# Hashtag
Marta Álvarez, CD Lugo: «Pensabas na xente que non podía estar no campo e dabas un pouquiño máis tamén por elas»

Marta Álvarez, CD Lugo: «Pensabas na xente que non podía estar no campo e dabas un pouquiño máis tamén por elas»

Final feliz para a primeira experiencia do Lugo en nacional

Tras unha dura tempada, o CD Lugo acadaba a permanencia en Terceira RFEF no derradeiro encontro de liga. As lucenses gañábanlle a partida ao Umia CF que descende tras 4 tempadas en categoría nacional. O conxunto lugués acadaba así 29 puntos na táboa clasificatoria que certificaban a súa presenza na competición por un ano máis.

Un final de infarto para as de Joaquín Blanco que cumpriron co seu cometido. A tres xornadas de rematar a liga precisaban gañar os tres partidos que lles quedaban e así o fixeron. Malia que as de Barrantes conseguían empatar o encontro non lles foi suficiente. Os tantos de María Cortina e de Iria Pérez no campo da Cheda facían que gañasen o partido as locais por dous goles a un.

O nacemento da sección feminina do CD Lugo

No 2019 o CD Lugo e a PM Friol rompían o seu convenio no ano onde acadaban, de forma conxunta, o ascenso á segunda categoría do fútbol nacional, daquela Primeira B.



Ascenso e triunfo na Copa Deputación na tempada 22/23. CD Lugo

Deste xeito, o club albivermello iniciaba un novo convenio coa SCD Milagrosa que viña de descender á Segunda Galega. Esta sección feminina desenvolvida polo Lugo tiña un foco claro: ascender á Primeira Galicia cunha base de futbolistas novas e da provincia.

Dende entón, o equipo seguiu medrando ata chegar a este primeiro ano en categoría nacional. As lucenses comezaban a súa aventura con moi bo pé, cunha vitoria na casa do Gijón FF. Aínda así, non acadaron a salvación ata o último suspiro do campionato.

Do resto de detalles da tempada fálanos Marta Álvarez, xogadora do CD Lugo que formou parte do ascenso e que coa que analizamos as claves da permanencia. Esta futbolista formouse no Antas SD polo que tamén coñece de preto a realidade do fútbol lucense.



Unha tempada para definir o termo resistencia

FutbolinGalicia: O ano pasado conseguiades o ascenso á categoría nacional ante o Bergantiños nos penaltis. Como foi esa experiencia ao acadala por primeira vez na historia do equipo?

Marta Álvarez: Foi moi tenso, viñeramos de perder na ida da final entón tiñamos que remontar. Empezamos encaixando no inicio e tivemos que ir todo o partido contracorrente, creo que nos anularon un gol e despois metemos o empate. Conseguimos aguantar e ir aos penaltis que son unha tómbola. Foi un momento de bastante euforia, de conseguir o que traballaramos todo o ano e un pouco de liberación, de alegría e de deixar a tensión e celebrar.

FIG: Chegades á Terceira RFEF e comezades con bo sabor de boca, pero a medida que avanzan os partidos non acadades tantos puntos como quizáis vos esperabades. Fálame un pouco das vosas impresións tanto ao inicio da tempada como durante eses momentos de maior dificultade.



MÁ: Creo que tan só dúas xogadoras como moito xogaran en nacional, entón iamos cos pés na terra. Era un gran cambio, sobre todo moito cambio de ritmo e había que adaptarse. O primeiro partido foi fóra da casa e nun campo onde nos decía todo o mundo que era difícil. Conseguimos un 0-3 e se cadra de aí a xente pensou que as cousas ían ser moito máis fáciles pero nós sabiamos que non.

Sabiamos que iamos xustas de xente, comezaron a vir as lesións, xuntáronse rivais de seguido moi difíciles, moitas goleadas. Houbo que facer un pouco acto de heroicismo, de aguantar, de remar e de pensar que se se traballaba ían mellorar a cousas. Nos 3 últimos partidos tiñamos que conseguir 3 vitorias, porque os de atrás apretaron moito. Plantexamos os 3 partidos como 3 finais.

Analizamos a permanencia do CD Lugo na Terceira RFEF da man da súa xogadora Marta Álvarez
As xogadoras albivermellas celebrando a permanencia no último encontro. CD Lugo

FIG: Que cres que foi o que vos faltou para poder acadar antes esa permanencia ou dunha forma máis tranquila?

MÁ: A xente e as lesións. Xa eramos un plantel xusto e comezamos cunha rotura de cruzado. Houbo partidos que penso que faltabamos 3 defensas de 5 que teñan costume de xogar nesas posicións.
O plantel daba o nivel pero non había os recambios. Para min faltou un pouco de fondo de armario e de sorte, no sentido de non ter tantas baixas e tan importantes como as que tivemos.

FIG: Como lograstes mantervos motivadas e enfocadas para seguir na loita diaria e poder pelexar pola categoría ata o derradeiro partido?



MÁ: Iamos todas a unha e intentabamos seguir. Das que estabamos aí, a maioría eramos as que conseguiramos ascender e todas queriamos desfrutar do que acadaramos o ano pasado. Mantivemos o grupo e creiamos que mereciamos levar un bo sabor de boca por nós. Houbo moitas partes da tempada nas que pensabas na xente que non podía estar no campo e dabas un pouquiño máis tamén por elas, porque estaban fóra animando e foron ese apoio e ese soporte en moitos partidos.

FIG: A nivel persoal, como foi a túa experiencia esta tempada? Que diferenzas tivo para ti con respecto ao resto de anos que levas xogando ao fútbol?

MÁ: Para min foi unha experiencia de moita aprendizaxe. Foi difícil porque ademais viña dunha lesión bastante longa que non me deixou rendir ben. Houbo que facer un pouco de tripas corazón para seguir e non quedarte atrás.

Marta e Iria no cartaz promocional do partido da permanencia. CD Lugo

Aprender tamén desa parte do fútbol onde non todo é gañar unha liga, que as veces tes que aguantar, tes que remar. Días nos que tes que ir fóra e facer unha viaxe longa para volver a casa cos petos baleiros. Creo que houbo moita aprendizaxe de resistencia e de seguir. Despois tamén a de desfrutar dun fútbol mellor. Ao final se che gusta o fútbol queres xogar contra equipos que ves que teñen calidade.

FIG: De cara ao ano que vén que obxectivos tedes ou que cousas vos gustaría cambiar?

MÁ: Eu penso que este ano foi para habituarse e coñecer a categoría e agora cada ano o club ten que ir dando pasos cara adiante. Toca asentarse na categoría e de cara a medio-longo prazo mirar un pouco máis arriba. Para o seguinte, o ideal sí que sería non sufrir tanto, mostrar mellor o xogo, ter tranquilidade e sentar as bases co que xa fixemos.

FIG: No 2019 o Lugo crea a súa sección feminina, pero a provincia conta con diferentes entidades con equipo feminino. Está o exemplo do Friol, que tivo a oportunidade de xogar na Segunda RFEF pero que descende ese mesmo ano. Fálame un pouco de como ves esa aposta do teu club e cara onde debe tirar o equipo para seguir crecendo.

MÁ: Penso que é unha aposta necesaria cando eres o equipo máis potente da provincia e tes que aproveitar ese potencial. É importante non quedarse co que está feito, xa se fixo un filial e a idea é empezar a ter unha estrutura.

Aglutinar no Lugo o talento que poida saír das rapazas que están nos colexios ou nas vilas. Irlle dando unha forma máis propia, con base, con equipos e cunha aposta cara o futuro. Non vou dicir que teña que chegar a primeira porque hai que ver que recursos tes e cales non, pero si asentarse como unha referencia na provincia e en Galicia.

FIG: Gustaríame saber a túa perspectiva sobre a evolución do fútbol feminino galego. Este ano tiveches a oportunidade de comparar o nivel competitivo de aquí con equipos de Asturias e Castela. Como ves ti o nivel galego e a evolución do fútbol de aquí?

MÁ: Eu penso que está a medrar moitísimo. Por exemplo, a nivel Lugo, na copa diputación antes eran 4 ou 5 equipos e agora xa hai máis. Tamén hai máis competicións por todo o territorio, en Lugo, en Ourense, a copa da Costa… cada vez hai máis equipos e así se fixo unha categoría máis este ano. 

Os equipos galegos que estamos en 3ª Federación somos todos equipos competitivos. Temos a referencia do Depor que vai a estar en Primeira División ou do Interrías polo medio. Faltaría dar ese paso cun algún equipo máis que se asentara por enriba da Terceira Federación, pero penso que se está medrando en cantidade e en calidade. Agora tamén coa creación das Celtas penso que todos os pasos van cara arriba.

FIG: Xa para rematar, cales eran as túas referentes ou que xogadora che gustaría mencionar?

MÁ: Cando era cativa, a referencia tiña que ser un home. Logo xa vas descubrindo algunhas e ao final ás que tes na mente das primeiras que escoitaches falar na vida pois son Vero Boquete ou Ainhoa Tirapu, e penso que tamén son das que máis loitaron porque isto medre.

A día de hoxe temos estupendas xogadoras que tamén deron moito, pero se cadra, elas loitaron moito e tiveron pouco premio, entón quérome acordar desa xeración que quedou un pouco no olvido e que fixeron moito.

Marta Álvarez, CD Lugo: «Pensabas na xente que non podía estar no campo e dabas un pouquiño máis tamén por elas»

Jairo Arias, Montañeros: «Creo que nos condenou

Marta Álvarez, CD Lugo: «Pensabas na xente que non podía estar no campo e dabas un pouquiño máis tamén por elas»

Os campos de terra resisten na Primeira

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *