro un dos nomes propios do campionato.
