A loita polo ascenso directo na Preferente Sur parece estar reservada para tres conxuntos (Barco, Atios e Céltiga), especialmente tras o baixón da revelación da primeira volta, o CD Beluso. O equipo adestrado por Rafa Villaverde só sumou dúas vitorias nos últimos once partidos, unha deles o pasado domingo fronte a Atlántida de Matamá, e atópase actualmente loitando pola fase de ascenso co Juventud Cambados e o Cultural Areas.
Porén, un dos homes importantes do equipo e autor dos dous tantos que deron a vitoria ao conxunto de Bueu no Penedo do Moo, Álex Fernández, pensa que “o rendemento do equipo non foi irreal” e segue confiando no traballo diario. Hoxe, o centrocampista pasa pola nosa consulta para falar do estado de forma, o gran inicio de tempada logo do ascenso desde Primeira Galicia e outros temas de interese sobre o cadro celeste.
Futbolingalicia: Esta fin de semana volvestes ao camiño da vitoria cun triunfo ante o Matamá. Que valoración fas do partido?
Álex Fernández: «Foi un partido bastante raro e pouco habitual no campo das Laxes. Tivemos o control do partido e da posesión do balón durante os noventa minutos, aínda que o resultado acabou sendo apertado e non houbo moitas ocasión no encontro».
FIG: Anotaches os dous tantos do triunfo. Que importancia ten isto no apartado particular?
ÁF: «No apartado particular non lle dou moita importancia aos goles. Son goles que serven para axudar ao equipo que é o máis importante. Así que, máis alá de marchar contento para casa por marcar dous tantos, a importancia recala nos tres puntos».

FIG: Logo dun gran inicio onde erades a revelación da liga, o equipo perdeu enerxía e agora loita por manterse na fase de ascenso. A que cres que se debeu isto?
ÁF: «Calquera seguidor ou xogador que coñece a Preferente, especialmente ao grupo sur, sabe que é moi difícil manter a xeira que logramos na primeira volta. Somos un equipo de vila, un equipo pequeno, e coas baixas que tivemos por lesións eramos pouca xente adestrando. Esas cousas fan que sexa moi difícil manter ese gran nivel nesta categoría porque hai moi esixencia. Eu creo que simplemente foi iso o que nos afectou».
FIG: Como viviu o vestiario esta situación de dez partidos e unha soa vitoria?

ÁF: «A verdade é que o vestiario non cambiou para nada. Independentemente dos resultados, que facía que chegásemos fodidos a adestrar por non poder conseguir a vitoria, estivemos tranquilos e mantendo o gran grupo que temos este ano. Tiñamos moita tranquilidade porque sabiamos a gran capacidade que temos para poder conseguir unha vitoria en calquera momento. Aínda que pasasen máis partidos dos que queriamos, acabou chegando e agora seguimos co mesmo pensamento».
FIG: Pensas que o rendemento da primeira volta era algo irreal?
ÁF: «Para nada. De feito, creo que foi un rendemento totalmente merecido porque temos un gran grupo cunha calidade tremenda. Fisicamente somos dos mellores equipos da categoría e os números están aí por méritos nosos. Eu creo que na primeira volta ningún equipo foi capaz de meternos man e penso que o rendemento non foi irreal. Creo que conseguimos o que mereciamos porque, aínda que houbo xornadas nas que tivemos algo sorte, os números son totalmente reais e merecido».
FIG: Realmente o Beluso é un equipo recentemente ascendido e o feito de estar aí é moi meritorio. Como valoras a tempada?
ÁF: «A Preferente sur é moi competitiva porque agora levamos 49 puntos, que creo que son os puntos que fixéramos fai dúas tempadas cando descendemos. Aínda que o descenso fose por arrastres, creo que son moitos puntos para descender. Foi moi complicado o que fixemos o ano pasado de ascender tras ser descendidos por arrastres e a verdade é que tanto o ano pasado como este, cun equipo bastante cambiado e con xogadores novos, é moi difícil o que estamos a facer. É unha tempada de 10, tanto a nivel de grupo como a nivel de rendemento».

FIG: Como ves a loita pola fase de ascenso?
ÁF: «A verdade é que moi difícil porque a liga é moi competitiva e hai equipos como o Moaña, que estaba cos de abaixo e gañou cinco partidos seguidos e está a pelexar pola fase de ascenso. Tamén está o Atlético Arnoia, o Pontevedra B ou o Porriño Industrial que poden acabar chegando. Nesta liga gañas tres ou catro partidos e xa te metes na pelexa polo play off, pero perdes eses tres ou catro e case que está loitando por non descender. Vai ser algo moi complicado pero moi bonito para todos os equipos que estamos aí. Vamos a dar todo e vai quedar un final de tempada bastante bonito».
FIG: Na Copa Deputación estades nos cuartos de final tras eliminar ao Lalín e na seguinte eliminatoria tedes partido fronte o Ribadumia. Que posibilidades tedes neste torneo?
ÁF: «Para nós está sendo un hándicap esa Copa. Aínda que xa estamos nos cuartos de final, ao final, xogar partidos entre semana e ir pasando roldas é algo que non nos beneficia porque, ao ter un cadro de xogadores bastante curto, hai futbolistas que están a acumular demasiados minutos. É complicado pero creo que co equipo que temos podemos chegar a facer cousas bonitas na Copa. Hai equipos do noso nivel como o Cambados ou o Cultural Areas e para todos é difícil estar xogando dúas competicións cos equipos tan curtos que temos. Imos xogar agora contra un rival complicado como é o Ribadumia, que sabemos a capacidade que teñen. De todas formas, confío nas nosas posibilidades».
FIG: Na túa traxectoria só xogastes como sénior no Beluso, ademais dun primeiro ano no Alondras. Como definirías ao club de Bueu?
ÁF: «A miña primeira tempada como sénior foi no Alondras na Terceira e foi un un paso fugaz e gris porque coincidiu co ano do coronavirus e non tiven moitos minutos. Practicamente só xoguei co Beluso como sénior e como club só podo dicir que é un dos mellores que se pode atopar un por aquí. As persoas que traballan polo club cada día fan un esforzo incrible ao ser unha entidade pequena e a verdade é que estou moi contento. Cando cada un pon o seu gran de area, é todo máis fácil. A pesar de levar cinco anos, cada ano sorpréndeme máis e estou moi agradecido e moi contento por formar parte deste club».
FIG: Na túa etapa base formácheste no Alondras. Como recordas esa etapa?
ÁF: «Foi unha etapa que pasou rápido pero foi moi bonita e gardo moi bos recordos dela, xa que, exceptuando o último ano e medio, xoguei practicamente desde que cheguei cos meus amigos de toda a vida. Quédome con iso. Cos recordos e os momentos con eles e coñecer tamén a novos compañeiros. Marcheime de alí dunha forma un pouco rara pero sigo gardando moi bos recordos da miña etapa no Alondras».