En 2017, a selección galega sub-16 reunía a algunhas das promesas máis ilusionantes do fútbol autonómico. Moitos daqueles nomes, adolescentes aínda, comezaban a dar os seus primeiros pasos en competicións de nivel. Sete anos e medio despois, o tempo ofrece perspectiva para analizar onde están agora aqueles xogadores e como evolucionaron as súas carreiras.
Algúns continúan ligados ao fútbol profesional, incluso con presenza en categorías superiores ou en seleccións nacionais, mentres que outros tomaron camiños diferentes, afastados dos focos. Esta é unha ollada ao presente daqueles mozos que vestiron a camisola galega naquela convocatoria de 2017.
Porteiros
Jorge Carrillo (Celta Fortuna): Daquela, o meta lerezán defendía a portería do Pontevedra xuvenil en División de Honra, aínda estando en idade cadete. ‘Coke’ marchouse ese verán ao Barcelona e alí permaneceu tres tempadas, ata volver a Galicia en 2021. O Celta sumouno ás súas filas naquela tempada e, a día de hoxe, continúa no filial celeste en busca de gañarse unha oportunidade no primeiro equipo, co que xa foi convocado en varias ocasións.
Iker Piedra (Real Murcia): O porteiro catalán foi convocado coa selección galega cando formaba parte do Deportivo. No 2020 volveu á súa casa para asinar no Espanyol B, do que se marchou en 2022 para fichar polo Xirona B. Tras un bo ano en Montilivi, Piedra recibiu a oferta do Real Murcia, no que leva dous anos como porteiro suplente disputando catro partidos en total.
Defensas
Daniel Concheiro (SD Breixo Lema): O lateral dereito coruñés formaba parte do Deportivo no momento da convocatoria. En xaneiro de 2020 abandonou o club coruñés para irse ao humilde Sporting Burgo. No verán dese ano asina polo Atlético Coruña Montañeiros, onde xoga o seu último ano como xuvenil e o seu primeiro ano como sénior. Actualmente viste a camiseta do Breixo Lema de Segunda Futgal, no que leva tres tempadas.
Gael Alonso (Celta Fortuna): O defensor vigués leva practicamente toda a súa traxectoria no Celta, equipo no que segue e no que recibiu a chamada da selección aquela tempada. Na última campaña, Gael foi un do habituais do filial celeste, disputando 33 partidos e sendo o máis destacado da defensa.

Juan Rodríguez (SD Tarazona): O central vigués debutou ese ano co Deportivo tras chegar no verán desde o Coruxo. Na Coruña estivo ata 2022 e chegou a ir convocado co primeiro equipo en varias ocasións. En 2022 ficha polo Real Madrid C e alí xoga dúas tempadas, cunha cesión de seis meses no Guadalaxara polo medio. Na última campaña formou parte do Tarazona en Primeira RFEF. Está procesado polo ‘Caso Canteiráns’ do Real Madrid xunto a Raúl Asencio, Andrés García e Ferrán Ruiz.
Juan Pereiro (Domaio FC): Pereiro era o líder da zaga do Pontevedra e recibiu a chamada da selección. Como granate estivo un ano máis, antes de fichar polo Alondras en 2019. En 2020 foise ao Moaña e en 2021 pon rumbo á Residencia de Lugo, último equipo da súa carreira ata que na recente tempada asina polo Domaio de Primeira Futgal. Na Granxa disputa 19 partidos durante o último curso.
Hugo Sanz (Ourense CF): O lateral esquerdo formaba parte do Celta aquela tempada e alí estivo toda a súa etapa base ata 2021, cando dá o salto a sénior. O Ourense CF recrútao e mostra un gran nivel durante dúas tempadas. Tras dúas experiencias erradas no Real Murcia e no Hércules, Sanz volve en 2024 ao club pontino e consegue o ascenso a Primeira RFEF, onde foi moi importante durante este último curso.

Centrocampistas
Mario Prol (CD Boiro): Aquela tempada, Mario Prol vestía a camiseta do Lugo tras chegar a terras lucenses ese verán procedente do Santiago de Compostela. Tras unha boa tempada como albivermello, o centrocampista marchouse ao Celta, club no que estivo tres campañas. Tras un paso sénior por Arzúa e Noia en Terceira RFEF, Prol leva dous cursos no Boiro, onde está a render a gran nivel e onde seguirá un ano máis tras renovar.
Xabier Becerra (SDC Residencia): Do mesmo xeito que Mario Prol, este futbolista formaba parte da estrutura do Lugo, na que estivo ata 2019. Tras un ano parado, Becerra volve en 2020 para enrolarse nas filas do Conxo Santiago, club que abandona a metade de ano para asinar polo Compostela. Actualmente xoga na Residencia de Lugo, en Primeira Futgal, onde rozou a volta a Preferente na fase de ascenso. Acumula tres campañas no club lucense.
Damián Rodríguez (RC Celta): Damián Rodríguez foi un dos talentos chamados pola selección galega sub-16 no ano 2017. A súa progresión foi constante dende entón, consolidándose como unha das promesas da canteira celeste. O seu bo facer levouno a ser convocado pola selección española sub-21. Actualmente forma parte do primeiro equipo celeste ás ordes de Claudio Giráldez.
Alberto Carracelas (A Peroxa CF): Convocado cando estaba nas filas do Pabellón de Ourense, entidade na que estivo ata 2019, cando asinou polo Ourense CF, onde estivo as dúas seguintes campañas. Tras debutar como sénior co Velle en Preferente, Carracelas leva tres anos en Primeira Futgal, os dous últimos vestindo a camiseta da Peroxa tras chegar desde o Maside.
Atacantes
Xabi Domínguez (Pontevedra CF): O extremo ourensán tamén formaba parte do Pabellón de Ourense no momento da convocatoria, logo de chegar ese ano do Celta. Ese verán asina polo Lugo e alí suma cinco tempadas, chegando a debutar co primeiro equipo en Copa do Rey e sendo un habitual do filial os dous últimos anos como albivermello. Tras pasar polo Guijuelo, Xabi fichou polo Pontevedra, co que conseguiu o ascenso a Primeira RFEF. Agora, tras non renovar, busca equipo para a próxima campaña.

Yeremay Hernández (RC Deportivo): O extremo canario formado na canteira do Deportivo destacou xa dende moi novo pola súa habilidade no un contra un e a súa visión ofensiva. En 2017 foi un dos nomes presentes na lista da sub-16 galega, e dende entón a súa traxectoria foi en ascenso. O seu rendemento levouno a gañarse un oco na selección española sub-21 e leva dous mercados rexeitando grandes ofertas para ficar na Coruña.
Axel Lim (Sen equipo): O atacante compostelán do ano 2003 recibe a chamada da selección galega da xeración do 2002 cando formaba parte do Deportivo. En 2020, Axel Lim regresa a casa para asinar polo Compostela e esa tempada sáese. Consegue un ascenso a División de Honra co xuvenil e debuta en Segunda B co primeiro equipo. O seu último ano de xuvenil dispútao co Inter San José valenciano no seu último ano xogando ao fútbol. Como sénior non ten ningunha experiencia oficial.
Hugo Novoa (Deportivo Alavés): Do mesmo xeito que Axel Lim, o futbolista do Alavés foi convocado coa xeración 2002, cando estaba no Deportivo, a pesar de ser do ano 2003. Dous anos despois ficha polo Red Bull Leipzig, club ao que pertence ata 2024 cando asina en Mendizorrotza. Durante a súa estancia en Alemaña, Hugo debuta en Champions League e encadea tres cesións en Basilea, Utrecht e Vilarreal B. Este verán podería volver cambiar de aires.
Facundo Moreyra (Noia CF): O futbolista de orixe arxentina formou parte do Celta ata 2021, cando, no seu primeiro ano como sénior, puxo rumbo ao Mirandés B. Tras volver a Galicia da man do Ribadumia, Facundo leva dous anos moi bos en Terceira RFEF, o primeiro no Alondras e o segundo no Noia, onde disputou a fase de ascenso a Segunda RFEF.
Miguel Rodríguez (FC Utrecht): Unha das estrelas daquel combinado. O atacante de Redondela era considerado como unha das xoias da coroa da canteira celeste, na que estivo ata 2024. Tras debutar co primeiro equipo do Celta e meter algún que outro gol, Miguel marchouse ao Utrecht neerlandés, que exerceu a opción de compra de 4.5 millóns en 2025. Como Lim e Novoa, o redondelán tamén é 2003.
Aye Diop (Gimnàstic Manresa): O atacante catalán defendeu a camiseta do Deportivo ese curso. Nos seguintes anos en Abegondo perdeu protagonismo e acabouse marchando en 2020 ao Silva. Tras un breve paso polo Sofán, deixou o fútbol ata o 2023, cando asinou polo Sabadell B. Este ano recalou na Gimnàstic Manresa de Primeira Catalá pero tampouco puido acumular moitos minutos.