# Hashtag

Os Vintage: Jesús Granja Fondevila

En FutbolinGalicia non nos esquecemos de tódolos xogadores, técnicos, árbitros ou siareiros que pasaron hai anos polas nosas categorías sénior. Sen a súa gran contribución non poderiamos gozar na actualidade dunha gran saúde en categorías tan especiais coma a Terceira RFEF, a Preferente Futgal ou a Primeira Futgal. «Os Vintage» é a súa sección. A de todos aqueles que aportaron un gran de area para que o fútbol galego sexa, sen dúbida, do mellorciño do fútbol estatal. Nesta nova entrega falamos con Jesús Granja Fondevila, lenda dun club histórico galego como é o Lalín, do que dende decembro forma parte do corpo técnico do sénior.

FutbolinGalicia (en adiante FIG): De que equipos formaches parte como xogador?

Jesús Granja Fondevila (en adiante JGF): «Lalín B, Lalín, Vilaxuste e Laro.»



FIG: E como membro de corpo técnico?

JGF: «No Lalín. Willy e eu compartimos vestuario como xogadores no Lalín. Somos moi amigos, xunto co seu irmán Manu que estivo no Lugo. Willy deume a oportunidade en decembro, cando el colleu o equipo. El sabía que eu tiña unha situación persoal complicada e que o fútbol faría que olvidase os problemas de saúde e familiares. Aceptei encantado porque gústame como traballa e coñecémonos moi ben.»

«Na tempada 2012-2013 el era adestrador dos xuvenís do Lalín e eu aínda xogaba no primeiro equipo. Xuntos ascendemos ao equipo a Liga Galega en Burela. Esas son as miñas dúas incursións na faceta de adestrador.»



FIG: Cal foi o teu primeiro contacto co fútbol?

JGF: «Non empecei a xogar ao fútbol ata os dezasete anos. Comecei de casualidade, por un amigo. Saín da escola e con catorce anos fun traballar cun tratante de vacas a Santiago. Empecei con Acebedo.»

FIG: Os teus primeiros dous anos de sénior foron no Lalín B. Que recordos gardas desta etapa?



JGF: «Foron tempadas de moita ilusión. Coincidín con compañeiros que levaban toda a vida na escola do Lalín. Eu tiña moitas dificultades a nivel táctico e técnico por empezar con dezasete anos. Cando rematei a etapa de xuvenil formouse o Lalín B. Manuel Montouto decidiu montalo. Dada a miña pouca experiencia no fútbol, se non se formara o filial tería deixado o fútbol. Somos doce irmáns e tocou arrimar o ombro dende novo.»

FIG: Como se produciu a túa subida ao primeiro equipo do Lalín?

JGF: «O Lalín B desapareceu ao segundo ano da súa creación. Desas marchei ao Vilatuxe, de Terceira Rexional. Era un grupo de amigos que nos coñeciamos de Lalín. Nese momento o Lalín baixara de Segunda B a Terceira División e había problemas económicos. Fíxose un equipo bastante xeitoso con xente como Marcos Vidal ou Felipe, que eran moi bos.»

«Acebedo, que o coñecía da etapa nos xuvenís, tiña o hábito de adestrar ata un mes despois de ter rematada a tempada co obxectivo de que os xogadores non estiveran tanto tempo parados. Organizou un partido contra o Carballiño para verme, sempre mo recorda. Así empecei a xogar co equipo de Terceira División, con moi pouca experiencia mais con moitas gañas e moito traballo. Desta maneira pasei de Terceira Rexional a Terceira División. Ao principio foi complicado xa que non xogaba, pero tiven a paciencia suficiente para seguir traballando e ao final as oportunidades acabaron aparecendo.»

FIG: Que significa para ti o Lalín despois de toda unha vida formando parte del?



JGF: «Téñolle moitísimo cariño. Os que somos de Lalín estamos un pouco fastidiados porque sempre estivemos en Terceira e hai pouco tocounos pasar varios anos en Primeira Rexional. Queremos devolver ao equipo ao lugar que cremos que merece. Para min é como se fose a miña casa!»

«Imaxínate o que significaba para min, que traballo dende os catorce anos, ir a xogar un partido de fútbol: unha auténtica liberación. Estou moi agradecido ao Lalín e sempre que poida botarei un cable.»

FIG: Algunha situación ou época a destacar como xogador do Lalín?

JGF: «O paso de Terceira Rexional a Terceira División era moi grande e difícil. Aquel ano viñeran uns cantos rapaces da miña idade a probar e non quedou ningún que non fose eu. É un momento que recordo con moito agarimo. Quédome tamén coas fases de ascenso, que sempre son moi bonitas.»

FIG: Algún adestrador que te marcase de maneira especial?

JGF: «Acebedo. De feito acabei tendo unha relación de amizade con el. Pasamos moitos anos e momentos xuntos. Visiteino en Xixón inclusive. Foi a persoa que más me influiu e axudou no mundo do fútbol.»

«Teño tamén un gran recordo de Mosquera polo respecto que tiña polos xogadores. Foi un adestrador co que aprendín moitísimo.»

FIG: Vilatuxe foi o teu seguinte destino. Como definirías esta etapa da túa carreira?

JGF: «Esta etapa chegou cando eu tiña 38 anos. Tiven que deixar o Lalín nunha época na que tiven un problema familiar que rematou co falecemento do meu pai. Coñecía a varios rapaces que xogaban no Vilatuxe e como xa xogara alí hai moitos anos ofrecéronme a oportunidade de ir para alí. Todo era máis relaxado e víñame mellor ao levar 25 anos traballando nunha canteira, que ocupa moito do meu tempo. No Vilatuxe adestrabamos un par de días á semana e decidín fichar. Desta maneira seguiría facendo deporte cos amigos despois do traballo!»

FIG: A retirada como xogador chegou no Laro. Como se desenvolveu a tempada alí e por que decides colgar as botas?

JGF: «Decidín retirarme por varios factores: o traballo, distintas circunstancias da vida, a parella e a familia ou levar xa moitos anos no mundo do fútbol, que ás veces é un pouco desagradecido. Canseime e decidín parar. Moita xente vai aos campos de fútbol a soltar pola boca o que non pode noutras situacións e lugares do seu día a día. Este tema cansoume. Con 41 anos e tendo sido siempre moi respectuoso con todos, non tiña necesidade de aguantalo. De todas formas non gardo rencor!»

«Ao pouco e cun par de familiares, empecei a xogar no fútbol veterán, no que aínda sigo para pasar bos ratos.»

FIG: Actualmente es parte do corpo técnico do primeiro equipo do Lalín. Como describes esta experiencia?

JGF: «Este corpo técnico empezamos en decembro. Acabamos moi ben a fase regular. Conseguimos xerar ilusión. Levamos moitos anos na Rexional. Non quero desmerecer a naide, mais creo que temos que dar un paso. O equipo acabou un pouco agotado a nivel físico e con problemas por mor das lesións en varios dos xogadores. Os futbolistas entenderon moi ben a mensaxe xeral de Wyli e intentárono con todas as súas forzas. Estivemos a piques de conseguir o ascenso con xogadores moi xóvenes e moitos dos titulares da casa, que é algo moi meritorio.»

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *