# Hashtag
Os Diferenciais de FutbolinGalicia

Os Diferenciais da Primeira Futgal no inicio dun mes de abril decisivo

Momento de buscar os Diferenciais de FutbolinGalicia da Primeira Futgal na primeira xornada de abril.
A vitoria do Puebla, sumada á derrota do Unión, deixa aos do Caramiñal con 17 puntos de vantaxe sobre o segundo, que agora é o Cordeiro, cando faltan 18 puntos por xogarse. Os de Chofri ascenderán a vindeira xornada se puntúan.

Cinco vitorias nos últimos seis partidos leva o Vilaboa, que loitará polo play-off mentres os números o permitan. Golearon 3-0 ao Valiño, con Juan Durán poñendo o segundo. O Arcade volveu gañar e detivo a un Ribadumia que ameazaba con achegarse a eles. Jose Manuel Paramos fixo o primeiro. Tamén entre os Diferenciais Jorge Cardama, autor do gol do Flavia diante do Unión.

Tamén lidera con autoridade, neste caso no grupo 6, o Tyde, que ten 10 puntos de vantaxe con 18 en xogo. Os de Tui ampliaron marxe cos empates dos seus perseguidores. O Alertanavia acabou 1-1 ante un Val Miñor, que se adiantou con gol de Yago Rodríguez de penalti. O Gondomar, pola súa banda, asinou o mesmo resultado ante o Goián, que viu no gol de David Alonso ouro para seguir fóra do descenso. Adrián Campos asinou un dobrete para o Tomiño, que superou ao Erizana.



Abril pode ser decisivo en Ourense

Vantaxe importante ten tamén o Antela, oito por riba do segundo. Esta xornada mallaron 5-0 ao Córgomo nun partido que resolveron na primeira metade con dobrete de Jonathan Gomez e un tanto en propia. E sorpresa na zona de play-off, da que cae o Celanova, que levaba aí instalado toda a tempada. Foi pola vitoria do Monterrei no duelo directo ante os de San Rosendo, que se decidiu cun gol de Antonio Teixeira. No derbi, o Sporting Carballiño superou 4-0 ao Maside, con Iago Rodríguez inaugurando o marcador.


E seis puntos de vatanxe ten en Lugo o Burela, que colleitou unha vitoria chave ante o que era segundo, o Castro. O gol foi de Yago Martínez. Situación que aproveita a Residencia para conquistar a segunda posición. Superaron 3-1 ao Taboada con Rasilla inaugurando o marcador. E vitoria vital do Oural para saír do descenso: remontaron ante o Santaballés na Liga (2-3) e Fabián Tourón fixo o primeiro.

Grupos 1 e 2

Cun Relámpago que asalta a terceira posición do grupo 1, que dá dereito a xogar play-off, tras gañar 1-3 ao Sporting Cambre con remontada incluída. Juan Tunas non cansa de ver porta. Fixo un dobrete e leva xa 25 goles. Cinco xornadas sen perder acumula o Olímpico, sexto clasificado, que venceu ao Cedeira grazas a dous goles de Ray Galvao para darlle a volta ao marcador nos últimos dez minutos (1-2). Na parte baixa, o Galicia de Caranza apúntase á festa da loita pola salvación ao sumar tres puntos chave ante un rival directo como o Numancia de Ares. Bruno anotou dende os once metros o único gol do partido.



Unha das imaxes da xornada deixouna o grupo 2. Non puido rematar o partido entre o Fisterra e o Carral despois de que a colexiada recibise un balonazo que fixo que caese desplomada. Pendentes de que remate ese partido, segue líder o Club do Mar, seguido agora dun Dumbría que, ante o Muxía, colleitou o sexto triunfo consecutivo (2-3) sendo Daniel González autor do tanto definitivo. Vitoria importante do Tordoia para afastarse do descenso.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.



Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.

Tamén podes acceder ás listaxes dos Diferenciais das pasadas xornadas, premendo aquí.

Os Diferenciais da Primeira Futgal no inicio dun mes de abril decisivo

Os apuntes da xornada na Terceira RFEF:

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *