# Hashtag
ourense-futbol-feminino

EFF Rosalía e CD Arenteiro lideran o cambio en Ourense

Ourense foi, historicamente, un bastión do fútbol sala. Unha modalidade que brindou numerosas alegrías aos ourensáns, tivo este ano que sufrir un novo descenso do Cidade das Burgas. Deste xeito, os éxitos e os anos máis gloriosos deste deporte pasaron a ser recordos do pasado.

Se isto acontece no fútbol sala, o caso do fútbol 11 non goza de mellor saúde. Malia o auxe deste deporte a nivel internacional, en Ourense aínda loita por atopar o seu espazo. Tan só dous equipos traballan por saír deste declive, o Rosalía e o Arenteiro.

Ambos teñen un obxectivo claro: ofrecer ás nenas ourensás un lugar onde poder desenvolver a súa paixón polo fútbol.



A EFF Rosalía, 100% feminina e 100% ourensá

A EFF Rosalía é a primeira escola de fútbol feminino de Ourense. Dende a súa fundación, a entidade foi crecendo de forma constante en número de xogadoras e de equipos. O seu presidente Mario Gómez compártenos a súa visión:

«Nós consideramos que a EFF Rosalía aínda está arrancando. Na tempada 17/18 comezamos cun equipo benxamín e un alevín dentro da estrutura doutro club, a AD Bosco do Colexio Salesianos de Ourense. Na tempada 18/19 xa nos fundamos como club independente».

O Rosalía enfoca os seus esforzos na formación de base, creando unha escola que promove non só o desenvolvemento deportivo, senón tamén valores como a cooperación, o respecto e o traballo en equipo.



«Decidimos que a base e a formación ían a ser o noso piar fundamental. Cando o equipo sénior estea formado completamente por xogadoras formadas na nosa estrutura é cando daremos por iniciado o noso proxecto».

Xogada dun derbi entre o Arenteiro e o Rosalía. EFF Rosalía

Unha aposta seria por parte do Arenteiro

O CD Arenteiro, por outro lado, ten unha historia máis estendida no fútbol ourensán malia que a súa incursión no fútbol feminino foi fai tan só dous anos. Alba Rodríguez, adestradora do primeiro equipo, fálanos da importancia desta iniciativa:

«O CD Arenteiro, coa historia e a repercusión que ten hoxe, decidiu apostar polo fútbol feminino para dar resposta ás demandas de todas as rapazas de Carballiño, Ourense e arredores. En Ourense soamente existía o Rosalía e por iso, o Arenteiro decidiu formar esta sección dándolle unha gran visibilidade e oportunidades a todas esas rapazas. De feito, o primeiro ano creouse un equipo, e xa no seu segundo creouse outro máis».



O equipo de Carballiño respondeu ante esa demanda e agora busca dar pasos cara adiante. As ‘verdes’ traballan para poder acadar un mellor nivel e maior competitividade. «Considero que o Arenteiro ten capacidade para apostar realmente polo fútbol feminino, dándolle a visibilidade e o soporte económico necesario para conseguir crecer», coméntanos Alba.

A Alba gustaríalle que o fútbol tivese un crecemento similiar ao do sala. «En Ourense o fútbol sala ten unha gran tradición, equipos en primeira división e unha visibilidade incrible. Ao non contar con equipos de fútbol 11, todas as nenas que querían xogar ao fútbol tiñan que optar polo sala e iso beneficioulles. Actualmente non creo que estea indo a menos».

O futuro en Ourense

Á hora de falar do futuro do fútbol galego e ourensán atopámonos con diversas opinións. «Poderase medrar en calidade e niso temos toda a responsabilidade os dirixentes dos clubs, pero en número dubido moito que poda medrar moito máis o fútbol feminino en Galicia», afirma o presidente das pontinas.

Dende o Rosalía poñen o foco no traballo das xogadoras: «Nós estaremos aquí para darlles todo o que precisen, pero as que teñen que escalar son elas co seu traballo en adestramentos e partidos».

Para a adestradora do Arenteiro o número de xogadoras é algo relevante: «A cantidade fai a calidade e actualmente o número de rapazas practicando fútbol en Ourense é moi limitado».



A falta dun equipo referente na máxima categoría galega ou en ligas superiores é unha das materias pendentes para o fútbol da provincia:

Sara Fernández e Nuria Pascual nunha convocatoria da selección galega Sub-15. CD Arenteiro

«Nós facemos o que podemos e desfrutamos do camiño, obviamente que loitamos por ascender e ser ese referente necesario no fútbol feminino provincial, pero independentemente da categoría na que esteamos consideramos que por estrutura xa o somos», afirma Mario.

Do mesmo xeito, Alba explícanos o seu parecer: «é unha magoa que en Ourense non haxa equipos en ligas máis arriba para dar saída a xogadoras de moita calidade que hai aquí. Todas esas xogadoras, ao chegar a certo nivel, teñen que facerse kilómetros para seguir medrando».

A fuga de talento é unha das consecuencias ao militar ambos clubs na Segunda Galega. «No Arenteiro contamos con xogadoras de moitísimo nivel, entre elas dúas xogadoras de selección galega que merecen poder seguir crecendo en Ourense en categorías máis altas».

Tanto uns coma outros coinciden en que o fútbol feminino en Galicia evolucionou moito pero queda traballo por facer.«Hai que recoñecer que aínda que todo obviamente é mellorable, o fútbol feminino en Galicia medrou moito e ben nos últimos anos», di Mario.

EFF Rosalía e CD Arenteiro lideran o cambio en Ourense

Así quedan os seis grupos da Primeira

1 comentario

  1. […] EFF Rosalía e CD Arenteiro lideran o cambio […]

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *