Na Preferente Norte hai un líder que nin cede nin amosa sinal de debilidade algunha. Fronte á igualdade no grupo sur, no 1 desta categoría autonómica o Atlético Coruña Montañeros domina e avanza con paso firme cara ao asceso a Terceira RFEF.
Este sábado, o equipo de Jairo Campo despide o ano no campo de San Pedro de Visma, onde recibirán o Cidade de Ribeira. Pase o que pase no encontro, os morados rematarán 2025 como claros campións de inverno, cunha diferenza de puntos importante con respecto ao segundo clasificado.
En concreto, o Atlético Coruña Montañeros suma 41 puntos, logo de gañar trece partidos e empatar dous. Son o único equipo da Preferente (tanto do grupo 1 como do 2) que non perdeu un só partido. Os perseguidores dos herculinos son o Sigüeiro (cun partido menos) e o Sofán, ambos os dous con 27 puntos, polo que o oco aberto é de 14 puntos, unha cifra xigante.
«O rendemento é moi alto, moi por riba doutros cadros de xogadores similares ao noso e doutros orzamentos tamén parecidos ao da nosa entidade. A principio de tempada o club falárame de intentar loitar polo play-off. Estámolo cumplindo con creces, e isto é cousa dos xogadores; nós, dende o corpo técnico, intentamos axudar a que eles sexan mellores«, sinala o adestrador do Monta, Jairo Arias.
Con 26 puntos, cuarto, está o Lalín, outro equipo que pretende pelexar o ascenso. Pero se o Montañeros non quita o pé do acelerador, todo apunta que a praza de ascenso directo será para os coruñeses, e que o resto de aspirantes a xogar na Terceira RFEF terán que loitar o obxectivo dende o play-off.
O Atl. Coruña Montañeros ten claro o obxectivo
A boa marcha do Atlético Coruña Montañeros non colle a moitos por sorpresa, aínda que si chama a atención a gran diferenza de puntos con respecto ao segundo e terceiro. Con todo, os coruñeses xa deixaron claro dende o principio da tempada as súas aspiracións e obxectivos.
O coñecido dianteiro Jorge Cano, tras unha interesante carreira deportiva, volveu ao cadro morado a principios de curso. Era contundente cando o entrevistou FutbolinGalicia: «O obxectivo é claro, e polo que viñen a este club, que é quedar o máis arriba posible e ascender«.
Outro futbolista que está sendo chave para explicar a boa xeira dos coruñeses é Pape. O futbolista, de 26 anos, suma xa 14 tantos, que o converten no máximo goleador do grupo 1. E se falamos de goles, cómpre salientar tamén os tres que anotou Hugo Mato a pasada xornada.