Poucas modalidades futbolísticas lle quedaban por probar a Andrea Mirón, unha das figuras máis destacadas do fútbol feminino galego. Tras comezar en fútbol sala, despuntar en fútbol once e facer historia no fútbol praia, agora tamén dá o salto á Queens League.
No seu debut nesta competición innovadora e creada polo ex-futbolista Gerard Piqué, uniuse ao conxunto de Aniquiladoras. A súa versatilidade e a súa experiencia no fútbol profesional están a convertela nunha das sorpresas da liga. Este acontecemento é só un capítulo máis na extensa traxectoria de Andrea e que decidimos repasar coa súa axuda.
Os inicios da pontevedresa
O camiño de Andrea no fútbol comezou dende moi nova, motivada polo apoio do seu irmán. Dende o xardín da súa casa ata que a apuntaron no Queiroga FSF. Entre os equipos galegos da súa traxectoria aparecen o Pontevedra, o PM Friol e o Olivo.
Así e todo, o camiño non foi doado. A xogadora recorda como as oportunidades escaseaban. «Naqueles tempos, a xogadora galega non era moi coñecida e para poder ser vista tiñas que ir á selección galega ou á española. Iso era moi difícil, xa que naqueles tempos nin nos miraban os nosos propios seleccionadores, entón iso facía máis difícil saír de Galicia. Tiven dúas oportunidades para xogar en Primeira pero non tiven valor, non me sentía preparada para afrontar ese reto».
No seu último ano no conxunto olívico chegoulle unha oferta do SC Braga. Oferta que non dubidou en aceptar e que se converteu na súa primeira aposta polo fútbol profesional. Na súa carreira polo territorio luso xogou en Famalicão, Torreense e Damaiense.
FIG: Fai uns 15 anos militabas nas filas do Pontevedra. Este ano coñeciamos a unión entre a entidade granota co Atlético Villalonga (antes Interrías). Cal é a túa opinión ante este movemento?
AM: «Cando o vin púxenme feliz, pero á vez deume moita pena. Creo que se tiña que crear directamente unha sección feminina no Pontevedra CF, pero o que realmente penso é que nunca tiña que ter desaparecido. Foi unha xestión horrible a que se fixo e terminou coa nosa historia. Gustaríame dar as grazas a Nino Mirón por apostar polo Pontevedra Feminino nun momento no que ningún equipo masculino era capaz de facelo».
Un palmarés cheo de area
FutbolinGalicia: Como foi o salto ao fútbol praia? Unha modalidade onde agora estades batendo récords tanto ti como Sara Tui ou Carol González entre outras.
Andrea Mirón: «Teño moitísima sorte de poder vivir todo isto ao carón das miñas mellores amigas. Ningunha das 3 esperabamos isto cando comezamos neste deporte, porque no inicio non existían case competicións. Aínda non nos cremos todo o que estamos vivindo, creo que ata que non nos retiremos, non imos ser conscientes de todo o que conquistamos xuntas».
FIG: Para a xente que poida estar lendo o artigo e non coñeza moito o fútbol praia, consideras que é moi diferente do fútbol once? que foi o que che enamorou dese deporte?
AM: «Non ten nada que ver un co outro. O fútbol praia é puro espectáculo e adrenalina, é un deporte que che fai gañar ou perder no último segundo cando menos o esperas. As que xogamos tamén amamos este deporte polo ambiente que se vive, é moi sano, a xente só se centra en desfrutar (gañando se pode ser) e en vivir o momento».
FIG: Contades cun palmarés histórico coa selección de fútbol praia e estivestes nomeada tamén este ano aos beach soccer stars…consideras que estás no teu mellor momento futbolístico?
AM: «Sinto que cada ano estou no meu mellor momento. Estiven nomeada en 3 ocasións e nas 3 puiden desfrutar coa miña familia nunha cidade que nunca imaxinei estar. Non gañei o premio individual pero valoro o importante que é querer mellorar, non conformarse e seguir traballando para dar o mellor polo equipo e a selección. Teño que deixar unhas palabras ao CD Higicontrol e ao ATM Melilla, porque este ano grazas a eles puiden adicarme só ao fútbol praia, e iso é algo que levaba moito tempo soñando».
Unha raíña galega máis para a Queens League
FIG: Se todo isto parecía pouco, agora sumaste tamén ao formato da Queens League co equipo de Aniquiladoras. Como xurdiu a oportunidade de unirte e como estás vivindo a experiencia?
AM: «Foi unha casualidade, o ano pasado intereseime polo funcionamento do formato e comecei a falar con David Ibáñez que o coñecia moi ben. Agora mesmo el é o director deportivo de Aniquiladoras e, no mesmo momento que aceptou ese cargo, chamoume e eu aceptei. Tiña curiosidade por saber que se sentía xogando aí».
FIG: Na competición tamén hai xogadoras galegas de renome como Mari Paz Vilas. Cres que é un formato que se pode manter no tempo e que pode atraer nova audiencia ao fútbol feminino?
AM: «Penso que sí, é un formato que engancha ao espectador e aos que xogamos. Están facendo unha aposta forte para que funcione onde cada split ten máis nivel e estánse unindo xogadoras que foron referentes en España».
Unha mirada cara a terra e cara o futuro
FIG: Volvendo a Galicia, segues algunha liga ou a algún equipo en concreto? estás ao día do que acontece por aquí ou non tes demasiado tempo?
AM: «Estou bastante pendente das Celtas, do Deportivo e do Friol. Gústame a miña terra e sei da calidade que hai alí».
FIG: Que cres que falta en Galicia para que o fútbol feminino colla máis impulso?
AM: «Penso que se están facendo as cousas ben. Coa aparición das Celtas e que o Dépor subira a primeira, seguramente volvamos a ter moita visibilidade. Non podemos esquecer que moitas das xogadoras que creceron no Deportivo, hoxe en día están sendo importantes en 1ª División e na selección. Se tiro polo meu deporte preferido, faltaría crer de verdade e comezar a formar xogadoras de fútbol praia. Nós conseguimos gañar 3 campionatos de fútbol praia coa selección galega e boto de menos que exista unha aposta por elas».
FIG: Gustaríame saber cales eran as túas referentes cando eras nena, ou se as tiñas.
AM: «Os meus referentes eran homes xa que naquel momento non tiñamos exemplos de xogadoras como hai agora. O meu xogador favorito sempre foi Roberto Carlos».
FIG: Que obxectivos ou soños che quedan a nivel profesional? Canto tempo imos poder seguir desfrutando do teu fútbol?
AM: «Agora mesmo síntome como o viño, cada ano que pasa síntome mellor, por iso non sabería dicirte cantos anos me poden quedar. O que si teño claro é que cando se peche esta etapa abrirase outra como adestradora. É outro dos meus soños por cumprir, son moi ambiciosa e terminarei conseguíndoo, pero para iso teño que seguir formándome».
FIG: Poderías compartir con nós algún momento memorable ou anécdota que gardes con especial cariño da túa carreira?
AM: «O máis importante da miña vida é a miña familia. Na miña cabeza, cada vez que penso neles, teño a imaxe nos premios HQR en Pontevedra, de velos a todos sentados, observándome orgullosos. Eu estaba morta da vergonza, sen saber falar e con ganas de chorar, porque non hai maior felicidade que ver ás persoas que máis queres neste mundo felices».