A loita polo descenso está que arde e esta fin de semana sumou máis emocións cos triunfos do Umia en casa do Choco, que fixo cambiar de adestrador ao club de Redondela, e do Verín no Baltasar Pujales. Aínda que visitaba ao pechacancelas, o conxunto do José Arjiz sufriu e venceu ao Rápido de Bouzas no minuto 85 grazas a un tanto de Álex Fernández.
O equipo dirixido por Vítor Pereira logrou saír do descenso grazas a esa vitoria e a ter mellor ‘goal average’ que o Choco, que desde esta semana está comandado por Juan Amoedo. Mentres, o Umia sitúase dous puntos por detrás. En Futbolingalicia decidimos falar co protagonista da vitoria do Verín e o aínda xuvenil Álex Fernández pasa pola nosa consulta.
Futbolingalicia: Aínda que parecía unha saída cómoda, o Verín sufriu para gañar 2-3 no Baltasar Pujales ao Rápido de Bouzas cun gol teu nos últimos minutos. Que valoración fas do partido?
Álex Fernández: «Creo que en liñas xerais non foi un dos mellores partidos do equipo. Sobre todo, no momento xusto antes do descanso onde tiñamos que aguantar o resultado. Aínda así logramos conseguir a vitoria, que neste momento é o mais importante».
FIG: Anotaches o teu segundo gol na liga. Que sensacións quedan tras este tanto?
ÁF: «A verdade é que estou moi contento polo gol e fíxome moita ilusión. Pero alégrome aínda máis por poder axudar a conseguir os tres puntos nun partido no que nos xogabamos moito e non podiamos perder».

FIG: Volvedes saír dos postos de descenso tras moito tempo dentro. Que significa isto para o equipo?
ÁF: «É o resultado de todo o traballo do equipo nestas últimas semanas. O feito de saír do descenso significa que estamos a facer as cousas ben e que este é o camiño a seguir para conseguir a permanencia. A pesar disto, penso que non nos podemos relaxar, xa que todas as xornadas que quedan son finais para nós».
FIG: A priori parece que só un equipo entre Verín, Choco e Umia manterá a categoría. Como ves a loita pola salvación? Cres que pode caer algún outro equipo?

ÁF: «Creo que o descenso estará moi igualado e decidirase por cousas puntuais. Si que penso que na loita estaremos Umia, Choco e nós, pero non descarto que se poida meter algún máis porque non hai moita distancia en puntosl».
FIG: É a segunda vitoria consecutivo co novo adestrador, Vítor Pereira. Trátase dunha fichaxe particular pois Vítor era xogador do equipo e pasou a dirixilo. Como influíu isto no actual rendemento?
ÁF: «O equipo con Vitor de xogador sempre tivo unha gran relación, o que dende o principio foi algo positivo. A verdade é que a súa chegada, ao ser dun día para outro, colleunos a moitos de imprevisto. El propuxo un proxecto no que cambiaba un pouco a forma dos adestramentos e a maneira de xogo e os xogadores estivemos dacordo. A verdade é que dende a súa chegada o rendemento do equipo, tanto a nivel de fútbol como no apartado anímico, aumentou».
FIG: Que diferencias atopas entre o novo técnico e o anterior, Miguel Sotelo?
ÁF: «Vítor é un adestrador máis táctico, que se centra moito na preparación dos adestramentos de cara ao partido. Miguel tamén se preocupaba moito dos adestramentos, pero destacaba máis no aspecto moral animando e motivándonos. Unha parte do rendemento actual do equipo tamén é grazas a el e ao traballo que fixo durante estes meses».

FIG: Indo a túa figura particular, estás aínda no teu segundo ano como xuvenil e xa sumas máis de vinte partidos na Preferente. Como estás a vivir este ano?
ÁF: «En principio, eu empecei a tempada co plan dalgún día da semana adestrar cos maiores pero xogar cos xuvenís. Nun momento da tempada, por lesións, o Verín necesitou tirar dalgúns xuvenís e foi cando Miguel deume a oportunidade de xogar. Desde aí xa quedei arriba e estou moi contento e agradecido con todo o club. O cambio de xuvenil a sénior noteino especialmente no aspecto físico. Pero atópome cómodo xogando e con ganas de seguir».
FIG: O ano pasado cambiaches Verín pola UD Ourense. Que aprendiches nesa tempada?
ÁF: «En xeral, ensináronme moito e penso que mellorei bastante, ademais de que me trataron xenial. Pero sobre todo, destaco moito que aprendín a ser máis competitivo».
FIG: Que compañeiros son os que, desde a experiencia, máis che axudan dentro do vestiario?
ÁF: «Todos me axudaron dende o inicio. Ao principio tiven un pouco máis de confianza cos xogadores da vila porque xa os coñecía de antes e foron os que me empezaron a introducir no grupo. Co tempo comecei a coller confianza con todos».
FIG: Este domingo xogades contra o Portonovo, ao cal lle metiches gol na ida. Como ves este novo duelo directo pola permanencia?
ÁF: «É un partido moi importante para nós contra un rival duro, pero xogamos no Arjiz e temos que gañar».