# Hashtag

Miguel Freiría, CD Valladares: «Neste club é onde estou máis feliz e onde saco a miña mellor versión»

Ante todo prognóstico e a pesar de partir con desvantaxe na última xornada, o conxunto vigués logrou o ascenso a Terceira RFEF no ano do seu centenario e 37 tempadas despois da súa última participación na categoría

Promoción inesperada

O segundo ascenso a Terceira RFEF desde a Preferente Sur decidíase o pasado domingo con tres equipos con opcións, Céltiga, Valladares e Choco. O cadro da Illa de Arousa parecía ter todo na súa man xa que só necesitaba derrotar ao descendido Ribadumia no seu feudo para dar o salto de categoría cinco cursos despois. O equipo vigués e o conxunto redondelán esperaban ansiosos unha posible sorpresa no Salvador Otero.

Esa sorpresa sucedeu debido a que o Ribadumia augou a festa arousá ao impoñerse por 0-2 e o acompañante do Villalonga foi o Valladares, que fixo os deberes en casa ante o Atios (3-1). O club vigués regresa á categoría despois de 37 tempadas afastado dela e faino nun ano inmellorable, o do seu centenario. O obxectivo non era ascender pero unha gran segunda volta desatou a festa na Gándara.

Referencia ofensiva

Celebración do Valladares sobre o céspede da Gándara. Cedida

Hoxe fala connosco Miguel Freiría, referente ofensivo do Valladares que terminou a tempada como máximo goleador da categoría (23 tantos) xunto a Marcos Blanco, do Villalonga.



Futbolingalicia: O Valladares, a pesar de partir con desvantaxe sobre o Céltiga na última xornada, conseguiu o ascenso a Terceira 37 tempadas despois, que significa isto para todos os que formades parte do club?

Miguel Freiría: Realmente é un soño para todos, xa non só para os xogadores e o corpo técnico, tamén para a directiva e para o resto de xente que forma parte do club. Conseguir un ascenso a Terceira RFEF é algo moi difícil pero facelo nun club coma este, onde se teñen que facer grandes esforzos para que todo vaia adiante, é dun mérito incrible. Cumprimos un verdadeiro soño.

FIG: Supoño que a celebración foi moi grande, que nos podes contar sobre a festa?



MF: A celebración estivo moi acorde ao logro que conseguimos. Desde o momento que coñecemos o resultado do Céltiga, empezou a festa. Ao principio houbo moitas lágrimas de alegría. Alongouse a celebración no campo, aínda que algún foise retirando porque tiña que traballar o luns. Despois aínda nos deu tempo a ir a unha discoteca e cada un foi chegando a casa á hora que podía. Algún dos que tiñan que traballar quedou na casa indisposto e outros quedaron a durmir. Pasaron moitas cousas, a ocasión merecíao.

FIG: Antes de comezar o partido, esperabades o picazo do Céltiga?

MF: Non contabamos moito con que o Céltiga perdese fronte ao Ribadumia pero a esperanza sempre a tes porque son resultados que se poden dar pola igualdade da liga. A ilusión estaba aí. A semana anterior tiñamos algo máis de esperanza porque visitaban o campo do Villalonga, pero gañaron e a moral caeu un pouco. No comezo da semana viamos o ascenso moi complicado pero co paso dos días criamos máis grazas aos ánimos do adestrador. Ao final pasou e mira, máis non se pode pedir.



FIG: E ao principio de tempada, notabades que o ascenso a Terceira era posible?

MF: Está claro que o obxectivo inicial non era este. O equipo que se formou era un bo equipo para competir ben, pero o ascenso non era algo algo primordial para o Valladares como club, sobre todo se miramos o baixo presuposto que temos. Si que é certo que somos un equipo coa maioría de xogadores da casa e que levamos anos xuntos polo que sabiamos que podíamos competir ben. Ao comezar a liga viamos que o equipo loitaba polos primeiros postos e o obxectivo pasou a ser o de acabar o máis arriba posible pero nunca pensamos no ascenso como obxectivo e case tampouco como unha posibilidade. Ao final conseguiuse co traballo que fixemos e estamos moi orgullosos.

«Somos un equipo coa maioría de xogadores da casa e que levamos anos xogando xuntos polo que sabiamos que podíamos competir ben«

FIG: ⁠Quizais partiades un pouco de tapados nas xornadas finais, xogou iso ao voso favor ante equipos como Choco ou Céltiga cuxa obrigación era ascender?

MF: Tampouco é partir de tapados porque o obxectivo non era este xa que o proxecto que se fai en Valladares é para manter a categoría e para que xogue a xente do barrio. Creo que si que axudou un pouco que o resto de equipos non contasen con nós para este pelexa e ao final demos a sorpresa.

FIG: Cales foron as claves para devolver o equipo a Terceira tantas tempadas despois?



MF: A principal clave é que somos unha familia, tanto xogadores, corpo técnico, directiva e demais. A filosofía do club de apostar pola xente da casa acabou dando o seu froito en Valladares grazas ao traballo do día a día. A maioría dos futbolistas xogaron no club en categorías inferiores e o que non o fixo, como o meu caso, somos de aquí. O ambiente que se forma é moi especial e moi distinto ao que se pode formar noutros vestiarios. Iso nótase no campo porque, inconscientemente, tes o plus de xogar ao lado dun amigo co que levas xogando desde os cinco ou seis anos. Entón a clave é a familia que formamos porque os que veñen de fóra tamén entenden o que é isto. A maioría tamén quedamos cando marchamos do campo e iso suma moito.

FIG: O equipo só sufriu dúas derrotas en toda a segunda volta, unha ante un descendido Velle… Que cambiou respecto ao primeiro tramo de tempada onde quizais non terminabades de coller o ritmo da cabeza?

MF: A segunda volta foi incrible. Os resultados déronse de forma moi favorable e puidemos superar ese tramo complicado que tivemos en decembro polas lesións e a dinámica. Estivemos dous meses e pico sen gañar, logo dun bo inicio que nos fixo chegar a decembro na segunda posición, e complicouse o tema. Despois conseguimos mellorar e ao final, sen esperalo moito, conseguimos o ascenso na última xornada. Realmente non cambiou nada pero si que a xente foi uníndose máis tras levar os golpes que levamos. En Nadal case non podiamos completar o once debido as lesións que tiñamos, pero a xente foi recuperándose e co paso dos partidos fomos capaces de mostrar moita personalidade.

«En Nadal case non podiamos completar o once debido as lesións que tiñamos«

FIG: Cal foi o momento máis difícil da tempada?

MF: Sen dúbida, en decembro. Non eramos capaces de gañar. Había moitas lesións, algunhas de longa duración, e viaxamos a algún partido con só 13 xogadores do primeiro equipo. Foi un momento difícil, sufrimos dúas lesións de ligamento cruzado e, por exemplo, eu estiven dous meses sen xogar por un edema óseo no xeonllo. Foi un calvario o das lesións este ano pero conseguimos superalo e ascender. O momento máis difícil foi ata febreiro, onde nos custaba gañar e as lesións facían que houbese máis xente no ximnasio recuperándose que sobre o céspede. 

FIG: A nivel persoal rematas a tempada con 23 tantos en liga, incluÍdo un na xornada decisiva, o que che leva a ser o máximo goleador da categoría xunto a Marcos Blanco. Que supón para ti o ser capaz de facer isto nunha tempada onde se logra o ascenso? 

MF: Pouco máis se pode pedir. Meter tantos goles e poder axudar ao equipo a conseguir un fito histórico é algo que me pon moi feliz. Sinceramente, non esperaba poder sumar tanto a nivel de goles. Na xornada 4 ou 5 xa levaba 5 ou 6 goles e dixen en Fica Coa Bola que o obxectivo era chegar aos 20. Conseguín meter 23 e ser o máximo goleador da liga a pesar de non poder xogar durante dous meses e algo pola lesión. Nada me pon máis orgulloso que poder axudar desta forma ao Valladares a conseguir o ascenso.

«Nada me pon máis orgulloso que poder axudar desta forma ao Valladares a conseguir o ascenso«

FIG: Excepto as dúas tempadas da pandemia, levas toda a carreira sénior no Valladares. Que significa o club para ti?

MF: Excepto a tempada 19/20 onde estiven de Erasmus en Italia e a 20/21 onde xoguei no Estudiantil de Santiago por estudos, o resto da miña carreira estivo en Valladares. Cheguei un pouco de casualidade porque me chamaron para que fose e ese ano xa foi un bo ano para min. O ano do Estudiantil foi duro porque non participei moito e o primeiro que se me pasaba pola cabeza era volver a gozar co fútbol no Valladares. Volvín ao club e sempre tiña moitas opcións para saír a outros sitios, pero sempre decidía quedar porque non ía encontrar algo como este club. É o sitio onde máis cómodo estou en todos os niveis, pero sobre todo no vestiario. Aquí teño aos meus mellores amigos e non podo dicir outra cousa que non sexa positiva. O Valladares significa moitísimo para min porque é o lugar onde máis feliz estou e onde logro sacar a miña mellor versión.

FIG: Que esperas da próxima campaña? Tes decidido onde vas xogar ou aínda é moi cedo?

MF: Espero que o Valladares poida competir ben na Terceira o próximo ano e seguir traballando como este curso. O obxectivo será acadar a permanencia aínda que será difícil porque hai moito nivel. O cadro de xogadores non vai cambiar moito respecto a esta tempada pero o equipo este ano respondeu moi ben e espero que se poida loitar pola permanencia. A nivel persoal sería un soño xogar co Valladares en Terceira logo do ascenso e teño moita ilusión por seguir aquí.

Miguel Freiría no centro do gol que puxo o 1-0 no marcador fronte ao Atios. Imaxe: Cedida

FIG: ⁠Quédavos a Copa Deputación, é o voso obxectivo agora loitar por poder gañala, clasificar á Supercopa e loitar por un oco na Copa do Rei ou considerades que está todo feito e o que veña ben recibido será?

MF: Despois de terminar a liga o noso obxectivo é loitar por gañar a Copa Diputación. Ogallá poder optar a un oco na Copa do Rei do próximo ano, algo que sería duplicar o premio e facer desta tempada algo moi incrible se un equipo de Primeira División acaba visitando A Gándara. Temos a confianza que da o ascenso e imos pelexar pola Copa para redondear a campaña.

Miguel Freiría, CD Valladares: «Neste club é onde estou máis feliz e onde saco a miña mellor versión»

O equipo de mozos que soñou con

Miguel Freiría, CD Valladares: «Neste club é onde estou máis feliz e onde saco a miña mellor versión»

As primeiras campioas da Terceira Galega

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *