O CD Moaña é o equipo de moda na Galicia. Con oito vitorias consecutivas, a última con goleada incluída na casa dun Cultural Areas que lle sacaba tres puntos (1-5), o cadro que dirixe Edu Charlín é quinto clasificado a falta das tres últimas xornadas e xogaría a fase de ascenso. Empatado a puntos co propio equipo ponteareán e co Juventud Cambados, os últimos nove puntos da liga prometen ser moi emocionantes.
Unha das pezas chaves do equipo é Jorge Guimeráns, un lateral esquerdo indiscutible nos onces do equipo celeste, no que a ilusión desborda as bancadas do Casal. O defensor de 22 anos pasa por Futbolingalicia para falar desta gran xeira, dos choques finais fronte Porriño Industrial, Beluso e Céltiga ou do feito de compartir vestiario con referentes como Mauro Nores e Jesús Varela.
Futbolingalicia: A goleada do Moaña ao Cultural Areas foi a gran noticia desta fin de semana. Como explicas este gran resultado?
Jorge Guimeráns: «É un resultado sorprendente para o que non viu o partido. A verdade é que eles xogaron entre semana e sabiamos que iso podería xogar ao noso favor. O Areas é un gran equipo que ten moi ben traballadas as mobilidades dos homes de arriba e nos puxeron en apuros na primeira metade. Logo de facer un par de axustes no bloque onde queriamos xogar e coa entrada de xente dende o banco, que deron moito ao equipo, o partido decantouse para o noso lado».
FIG: Co triunfo na Lomba xa son oito vitorias consecutivas. Cal cres que son as claves para este espectacular rendemento?
JG: «O cadro de xogadores que temos xa era bo cando as cousas non saían como queriamos, así que imaxina agora que todo sae perfecto. A iso hai que sumarlle a capacidade do equipo para adaptarse aos distintos contextos de partido. Penso que eses son os dous factores chave».

FIG: Actualmente hai un triplo empate na quinta praza entre Moaña, Cultural Areas e Juventud Cambados. Como ves esa loita?
JG: «O Areas e o Cambados teñen moi bos equipos. Penso que ata a última xornada non vai estar nada decidido e pode pasar calquera cousa de aquí ao final da tempada».
FIG: Pensas que o feito de levar oito triunfos seguidos pode condicionar no que queda de campionato?

JG: «Totalmente. Existe esta frase de que o fútbol son os últimos dez partidos e nestes últimos dez partidos a nosa liña é claramente ascendente. Seguimos cos pés na terra pero hai que ter ambición para rematar o traballo».
FIG: Este domingo recibides a visita dun Porriño Industrial que está practicamente salvado, pero os dous últimos partidos son fronte a rivais directos como Beluso e Céltiga. Que valoración fas o calendario respecto ao de Cambados e Areas?
JG: «A priori, somos os que temos un calendario quizais máis complicado. Pero teño confianza plena neste grupo e creo que, se seguimos nesta liña de traballo, podemos sacalo adiante. Non temos que ter presión. Se hai dous meses nos dixesen que iamos estar nesta posición, dependendo de nós mesmos, non o creriamos. Presión teñen que ter os que loitan polo descenso. Para nós isto ten que ser un premio á tempada e hai que desfrutalo».
FIG: Que significado tería xogar a fase de ascenso co Moaña?
JG: «Sería algo histórico. Creo que sería moi merecido para o pobo. Sentimos que a directiva e a xente están ilusionados con este Moaña porque cada vez vén máis xente aos partidos. Desde aquí animo a todo o mundo que se queira enganchar a esta tolemia do Moaña. Agardámosvos no Casal.».

FIG: No equipo que dirixe Edu Charlín destacan dous xogadores por enriba de todos, Mauro Nores e Omar Konté. Como definirías a cada un?
JG: «Mauro é Mauro, o “Messi do Morrazo”. Cando es cativo chámante a atención ese tipo de xogadores e eu crecín indo ao Morrazo a velo xogar. Aínda que el prefira a banda e me obrigue a aparecer por dentro ás veces, téñolle un grande aprecio. Creo que temos unha relación especial porque é como un irmán maior para min. Omar é unha besta. Na área manda el. Sempre me pico con el nos adestramentos, dígolle que caia pola miña banda para ver se mete algún gol, pero sempre escapa. É un xogador incrible que caeu de pé no Moaña. Estou seguro de que aínda nos vai dar moitas alegrías porque é deses xogadores que che fan sacar o mellor de ti».
«Gustaríame tamén nomear a importancia de Jesús Varela, que é un líder de vestiario único. Achegou ao equipo todo o que puido e máis, xogando ata lesionado, e agora desde fóra do campo tampouco se queda atrás».
FIG: Esta tempada es indiscutible no lateral esquerdo do Moaña. Está a ser este o teu mellor ano como futbolista?
JG: «Sen dúbida. A principios de tempada só contou comigo o Moaña e foron os únicos que me deron a oportunidade. Eu tiña pensado deixalo, pero por cousas da vida non o fixen. Comecei o ano totalmente fóra de forma porque viña do Erasmus, pero grazas ao apoio da familia e os amigos, en especial quero agradecer ao meu preparador Manu Vizoso e ao meu nutricionista Juan Pereiro, cheguei a este punto da miña curta carreira deportiva. Tentarei seguir traballando para manter esta liña positiva».
FIG: Tamén pasaches polo Gran Peña-Celta C e polo Alondras. Como recordas esas dúas etapas, especialmente a do club do Morrazo, onde estiveches toda a túa vida tanto na base como cos maiores?
JG: «Do Gran Peña lévome o recordo do gran grupo de amigos que formamos ese ano e da experiencia de vivir unha estrutura practicamente profesional de preto. Do Alondras… é o club da miña vida. É complicado poñelo en palabras. Só podo ter agradecemento. Foi o club que me formou, onde crecín, que me educou en valores e me deu amigos para toda a vida».
FIG: Na túa carreira destaca o teu paso polo NK Race de Eslovenia. Como chegaches alí e como describirías a experiencia?
JG: «Cheguei alí estando de Erasmus. Eu quería probar a experiencia de xogar ao fútbol no estranxeiro. Atopei o contacto dun adestrador ao que lle estou moi agradecido por darme a oportunidade. Desde o primeiro momento conectei moi ben cos compañeiros. Cando chegou a ficha no Nadal estabamos en descenso, pero rematamos salvándonos cunha magnífica segunda volta. Levo comigo amizades para toda a vida. Penso que este tipo de experiencias, que doutro xeito non se darían, enriquecen moito tanto no ámbito futbolístico como no persoal. O choque cultural é enorme. Recomendaríallo a todo o mundo que teña a oportunidade de facelo».
Fotografía: Santos Álvarez (Faro de Vigo)