# Hashtag

Os campos de terra resisten na Primeira Galicia de Ourense

Xa o cantaban os Diplomáticos de Monte Alto: o “fútbol total” practícase nos campos de terra. Estas superficies están en risco de extinción, pero na Primeira Galicia de Ourense aínda sobreviven dous. Trátase do Carqueixal, a casa do Seixalbo, e o Pau Rañado, o campo do Cartelle, se ben este último xa semella ter os días contados.

No caso do Seixalbo, no club ourensán teñen constancia da existencia do campo dende o ano 1931. Un recorte de prensa de decembro dese ano xa falaba dun encontro alí disputado, no que o ‘Sejalvo’ vencera 1-0 ao Rairo. O capitán do club na actualidade, Diego López, apunta que máis alá de pequenas obras nos anos 40, da construción da bancada nos setenta e uns arranxos no terreo de xogo no 2015, “o campo está todo igual”.

No tempo de chuvias chega o principal problema dos campos de terra O Seixalbo mesmo bromeou o último inverno coa posibilidade de abrir un club náutico. “Tivemos que facer unha zanxa no lado das bancadas, pero agora o campo drena bastante ben”, apunta Diego.



Pola súa banda, o Cartelle viuse obrigado a alugar un campo en Ourense para poder adestrar. “Se adestras o xoves ou o venres cando chove, o campo queda nun estado que impide xogar”, sinala o seu presidente, Justo Antonio Taín. A pasada tempada xa viron como se tivo que suspender un encontro por este motivo. “O artificial sería unha salvación”, di.

Aínda que poida parecer que este tipo de campos benefician ao conxunto local, non sempre é así. Justo Antonio Taín explica que no Cartelle “ata o de agora víñanos ben, pero este ano, polo formato de equipo e o xeito de xogo, prexudicounos á hora de facer o noso fútbol. A pelota roda totalmente diferente e o seu contacto coa superficie non é como na herba”.

O campo de terra non só inflúe á hora de xogar, “senón sobre todo para fichar, pois moitos rapaces novos non xogaron nunca en terra”, sinala Diego. Ademais, o seu mantemento implica moito máis tempo e traballo. O día antes de cada partido, un grupo de integrantes do Seixalbo acoden ao Carqueixal durante varias horas a pintar o campo e poñelo a punto. “Queriamos ter base, pero con este campo é imposible”, sinala Diego.



Campos de terra, os días contados

A ACD Cartelle fundouse en 1988 e alí xa estaba o campo do Pau Rañado. Máis de 35 anos despois, xa está aprobada a construción dun campo artificial. “Agardemos que se execute nos vindeiros meses. A idea do Concello é empezalo en xullo, pero tampouco temos moita fe”, lamenta o presidente da entidade.

O Pau Rañado está en terra “porque nunca houbo predisposición nin por parte de administración nin dos comuneiros de Pereda, que son os propietarios do campo, para que sexa en herba”.

Tamén no Seixalbo loitan por un campo de herba artificial. “Está algo avanzado, pero non hai nada firme. Falamos co Concello e coa Deputación, pero o problema é que o campo é dos comuneiros, e primeiro teñen que cedelo. A Federación xa nos prometeu a súa axuda. Agora hai predisposición, pero levamos anos así”, di Diego.



Unha das obras previstas vaise a case un millón de euros, contando coa instalación do céspede, unha bancada nova e os vestiarios, “porque o campo está moi vello”. Nos últimos anos, a masa social do club ourensán incrementouse notablemente. “Somos un equipo que move moita afección e metemos moita xente os domingos. Non hai nin baños para o público e se chove, móllaste. Son todo problemas”, conclúe.

Os campos de terra resisten na Primeira Galicia de Ourense

Marta Álvarez, CD Lugo: «Pensabas na xente

Os campos de terra resisten na Primeira Galicia de Ourense

Diario Dun Mercado Preferente Sur. Episodio 3

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *