No ano 2013, a selección galega sub-16 reunía a unha xeración chea de talento e ilusión, con xogadores chamados a dar que falar nos anos seguintes. Era unha etapa de formación, pero tamén un escaparate para promesas que soñaban con chegar á elite.
Só un dos convocados daquela lista logrou asentarse no fútbol profesional, mentres que outros dous tiveron unha breve experiencia na elite. A maioría, porén, deixaron o fútbol ou compiten xa lonxe dos focos, en categorías modestas ou noutros ámbitos da vida. Así evolucionaron os destinos daquela sub-16 galega do 2013.
Porteiros
Samu Martínez (Sen equipo): O canteirán do Celta durou en casa celeste ata 2016, cando fichou polo Santiago de Compostela, que se atopaba en División de Honra. En xaneiro de 2017 asinou polo Pontevedra e defendeu a portería granate durante tempada e media, entre o xuvenil e o filial. Tras uns anos de inactividade, o gardameta de Vilagarcía volveu poñer as luvas en 2023 para lograr o ascenso a Segunda Galicia coa UDSM Deiro. Actualmente volve estar inactivo.
Xoel del Río (Sen equipo): O outro porteiro da lista era o titular no CD Moaña. O gardameta do Morrazo ficha polo Alondras en xuvenís e alí disputa os tres anos. Tras unha breve experiencia sénior no Domaio, del Río abandona o fútbol ata 2022, cando se une ao Vilaboa de Segunda Futgal. Esa tempada disputa tres partidos e deixa, de novo, o fútbol.
Defensas
Víctor Eimil (Real Unión de Irún): Por aqueles días estaba no Racing Vilalbés, o equipo da súa localidade natal. Tras seis anos no Deportivo, algúns deles no Laracha, Eimil ficha no 2020 polo Arenteiro, co que fai dúas grandes tempadas. Tras un paso discreto polo Hércules, o lateral dereito acumulou dúas campañas na Real Unión Irún, equipo que deixou para regresar a Galicia e unirse ao Pontevedra.
Diego Pérez (Sen equipo): O defensa uruguaio formaba parte do Sárdoma durante aquela convocatoria, equipo co que tamén xogou o seu primeiro ano de xuvenil. O segundo ano desa categoría márchase ao Val Miñor e a etapa basee péchaa no Alondras, club co que disputa a súa única tempada como sénior en Galicia. Desde 2018 non se atopa información sobre a súa carreira futbolística.

Antón Alonso (Sen equipo): Criado no Areosa, este defensor vigués pasou por varios clubs da zona. Tras acabar a súa etapa basee no mencionado Areosa, Alonso comezou a súa etapa sénior no Alertanavia, co que xogou ano e medio en Preferente. En 2018 ficha polo Pontellas, fai a súa mellor tempada como sénior e sobe a Terceira. Tras medio ano sen continuidade en Porriño, o defensa ficha polo Porriño Industrial e bota outro ano e medio. Tras un ano inactivo, suma dúas tempadas no San Miguel CF (unha, cun ascenso a Segunda) e este ano volveu facer un novo parón.
Juan Brandariz ‘Chumi’ (UD Almería): Chumi recibiu a chamada da selección galega sub-16 no ano 2013, cando formaba parte da canteira do Deportivo. O defensa da Laracha deu ese ano o salto á Masía do Barcelona, onde chegou a debutar co primeiro equipo en Copa. Máis tarde fichou polo Almería, co que conseguiu o ascenso a Primeira División e continúa competindo co equipo andaluz en Segunda.
David Jiménez (Sen equipo): Tras toda unha vida deportiva no Val Miñor, club no que recibe a chamada da selección, Jiménez ficha polo Deportivo en xuvenís, completando os tres anos desta categoría en Abegondo. No seu primeiro ano como sénior (2018) continúa na estrutura coruñesa xogando co Laracha e, tras disputar só un partido co cadro vigués, retírase en 2019 no Rápido de Bouzas.

Rodri Parafita (SD Silva): O futbolista coruñés recibe a chamada da selección cando formaba parte do Deportivo, club no que está ata 2017, cando se vai ao Ordes. Tras vivir os seus dous primeiros anos como sénior en Ribadumia, en 2019 regresa a Coruña para xogar no Silva durante catro cursos. Logo dun ano en Estados Unidos, Parafita volve a Galicia co Paiosaco e na última tempada pasa da súa demarcación habitual de lateral esquerdo a dianteiro e acaba pichichi en solitario da Terceira RFEF con 17 goles.
Centrocampistas
Pablo Salgueiro (Sen equipo): O centrocampista vigués formaba parte do Celta cando foi convocado coa selección. Tras acabar a súa etapa base na canteira celeste, Salgueiro disputa o seu primeiro ano como sénior no Alondras e o segundo no Leganés B. Tras dous anos sen continuidade en Segunda B co Coruxo, o vigués baixa a Terceira para xogar co Rápido de Bouzas en 2021. En 2022 firma co Alondras, de novo, e alí xoga ata o 1 de outubro de 2024, cando rompe o ligamento cruzado.
Pedro Delgado (Céltiga CF): Pedro Delgado recibe a chamada da selección cando vestía a camiseta da SD Chantada. Ese verán márchase ao Deportivo, a seguinte firma polo Lugo e o último ano como xuvenil recala no Celta. Como sénior pasa por equipos como o Polvorín, Somozas, Racing Vilalbés, Ourense CF ou Arzúa, todos eles en Terceira, ata que en 2022 ficha polo Céltiga, onde xa estivo en 2019. Na Illa acumula tres tempadas, conseguindo retornar a Terceira nesta última campaña.
Alberto Novoa (UD Barbadás): Fóra dun breve paso polo Pabellón, o centrocampista completa a súa etapa base no Ourense CF, club no que recibe a convocatoria. Tras comezar como sénior no equipo pontino, Novoa recala rapidamente no Barbadás de Terceira. Desde esa é un habitual na categoría, onde xogou co Arenteiro, Somozas, Racing Vilalbés, UD Ourense e, de novo, Barbadás, nesta última campaña.
Álex Rey (CD Boiro): O canteirán do Celta, que antes pasara polo Deportivo, debuta como sénior no Somozas e tras bo ano asina co Polvorín, que lle fai debutar en Segunda División co Lugo. Tras outro ano a medio camiño entre ambos os equipos, xoga dous anos fóra de Galicia nas filas de Unionistas e Tarazona. Volve a Galicia da man do Barco e tras pasar por UD Ourense, Vilalonga e Boiro, este verán sorprendeu ao fichar polo Marín de Primeira Galicia.

Álex Ube (Alondras CF): Outro futbolista xurdido da canteira do Celta. O centrocampista marchouse ao Compostela antes de pasar a sénior e en Santiago estivo dúas tempadas e media. Tras acabar a campaña no Boiro, en 2019 ficha polo Estradense, no que está ata que se une ao Alondras en 2021. En Cangas acumula tres tempadas, interrompidas por un só curso no Choco.
Sergio Rey (Sen equipo): O canteirán do Lugo deixou de xogar cando deu o salto á categoría sénior, logo de varias campañas moi boas no conxunto albivermello. En 2021 descolga as botas para unirse ás filas do CD Llionés, que competía na Segunda Provincial de León. Tras esa tempada, Rey volve abandonar o fútbol.
Atacantes
Martín Fuentes (UD Ibarra): Tras acabar a súa etapa base no Celta, o extremo e lateral celeste proba fortuna no filial ata que en xaneiro pon rumbo ao Ourense CF, onde pasa tempada e media. Nese momento ficha polo Coruxo e unha grave lesión no seu segundo ano no Vao afástao dos terreos de xogo durante dúas tempadas. En 2023 recala no Rápido de Bouzas e o último curso dispútao na UD Ibarra.
Aarón Sánchez (Sen equipo): O extremo coruñés vén de anunciar a súa retirada esta semana. Formado entre Calasanz e Deportivo, Sánchez debuta como sénior no Racing de Ferrol. Tras un enorme ano no Silva, onde mete 15 goles, regresa ao Fabril e fai outro bo ano en Terceira, con sete tantos. Tras dous anos en Segunda B coa Peña Deportiva e o Coruxo, o atacante asina polo Somozas para regresar a Segunda RFEF co Vélez. As súas últimas dúas experiencias como futbolista viviunas en Estados Unidos da man do Franklin Pierce Ravens e do Fort Wayne.
Aarón Rey (Kitchee SC): O futbolista ferrolán formaba parte do Galicia de Caranza cando foi convocado. O Racing de Ferrol fichouno en 2015 e en 2016 o Celta incorporouno no seu último ano como xuvenil. Tras dous anos no filial celeste, Rey vaise ao Sabadell e consegue o ascenso a Segunda. Logo dunha tempada no fútbol profesional, baixa co Sabadell e suma o seu terceiro ano no club. Tras vestir as camisetas de Nástic e Cultural Leonesa, o extremo probou fortuna esta última tempada no Kitchee de Hong Kong.
Adri Castro (FC Hertha Wels): O canteirán deportivista durou na Coruña ata 2021, cunha cesión ao Ourense CF polo medio, xogando durante a última tempada co primeiro equipo. Ese verán asina polo Arenteiro e en xaneiro pon rumbo ao Formentera. O seu último ano en España dispútao no Palencia Cristo Atlético. En 2023 elixe emigrar e firma polo FC Hertha Wels austríaco, co que acaba de ascender á Segunda División.