# Hashtag

Rubén Domínguez, Ourense CF: «De neno collía ao CD Ourense no PC Fútbol e sempre chegaba ao fútbol profesional»

A provincia de Ourense terá dobre representación na Primera RFEF a vindeira campaña: ao consolidado Arenteiro súmase o Ourense CF, un dos clubes de moda do panorama galego, polo traballo realizado desde o seu primeiro equipo ata o seu fútbol base.

Un dos grandes artífices do éxito é Rubén Domínguez Rodríguez (Ourense, 1987). O adestrador, que comezou a súa carreira nos bancos na UP Taboadela, viviu nesta 23/24 a quinta campaña da súa segunda etapa á fronte do Ourense CF. Con gran fútbol e moi bos números, acadou o salto da categoría co club do barrio da Ponte que apostou por el no 2014 en primeira instancia e no 2020 para continuar co proxecto.

Hoxe, o preparador analiza con nós non só a magnífica temporada dos da cidade das Burgas, senón tamén a historia recente dunha entidade que pouco a pouco está a facerse un nome no fútbol nacional.



«O fútbol é dos xogadores»

Futbolingalicia: Contabades ti e o teu corpo técnico con este éxito cando comezastes a pretemporada?

Rubén Domínguez: A verdade é que cando configuramos o equipo tiñamos a idea de dar un paso máis, pero a medida que vimos como competimos na pretemporada e nas fases previas da Copa Federación, si que nos mirabamos aos ollos e pensabamos que o equipo era moi xeitoso e que podía dar que falar.

FIG: O ascenso chega un ano despois dunha tempada moi sufrida.



RD: Si, a temporada pasada foi moi dura no día a día. Xuntáronse numerosas situacións: Alberto Gil foi fichado polo Ceuta en xaneiro, houbo lesións importantes como as de Portela, Isra, Rubén, Capelete… moitas baixas, e de feito chegamos a Berasáin con 13 xogadores dispoñibles, aínda que completamos a convocatoria con xogadores lesionados. Pero de todo se aprende e saímos máis forte de aí.

FIG: Mantivestes a gran parte do cadro de xogadores da 22/23, pero melloraron os resultados e o xogo.

RD: Si, todo vai da man… xuntamos aos «Gil», a Facu Ballardo, a Prado, a Cristian Moreno, a Andrada, a Di Renzo… xogadores de moito nivel. Cando tes moi bos xogadores xogas moi ben e cando tes peores futbolistas, costa máis. O que pense que un adestrador xoga mellor porque é un fenómeno e peor porque é un paquete, está moi equivocado: o fútbol é dos futbolistas.



FIG: Tamén houbo grandes acertos da Secretaría Técnica, como a chegada de Gonzalo di Renzo tras a marcha de Amin.

RD: Na Secretaría Técnica temos a tres persoas traballando, e despois Adrián Abalo (segundo adestrador) e eu temos a última palabra, a partires de aí o club trata de asinar aos xogadores. É un traballo de moitos anos, que nos gusta e ao que lle damos moito valor. Consideramos que os clubes pequenos temos que ter moi bo ollo e ser moi bos neste apartado. E precisamente este ano, o acerto foi espectacular.

«Estou moi orgulloso de ser de Ourense»

Rubén, manteado polos xogadores do Ourense CF tras o ascenso. Imaxe: Ourense CF

FIG: Declarabas xusto despois de ascender a túa vontade de chegar co Ourense CF ao fútbol profesional.

RD: Si, é o meu soño desde cativo. Xogaba de neno ao PC Fútbol, sempre collía ao CD Ourense e sempre o conseguía no xogo virtual. Na realidade non estamos nada mal: comezamos o proxecto na Primeira Galicia e agardo dirixir ao equipo a vindeira temporada na Primeira RFEF. Está sendo un proceso espectacular.

FIG: Que diferenzas notas con respecto á temporada 2014-2015, na Primeira Galicia?



RD: Cambiou todo, os xogadores son profesionais, adestran pola mañá, temos un ximnasio digno da categoría, material, etc. A cantidade de xente que traballa no club tamén variou, de modo que ninguén recoñecería ao club se volvese 10 anos atrás.

FIG: Queda aínda camiño para igualar a clubes como o RC Deportivo, que tamén coñeces desde dentro?

RD: Estiven un ano en A Coruña, no fútbol base, así que sería un auténtico logro igualalos, aínda que supoño que irán rapidamente cara a Primeira División.

FIG: A nivel persoal, imaxino que vivirás o éxito con máis intensidade por estar triunfando nun dos clubes punteiros da túa cidade e da túa provincia

ourense
O Ourense CF celebra en Oira o ascenso á Primeira RFEF. Imaxe: Web Ourense CF

RD: Sempre hai que ter sentimento de pertenza, e eu son moi ourensán. Fixen a carreira de CCAYFD en A Coruña e non quedei nin unha soa fin de semana alí, sempre volvía para a casa. Incluso cando estaba no Dépor, remataba o partido e viña a Ourense. Estou moi orgulloso de ser ourensán. Se podo chegar con algún dos equipos da provincia ao fútbol profesional, será un auténtico orgullo para unha provincia que está abandonada dentro de España e de Galicia.

«Agardo dirixir ao equipo na Primeira RFEF. Está sendo un proceso espectacular»

FIG: Como se vive desde dentro a rivalidade coa UD Ourense?

RD: Neste caso, non desexo ningún mal á UD. Se son quen de ascender á Segunda RFEF na promoción, a provincia de Ourense terá dous equipos en 1ª RFEF, un en 2ª RFEF e outro (o Barbadás) na 3ª RFEF. Máis oportunidades para xogadores ourensáns, para adestradores ourensáns… se nos retroalimentamos todos, estou seguro de que seguiremos medrando.

De feito, hai dez anos (2013/2014), o Ourense CF estaba en Primeira Galicia, o Arenteiro tamén e o Barbadás estaba na Terceira División. A UD comezou no 2014 na Terceira Galicia. Todo cambiou moito en dez anos, así que está claro que as cousas se están a facer ben en toda a provincia.

FIG: Se tes que quedarte cun partido da túa traxectoria como adestrador, cal sería?

RD: O Taboadela-Barbadás ‘B’ da final da Copa Deputación do 2013. Eramos un equipo de pobo, salvamos a categoría na última xornada e ganamos a Copa a un equipo de Preferente que daquela era filial dun Terceira División. Os adestradores que vimos do «Fútbol na Lama» non nos podemos olvidar xamais de onde vimos.

IMAXE DE PORTADA: WEB OURENSE CF

Rubén Domínguez, Ourense CF: «De neno collía ao CD Ourense no PC Fútbol e sempre chegaba ao fútbol profesional»

Fito histórico do RC Celta coa creación

2 Comentarios

  1. […] Rubén Domínguez, Ourense CF: «De neno collía ao […]

  2. […] Rubén Domínguez, Ourense CF: «De neno collía ao […]

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *