# Hashtag
revolución-fútbol-feminino-da-costa

A revolución do fútbol feminino da Costa

A comarca da Costa da Morte está vivindo unha auténtica revolución. Un total de 16 equipos da contorna entraron en competición a pasada campaña. De cara a nova tempada semella que este número incrementarase coa aparición de novos clubs que están intentando conformar equipo.

Dende a creación da sección feminina do Bergantiños FC no 2016, a estrutura futbolística na Costa non parou de crecer e de romper barreiras. O traballo da formación carballesa levounas a acadar o ascenso á categoría nacional por primeira vez na súa historia. O pasado ano creouse tamén unha liga propia na Terceira Galega. Un fito histórico e moi reclamado polos seguidores onde competiron doce equipos da bisbarra, saíndo campión o CF Dumbría.

Un crecemento sen présa e sen pausa

Na actualidade, varias entidades están en proceso de montar a súa propia sección feminina impulsando xornadas de portas abertas para captar xogadoras. Clubs como o Sporting Zas, a Esteirana, o Soneira, o Atlético Cercedense ou o Laxe buscarán formar parte desta revolución. Tamén vemos clubs que xa contan cun equipo senior e que agora buscan crear unha base con xogadoras máis novas, como por exemplo o caso do Corme.



Para entender mellor este fenómeno, falamos con Laura Rodríguez, xornalista malpicá, futbolista do Ponteceso e creadora de Mareando o Xogo. Un proxecto que naceu como Traballo de Fin de Grao e no que busca pór en valor o fútbol da zona a través da voz das súas protagonistas, as xogadoras da Costa.

revolución-fútbol-feminino-da-costa
Xornada de portas abertas do Soneira SD. Facebook Soneira SD

«Ver como outros clubs se animan impulsa a facelo porque non te queres quedar atrás. Ademais vese que é algo positivo para o club e para a bisbarra. É un traballo de todas que xorde desas ganas por ver crecer este deporte na Costa. En moitas ocasións, as propias xogadoras loitan porque se conforme o equipo e son elas mesmas as que buscan a xente para que se leve a cabo».

O fútbol na comarca conta cun gran seguimento. Na pasada edición da Copa da Costa puidemos ver como centos de afeccionados enchían o asentos do campo da Arliña. Isto tamén é unha motivación extra tanto para clubs como para xogadoras: «Nos últimos anos está tendo un gran crecemento, o ano pasado houbo 7 novos equipos, este ano outros 4/5 que esperemos que cheguen a conformarse, creo que todo se está indo por moi bo camiño».



Laura comenta a importancia das persoas que impulsan estas iniciativas: «Hai persoas como Fran Figueroa, que xa vai polo seu terceiro proxecto de conformar un novo equipo feminino, que axudan e están sempre aí pendentes para que se constrúa unha boa estrutura no fútbol da Costa da Morte».

Un futuro prometedor

Un dos clubs que quere sumarse ao crecemento do deporte da bisbarra é a SD Esteirana. Comentamos o seu futuro co seu adestrador, Fran Figueroa. Xa mencionado anteriormente por Laura, a traxectoria de Fran está moi ligada aos equipos costeiros. Tras pasar polos bancos das Miúdas e do Dumbría, agora móntase na «traiñeira» da Esteirana para guiar o seu rumbo.

«O proxecto en Esteiro é un dos que mellor base para traballar pode ter. A directiva apostou por formar un grupo técnico como poucos do que se ve pola zona nestas categorías. Contar con Uxía Saborido (adestradora e preparadora física) que coñece o deporte de alto rendemento, con Silvia que nos axudará no apartado físico e de readaptación, e con Manola como delegada pois da mostras dá seriedade da Esteirana».



Fran Figueroa na súa presentación coas impulsoras do proxecto. A voz da Esteirana

Fran destacou a importancia das referentes: «Vexo necesario que as que dirixan o barco sexan mulleres, coñecedoras do deporte como referentes directas. Eu espero aportar o coñecemento que me deron estes anos estar aprendendo de tódalas futbolistas coas que tiven a sorte de compartir escudo».

As xornadas de adestramentos abertos da Esteirana, e as do resto de equipos, foron un éxito: «Aínda agardamos incorporar a algunha outra que falta por animarse a formar parte da nosa familia roxazul, para facer camiño no fútbol, pero sobre todo desfrutar da competición nun equipo feito por e para elas».

Este movemento imparable está transformando o fútbol e a comunidade, inspirando a unha nova xeración de futbolistas da Costa: «O crecemento a nivel competitivo permítelles ter opción de escoller onde desfrutar do deporte que lles gusta, e poder valorar os proxectos da mesma maneira que se fixo sempre en categoría masculina».

A revolución do fútbol feminino da Costa

Diario Dun Mercado Preferente Sur. Episodio 4

A revolución do fútbol feminino da Costa

O CD Lugo e o Arenteiro, inscritos

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *