# Hashtag

Jesús López, árbitro: «Tes que adaptarte moito ás características de cada partido»

Estamos en época de promocións: adestradores, xogadores e directivas atópanse inmersos na loita por saltar de categoría. Os resultados destas semanas marcarán o destino de moitos na vindeira campaña. Porén, o árbitro —eterno olvidado— tamén conta cos seus métodos de promoción e de descenso.

A promoción do árbitro

Logo dunha temporada esixente a nivel físico e mental, os «mellores» colexiados de cada Grupo da 2ª RFEF foron escollidos para participar nestas probas de ascenso, que mediron a súa capacidade para desenvolverse en partidos con moito en xogo, nos que os nervios están a flor de pel de futbolistas, adestradores e siareiros.

Jesús López (Sarria, 1992) foi un dos colexiados galegos propostos para dar o salto á Primeira RFEF. A decisión final dependerá do seu desenvolvemento en partidos de máxima tensión e responsabilidade: a promoción de ascenso á Primeira RFEF. Así, o lucense dirixiu o duelo entre o CD Guijuelo e UD Logroñés, que rematou con 0-0 e que correspondeu á primeira das eliminatorias polo ascenso.



Hoxe, Jesús conversa con nós para analizar o proceso de ascenso arbitral e lembrar a súa traxectoria ata a data de hoxe.

Futbolingalicia: Como chega un colexiado a ser seleccionado para promocionar?

Jesús López: Hai clasificacións para todos, ao igual que para os equipos, para os árbitros tamén. O ano que te equivocas e encadenas erros xa sabes que as túas aspiracións non van cara arriba, e os anos que todo che vai ben e os informes son positivos sabes que podes ter opcións de promocionar.



Fig: Cantos promocionan e cantos ascenden?

JL: Somos 34-35 seleccionados e os números de ascensos dependen das baixas que se dean na categoría superior. Están establecidos 5-6 ascensos por estatutos, pero o resto está por determinarse.

Fig: Houbo resolución xa, no teu caso?



JL: De momento non. Cando rematen todas as competicións publicarán a listaxe de equipos arbitrais por categorías. Na semana seguinte ao domingo 23, seguramente, saibamos algo.

«En cada partido que asubiamos hai un informador«

Fig: Confías na posibilidade do teu ascenso?

JL: Eu sempre traballo co obxectivo a curto prazo de mellorar: día a día, semana tras semana. Pero a meta é a medio prazo: rematar a temporada sendo mellor árbitro do que a comecei. E por último, a longo prazo traballo cunha ilusión, que é a de sempre: adicarlle o día por completo á arbitraxe. Hai xente que traballa con obxectivos marcados, como ascender, pero a min iso non me funciona ben.

árbitro
Jesús, no Espiñedo. Imaxe: CD Arenteiro

Fig: Dependes exclusivamente da actuación en partidos do calibre dunha promoción?

JL: Se son sincero, non sei. Supoño que terá que ver coa avaliación global. Ademais dos informes que chegan dos partidos de promoción, puntuais, a Comisión ten toda a información. Non só incluso deste ano, senón de toda a traxectoria.



«Precisas ter un «plan B»«

Fig: É profesional un colexiado de Segunda RFEF?

JL: Non, neste sentido é moi similar ao caso dos xogadores. O fútbol está ben, pero precisas ter un «plan B», como estudos ou traballos. Non somos profesionais, así que a cando remate a vida deportiva podes quedar sen ingresos.

Fig: Como se prepara un árbitro de 2ª RFEF semanalmente?

JL: A nivel físico temos uns plans de adestramento que recibimos desde o Comité nacional e unha plataforma desde onde o controlan. Temos que cumprir cuns niveis de forza, resistencia, intensidade… e cada tres meses temos que ir á Cidade Deportiva das Rozas para realizar as probas físicas. No plano teórico necesitamos actualizarnos para arbitrar cada partido, pero tamén temos controis técnicos cando temos os físicos.

Fig: Uns coñecementos e niveis físicos que son postos a proba cada domingo.

JL: Si, en cada partido que asubiamos hai un informador que realiza o seu informe e, a maiores, nós temos a obriga de ver repetido o choque e facer un informe de autoavaliación. Existe unha comisión que recibe os dous informes e, con iso, chéganche notas e información respecto ao teu partido. Ademais, sempre hai preparación do partido que vas arbitrar: clubes, xogadores…

«Xoguei na Sarriana desde infantís ata o primeiro ano sénior«

Fig: Como entraches no mundo da arbitraxe?

JL: Un pouco de forma casual. Eu estaba xogando na Sarriana, onde xoguei desde infantís ata o primeiro ano sénior. E estaba nun ano no que participaba menos no xogo e tiña máis tempo para fixarme en máis cousas (ri): a figura do árbitro, as súas decisións… A casualidade fixo que comentase isto cunha compañeira da Universidade e resultou que a súa parella era colexiado, así que puiden tirar do fío e enterarme mellor de como funcionaba este mundo.

Fig: Foi unha aterrizaxe máis tardía das que estamos vendo nos últimos anos.

JL: Si, eu levo xa 13 anos e nos últimos 5-6 vemos árbitros cada vez máis novos. Na Delegación de Lugo temos en torno a un 30% de árbitros menores de idade. Eu tiña 17 anos naquel momento, era o normal e non tiñas sensación de comezar tarde, pero é certo que agora, se empezas con esa idade, pode haber runrún. Iso evolucionou moito desde que comecei.

Fig: Como te definirías como colexiado?

JL: É unha pregunta complicada. Non todos os partidos nin todas as categorías che piden o mesmo. Como árbitro tes que ter unha capacidade de adaptación moi grande ás necesidades do partido. Se hai algo que sempre está aí no meu caso creo que é controlar o partido. Non podes perder ese control para que o partido non se che vaia das mans, para min é o básico, o máis importante. Desde aí chega todo o demais.

Imaxe de Portada: JB MONTERREY

Jesús López, árbitro: «Tes que adaptarte moito ás características de cada partido»

Copas máis baratas que a Champions, pero

Jesús López, árbitro: «Tes que adaptarte moito ás características de cada partido»

Diario Dun Mercado Terceira RFEF. Episodio 3

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *