# Hashtag

As camisetas ‘made in’ Galicia enchen os campos de fútbol

As camisetas de fútbol levan tempo de moda e xa non é estraño lucilas no día a día, máis alá dos campos e dos días de partido. Tamén é cada vez máis frecuente que os equipos de Galicia opten por marcas que deseñan e fabrican estas prendas na propia comunidade. Firmas de roupa consolidadas, como a porriñesa Zico, ou outras con menos traxectoria, como a ourensá Coolsport, por citar algunhas, están cada vez máis presentes nos campos galegos.

A chave do éxito destas marcas é o trato próximo cos equipos e a posibilidade de ofrecerlles deseños personalizados. Estes permiten aos clubs diferenciarse e engadir nos seus uniformes elementos característicos das súas vilas. Deste xeito, crean camisetas atractivas que a afección recibe con especial agrado. Nestes días traballan arreo para que os clubs teñan toda a roupa necesaria no inicio das competicións

Zico, unha longa traxectoria

Unha das marcas galegas de roupa deportiva máis emblemáticas é Zico, con sede no Porriño. No que a fútbol se refire, viste ao Coruxo de Segunda RFEF e ao Betanzos e o Valladares de Terceira, entre outros moitos. Son preto de 200 equipos en total en Galicia, porque tamén traballan fóra da comunidade, tendo moita presenza en Navarra.



Zico comezou a funcionar en 1988 a iniciativa do exciclista José González. Primeiro fabricaba só calcetíns, pero pouco a pouco foi medrando. Na actualidade, elabora na súa factoría todos os produtos que comercializa e desenvolven alí todo o proceso. Dende o deseño inicial á corta da tela, a confección, o bordado e a estampación.


Unha das técnicas máis empregadas na actualidade é a da sublimación en prendas brancas de poliéster. Moitos equipos galegos locen estas camisetas nas que non existe ningún tipo de relevo, a diferencia da serigrafía. As fábricas teñen planchas térmicas para trasladar o deseño ás prendas. Zico compatiu na súa web un vídeo que explica este proceso paso a paso.

Unha das súas creacións máis lembradas é a emblemática camiseta da época dourada da SD Compostela. As cores habituais do equipo, a publicidade de Escurís e o logo de Zico foron testemuño dos mellores momentos do club compostelán.



Vestimos deportistas de elite de múltiples deportes que colleitaron éxitos deportivos por todo o mundo”, destacan dende a firma porriñesa.

As camisetas de Coolsport enchen Ourense

O Ourense CF experimentou unha incrible viaxe, pasando en poucos anos da Terceira á Primeira RFEF. Nese periplo non mudou o seu adestrador, Rubén Domínguez, nin tampouco a marca das súas camisolas, Coolsport. Esta firma ourensá leva anos traballando e xa está máis que consolidada no sector. Os seus tres deseñadores empréganse a fondo para ofrecer aos club prendas identificativas e únicas.

Na actualidade, viste arredor de 100 equipos da provincia, dende a Terceira Futgal, pasando por categorías inferiores e ata este Ourense CF que compite no terceira chanzo do fútbol estatal. As camisetas elaboradas nas máquinas de Coolsport percorren a metade norte de España cada 15 días.



Outras marcas habituais nos campos

O número de equipos que visten camisetas de marcas galegas é elevado, polo que como é lóxico tamén hai un bo número de empresas deste tipo. En Lalín desenvolve a súa actividade 3Deza8, dedicada a sublimación sobre diversos soportes cun equipo formado por persoas con 20 anos de experiencia. No Porriño funciona tamén Trezze.

De Palas de Rei é Softee. Conta con máis de 6.000 referencias no seu catálogo, que abarca tamén outros deportes. Na actualidade traballan moito o pádel. Como non podía ser doutro xeito, o Palas CD, de Segunda Futgal, loce camisetas desta marca luguesa.

Nos últimos tempos gaña terreo DK Sportswear, que viste a equipos como o Boiro da Terceira RFEF. Ademais deseñou para a Federación Galega de Fútbol a camiseta ‘Terra Galega’, unha prenda conmemorativa do partido amigable entre a Irmandiña e Panamá. Un dos seus últimos traballos é a roupa coa que regresa aos terreos de xogo o Huracán de Zamáns, da Terceira viguesa.

Na localidade coruñesa de Ribeira naceu en 2011 a empresa que, dende 2013, se denomina Nuxak. Visten o Cidade de Ribeira, da Preferente Norte, e teñen presenza en diferentes deportes. Outra marca que aparece na camiseta do equipo da súa localidade é Keltia, de Xinzo de Limia, na que confía o Antela de Primeira Futgal.

No outro lado da raia, en Portugal, hai marcas que tamén fabrican para equipos galegos. Juvan, por exemplo, é a firma encargada de vestir o Verín CF, mentres que CDT Equipamentos fabrica as camisetas do Galicia de Mugardos, ambos os dous de Preferente.



Imaxe: Zico

As camisetas ‘made in’ Galicia enchen os campos de fútbol

Javi Rey (Racing Villalbés): «Simón convenceume rápido

As camisetas ‘made in’ Galicia enchen os campos de fútbol

Manu Vilán, UD Atios: «Cando se mantén

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *