# Hashtag

Toño, Barbadás: «O obxectivo é sempre competir, deixar ao club o máis alto posible e dar boa imaxe»

Antonio Nespereira Lage, máis coñecido como Toño Nespereira no ámbito futbolístico, é un centrocampista ourensán que está a vivir a súa séptima campaña co Barbadás, sendo ademais o capitán. Entre outros temas, rememoramos con el o ascenso a Terceira RFEF na tempada 22-23, a posterior salvación no quinto chanzo do fútbol estatal ou como é compartir vestiario co seu irmán.

Toño co brazal de capitán do Barbadás Cedida

FutbolinGalicia (en adiante FIG): Como recordas o curso 22-23, no que o Barbadás logrou o ascenso a Terceira RFEF tras estar varias campañas previas non moi lonxe de conseguilo?

Toño Nespereira (en adiante, TN): Empezamos como calquera outro ano. Non había un obxectivo en si; competir e tentar quedar o máis arriba posible era a meta. En ningún momento esperábase que a tempada fose así. Comezamos regular pero a partir do primeiro terzo empezamos a ir cara arriba e unha vez que liderabamos a táboa non houbo ninguén que nos moverá de aí. Recordo que fixemos unha gran cantidade de puntos con moita diferenza ,especialmente co terceiro clasificado, e inclusive co segundo. Foi unha tempada na que non contabamos ascender, menos de primeiros e con dita distancia en canto a puntos.



FIG: Nalgún momento destes últimos anos comezou a ser un obxectivo dito ascenso a Terceira?

TN: Non, en ningún momento. O obxectivo é sempre competir, deixar o club o máis alto posible e, especialmente, dar boa imaxe. No resto, o que veña: se hai que loitar por non descender, intentar a salvación; se estás na loita polo ascenso; pelexar por conseguilo. Pero como xa dixen, en ningún momento se nos piden obxectivos dese estilo. A nosa directiva preocúpase de que o xogador se atope cómodo, se fai falta ir ao fisio ou ao médico… otórganlle máis importancia a todo o entorno que ao tema competitivo.

Gústanos a todos estar o máis arriba posible ou ascender, pero é un elemento máis ben secundario. Se tes á xente contenta e hai un bo trato e respeto, ao final os resultados estarán aí.



FIG: Na tempada pasada conseguistes unha dura salvación na que gran cantidad de equipos estaban inmersos.

TN: Foi dura, si, mais mirando a clasificación final vemos que rematamos no noveno posto e con equipos coma o Rápido de Bouzas, que era un dos candidatos ao ascenso, por debaixo nosa. A Terceira RFEF, quitando dous ou tres equipos que si marcan as diferenzas, é unha categoría moi igualada. E inclusive cos equipos que están arriba, coma este ano o Arosa ou a UD Ourense, fomos capaces de competir. Houbo equipos da parte alta da táboa aos que lles quitamos máis puntos que eles a nós.

Ao final compítese ante todos os conxuntos. É unha categoría na que reina a igualdade e que se decide ao término da competición. O que xa falamos, de quedar ás portas de xogar unha promoción de ascenso a descender estás a dous partidos.



Toño botando un córner Cedida

FIG: Con todo o respondido na anterior cuestión, como describirías esta campaña ?

TN: Realmente foi boa. Paréceme que eramos o terceiro ou cuarto equipo con menos orzamento. Nestas circunstancias o que queres é salvar a categoría. O normal, con esta situación, sería estar abaixo intentando loitar por saír de aí. E foi todo o contrario! Case a totalidade da tempada estivemos na metade da clasificación.

Si que é verdade que coa igualdade que hai na competición, nas últimas xornadas tivemos un pequeno baixón. Mais tampouco foi en si unha baixada de rendemento, mirando a clasificación tiñamos a promoción de ascenso a poucos puntos. En ningún momento tivemos presión por parte da directiva: «Nenos, competide e se salvamos a categoría, xenial; e senón pode ser, non pasa nada» foron as súas palabras textuais.

FIG: Tras tantas vivencias no club, como definiría Toño ao Barbadás? Canta importancia ten na túa vida futbolistíca?

TN: A miña definición do Barbadás é gran familia. Tanto directiva como resto de factores que están darredor do club buscan que o xogador estea ben e que teña todo o necesario ao seu alcance. O primeiro para estas persoas é a nosa comodidade; que teñamos boas instalacións ou bo material. E a partir de aí se veñen os resultados, estupendo!. Pouco xogadores hai que poidan falar mal do que é o Barbadás e as persoas que o forman. Dan todo para que o club funcione e siga funcionando ano tras ano.



FIG: Na actual pretempada participastes na Copa Federación. Nela eliminastes ao Estradense e máis ao Arenteiro, que se atopa en Primeira RFEF. Ademais o Coruxo, de categoría tamén superior, soamente puido con vós nos penaltis. Como valoras a vosa participacion na competición?

TN: A Copa Federación sirve, ao final, para seguir preparando a pretempada. Si que é verdade que son partidos nos que se compiten un chisco máis ca no resto de amigables. Nós estamos probando; temos moitos xogadores novos, en practicamente tódolos partidos fixemos todos os cambios e competimos ben.

O primeiro partido na Copa Federación foi contra o Estradense (oitavos) e gañamos 1-0. En cuartos tocounos o Arenteiro, a priori ao xogar dúas categorías (Primeira RFEF) por riba nosa un rival moi complicado. Mais o partido estivo competido e pasamos de rolda a penaltis. Contra o Coruxo (rival nas semifinales) notei que eran xogadores máis rápidos, pero non nos xeraron moitas ocasións de gol. Neste caso, eles foron mellores dende os once metros.

Creo que na Copa demostramos que o equipo compite tanto con rivais da mesma coma de superior categoría, sexan unha ou dúas. É o bo que podemos sacar desta pretempada e desta Copa Federación.

FIG: Cal é o obxecto a nivel colectivo neste curso?

TN: É competir e a partir de aí ver o equipo que temos e ata onde podemos chegar. Se podemos salvar a categoría, xenial. Unha vez conseguido, todo o que sexa ir cara arriba será benvido. Dende que comezamos os adestramentos ninguén veu dicirnos que o obxectivo é salvarse, ascender, ou manterse na metade da táboa; unicamente competir.

A tempada será, seguramente, parecida á anterior; na que pequenos erros ou dinámicas negativas poden levar a pasar dun séptimo posto a estar cerca do descenso. Tentaremos que o equipo se manteña, non encaixar e procurar gañar os máximos partidos posibles para, antes que nada, salvar a categoría.

FIG: E o teu obxectivo a título individual?

TN: Intentar, coma sempre, axudar no máximo posible. Creo que son o máis veterano do equipo. Comecei esta pretempada cunha pequena lesión na zona do pubis e, por tanto, non participei nos amigables. Espero estar ben para o inicio da liga.

O principal para min é estar ben físicamente para poder axudar ao equipo, sumar todos os minutos que sexan posibles e ,especialmente, meter no equipo á xente nova para que sumen coma un máis. En resumo, entre todos temos que lograr o que levamos facendo os últimos anos: que sexa un gran grupo e unha familia con gran ambiente. Así iremos a maís. É fundamental nun equipo de fútbol que todos os xogadores se leven ben, que fagan unha piña e que todos sumen.

FIG: Toño e David, dous irmáns compartindo vestiario no Barbadás. Como levades esta peculiar situación?

TN: É un dos motivos que me levou a fichar. El xa estaba xogando aquí e a min surxiume a oportunidade de recalar no club. Unha posibilidade así é sempre algo que lle gusta a calquera irmán. Ademais do fútbol tamén compartimos traballo posto que temos un taller e unha compraventa. Levámolo ben!

Toño e David, dous irmáns no Barbadás Cedida

Toño, Barbadás: «O obxectivo é sempre competir, deixar ao club o máis alto posible e dar boa imaxe»

O Castro e a Residencia, rivais a

Toño, Barbadás: «O obxectivo é sempre competir, deixar ao club o máis alto posible e dar boa imaxe»

Nova travesía en 2ª RFEF para o

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *