Flashscore, BeSoccer, Mis Marcadores… Nos últimos tempos xurdiron infinidade de aplicacións para seguir en directo o fútbol. Pero cando falamos do noso fútbol, o galego, hai un portal que non ten rival, Marcador Galego. Non é estraño atopar os domingos nos campos de todo o país seareiros con esta páxina aberta no móbil. O seu deseño é característico, como tamén o é ver en movemento o último gol anotado, xa sexa na Primeira División como na Terceira RFEF ou no fútbol feminino.
O proxecto de Marcador Galego xurdiu hai uns 20 anos. Detrás está o profesor e xornalista Ramón Latas, que conta a FutbolinGalicia que comezou “aproveitando un deses sitios de internet que acollían webs de balde, Geocities”. O problema era que eses portais permitían só un certo tráfico e, na última xornada desa primeira tempada, a capacidade non foi suficiente para acoller tanta cantidade de visitantes. “A cousa foi medrando” e o administrador da páxina decidiu dar un paso máis e facerse cun dominio propio.
O certo é que non só o público de Galicia consultaba Marcador Galego neses inicios. Moitos madrileños eran asiduos da páxina, pois os equipos desa comunidade compartían grupo cos galegos na Segunda División B. Nesa categoría competía entón o Rayo Vallecano. Como anécdota, Ramón conta que os seus afeccionados, durante un partido sen interese do equipo da franxa vermella, comezaron a celebrar nun foro de internet os goles que ían vendo en Marcador Galego.
Mesmo o programa deportivo das fins de semana de Onda Madrid (a emisora pública autonómica) recorría moito a Marcador Galego. “Un día ata me enviaron unha mensaxe!”, di. Tamén dende o ‘Galicia en Goles’ da Radio Galega se puxeron en con el interesados polo seu traballo. Un labor que o fai estar as fins de semanas seguindo multitude de encontros ao mesmo tempo. “Isto permíteme ver varios partidos, pero non determe moito neles, pois sempre teño que estar pendente de goles en diferentes campos”, explica Ramón.
O crecemento de Marcador Galego
Co paso dos anos, o portal fíxose máis e máis coñecido e seguiu incorporando categorías. O que nunca mudou foi o deseño da páxina. Marcador Galego amosa todos os partidos en activo que abranguen aos equipos galegos nunha mesma lapela, con diferentes cores sobre un fondo celeste. “Algún di que é moi cutre, pero unha vez intentei cambialo e foron moitos os que me dixeron que era mellor así, que é moi cómodo”, sinala. Marcador Galego é inconfundible.
O traballo de Ramón Latas á fronte de Marcador Galego está moi valorado polos seguidores do fútbol galego. Precisamente, esa comodidade de poder consultar todo o fútbol dun vistazo, sen ter que ir pasando de lapela en lapela, é un dos aspectos que máis salientan os usuarios.
O seu labor a prol do fútbol galego foi recoñecido en xuño de 2022 pola Asociación de Clubes Galegos de Fútbol. Esta entidade distinguiu a Ramón Latas co premio Jesús Lodeiro, para medios de comunicación. Un galardón que premiou proxectos como Fica Coa Bola e profesionais de reconocido prestixio, como Xaime Escudeiro, voz do Celta na Radio Galega, ou Andrés Vieites, aínda en activo neste mesmo medio.
Pero houbo outros momentos que tamén emocionaron ao administrador de Marcador Galego. “Cando faleceu meu pai puxen un aviso na portada dicindo que, por ese motivo, non podería actualizar a páxina. Ese día non deixei de recibir mensaxes de apoio, dándome o pésame. Iso emocionoume moitísimo”, relata.